Capítulo 30

1 Palabra que veu a Xeremías de parte de Iahveh, dicindo: 2 Así di Iahveh, Deus de Israel: -Escribe nun libro tódalas palabras que che falei. 3 Porque, velaí, veñen días, di Iahveh, cando restaurarei o benestar do meu pobo, Israel e Xudá. Tamén os farei volver á terra que dei aos seus pais, e han disfrutala. 4 Estas son as palabras que Iahveh falou sobre Israel e Xudá: 5 Así di Iahveh: "Oín voces de terror, de pánico, e non de paz! 6 Preguntade agora, e vede se dá a luz o varón. Entón por que vexo a tódolos homes coas mans sobre os seus lombos, coma muller de parto e os seus rostros pálidos e cheos de medo? 7 Ai! Porque grande é aquel día, non hai outro semellante a el; é tempo de anguria para Xacob, pero dela será librado. 8 Acontecerá naquel día - di Iahveh dos exércitos - que quebrarei o xugo do seu pescozo e racharei os cabestros, e os estranxeiros non volverán a sometelos a escravitude, 9 senón que servirán a Iahveh o seu Deus, e a David o seu rei, a quen Eu levantarei para eles. 10 Así que ti non temas, o meu servo Xacob - di Iahveh - non teñas temor, Israel; porque velaí, salvareite de lugar remoto, e á túa descendencia da terra da súa catividade. E Xacob volverá, e estará acougado e seguro, e non haberá quen o espante. 11 Porque Eu estou contigo - di Iahveh - para salvarte; pois rematarei con tódalas nacións entre as que te dispersei, pero a ti non te hei destruír, senón que te castigarei con xustiza; de ningunha maneira te deixarei sen castigo. 12 Porque así di Iahveh: "Incurable é o teu quebranto, e grave a túa ferida. 13 Non hai quen defenda a túa causa; para a túa chaga hai cura, dolorosa é a túa ferida. 14 Todos os teus amantes esquecéronse de ti e xa non te buscan; porque feríronte coa ferida do inimigo, co castigo do inimigo cruel, polo grande que é a túa iniquidade e o numerosos que son os teus pecados. 15 Por que te laias por mor da túa ferida? A túa dor é incurable. Pola grandeza da túa iniquidade e o grande número dos teus pecados, fixenches isto. 16 Por tanto, todos os que te devoran serán devorados, e todos os teus adversarios, todos eles, irán ao cativerio; todos os que te saqueen serán saqueados, e todos os que te despoxen serán despoxados. 17 Porque Eu restaurarei a túa saúde, e sandareite das túas feridas - di Iahveh - porque te chamaron repudiada, dicindo: esta é Sión, ninguén se preocupa por ela! 18 Así di Iahveh: "Velaí, restaurarei o benestar das tendas de Xacob, e terei misericordia das súas moradas; a cidade será reedificada sobre as súas ruínas, e o pazo será asentado onde lle pertence. 19 Sairá deles cantiga de agradecemento e a voz dos que se divirten; multiplicareinos e non diminuirán, honrareinos e non serán menosprezados. 20 E serán os seus fillos coma antes, a súa congregación diante de min será confirmada, e Eu castigarei a todos os seus opresores. 21 Dela sairá un príncipe, dela sairá o seu xefe, e Eu atraereino ata min. Quen, de non ser así, tería valor para arriscarse a achegarse a min? Di Iahveh. 22 E vós seredes o meu pobo, e Eu serei o voso Deus. 23 Velaí, a tempestade de Iahveh saíu con furor; unha tempestade devastadora descargará sobre a cabeza dos malvados. 24 A ira ardente de Iahveh non terá acougo ata que faga e cumpra os propósitos do seu corazón; nos últimos días entenderedes isto.