1
Ao comezo do reinado de Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá, veu esta palabra de Iahveh, dicindo:
2
Así di Iahveh: "Ponte no atrio da casa de Iahveh, e fala a tódalas cidades de Xudá que veñen a adorar na casa de Iahveh tódalas palabras que che mandei dicirlles. Non omitas nin unha palabra.
3
Pode ser que escoiten e se volvan cada un do seu mal camiño, e eu desista do mal que penso facerlles por mor da maldade das súas obras.
4
Diraslles: -Así di Iahveh: se non me escoitades, para andar na miña lei que puxen diante de vós,
5
escoitando as palabras dos meus servos os profetas que vos mandei repetidamente, pero non os escoitastes,
6
entón hei reducir esta casa coma Silo, e porei esta cidade por maldición para todas as nacións da terra.
7
E os sacerdotes, os profetas e todo o pobo escoitaron a Xeremías dicir estas palabras na casa de Iahveh.
8
Cando Xeremías rematou de dicir todo o que Iahveh lle mandara falar a todo o pobo, apresárono os sacerdotes, os profetas e todo o pobo, dicindo: -De certo, morrerás!
9
Por que profetizaches no nome de Iahveh, dicindo: esta casa será coma Silo e esta cidade quedará desolada sen habitante algún? E xuntouse todo o pobo contra Xeremías na casa de Iahveh.
10
Cando os príncipes de Xudá escoitaron estas cousas, subiron da casa do rei á casa de Iahveh, e sentaron na entrada da porta nova da casa de Iahveh.
11
Entón os sacerdotes e os profetas falaron aos príncipes e a todo o pobo, dicindo: -Este home ten que morrer, porque profetizou contra esta cidade, como escoitastes cos vosos propios ouvidos!
12
Entón Xeremías falou a tódolos príncipes e a todo o pobo, dicindo: -Iahveh mandoume a profetizar contra esta casa e contra esta cidade todas as palabras que escoitastes.
13
Agora ben, emendade os vosos camiños e as vosas obras, e escoitade a voz de Iahveh o voso Deus, e Iahveh desistirá do mal que pronunciou contra vós.
14
En canto a min, velaí estou nas vosas mans; facede de min como mellor e máis recto sexa aos vosos ollos.
15
Pero sabede ben que se me matades, botaredes sangue inocente sobre vós e sobre esta cidade e sobre os seus habitantes; porque en verdade Iahveh mandoume a vós para falar todas estas palabras aos vosos ouvidos.
16
Entón dixeron os príncipes e todo o pobo aos sacerdotes e aos profetas: -Que non haxa sentenza de morte para este home, porque no nome de Iahveh o noso Deus nos falou.
17
E erguéronse algúns dos anciáns do país e falaron a toda a asemblea do pobo, dicindo:
18
Miqueas de Moréset profetizou en días de Ezequías, rei de Xudá, e falou a todo o pobo de Xudá, dicindo: -Así di Iahveh dos exércitos: Sión será arrasada coma un campo, Xerusalém hase converter nun montón de ruínas, e o monte do santuario será coma os lugares altos dun bosque.
19
Será que lle deron morte Ezequías, rei de Xudá, e todo Xudá? Non temeu o rei a Iahveh e suplicou o favor de Iahveh, de tal xeito que Iahveh desistiu do mal que pronunciara contra eles? Nós, pois, estamos a cometer un grande mal contra nós mesmos.
20
E houbo tamén un home que profetizou no nome de Iahveh, Urías, fillo de Semías de Quiriat-Xearim, que profetizou contra esta cidade e contra esta terra palabras semellantes a todas as de Xeremías.
21
Cando o rei Ioacim e tódolos seus valentes e tódolos príncipes escoitaron as súas palabras, o rei procurou matalo; pero cando Urías soubo diso, tivo medo, e fuxiu a Exipto.
22
Entón o rei Ioacim mandou homes a Exipto: a Elnatán, fillo de Acbor, e a outros homes con el, a Exipto.
23
E trouxeron a Urías de Exipto e levárono ao rei Ioacim, quen o matou á espada e botou o seu cadáver nos sepulcros dos fillos do pobo.
24
Entón Ahicam, fillo de Safán, fíxose cargo de Xeremías, de maneira que non foi entregado nas mans do pobo para que lle deran morte.