1
No comezo do reinado de Sedequías, fillo de Iosías, rei de Xudá, veu esta palabra de parte de Iahveh a Xeremías, dicindo:
2
Así me di Iahveh: -Faite cabestros e xugos e ponos ao teu pescozo,
3
e manda palabra ao rei de Edom, ao rei de Moab, ao rei dos fillos de Amón, ao rei de Tiro e ao rei de Sidón por medio dos mensaxeiros que veñen a Xerusalém a ver a Sedequías, rei de Xudá.
4
E encargaraslles aos seus señores: así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel, así diredes aos vosos señores:
5
Eu fixen a terra, as persoas e os animais que están sobre a terra co meu gran poder e co meu brazo estendido, e doulla a quen Eu queira.
6
E agora Eu puxen todas estas terras nas mans de meu servo Nabucodonosor, rei de Babilonia, meu servo, e deille tamén as bestas do campo para que lle sirvan.
7
E serviranlle tódalas nacións, a el, ao seu fillo, e ao fillo do seu fillo, ata que chegue tamén a hora á súa propia terra; entón moitas nacións e grandes reis farano o seu servo.
8
E acontecerá que a nación ou o reino que non sirva a Nabucodonosor, rei de Babilonia, e que non poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia, coa espada, coa fame e coa pestilencia castigarei a esa nación, di Iahveh, ata que a destrúa pola súa man.
9
Vós, pois, non escoitedes os vosos profetas, os vosos adiviños, os vosos soñadores, os vosos agoireiros nin os vosos bruxos que vos falan, dicindo: non serviredes o rei de Babilonia!
10
Porque eles profetízanvos mentira, para vos afastar da vosa terra, e para que Eu vos expulse e perezades.
11
Pero a nación que poña o seu pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia e lle sirva, farei que permaneza na súa terra - di Iahveh - e cultivaraa e habitará nela.
12
E a Sedequías, rei de Xudá, falei conforme a todas estas palabras, dicindo: -Poñede o voso pescozo baixo o xugo do rei de Babilonia, e servídeo a el e ao seu pobo, e viviredes!
13
Por que ides morrer, ti e o teu pobo, pola espada, a fame e a pestilencia, tal como falou Iahveh da nación que non queira servir o rei de Babilonia?
14
Non escoitedes, pois, as palabras dos profetas que vos falan, dicindo: non serviredes o rei de Babilonia! Porque vos profetizan mentira.
15
Eu non os mandei - di Iahveh - e eles profetizan mentira no meu nome, para que Eu vos expulse e perezades vós e os profetas que vos profetizan.
1816
Aos sacerdotes e a todo este pobo, faleilles dicindo: -Así di Iahveh: non escoitedes as palabras dos vosos profetas que vos profetizan, dicindo: velaquí, os utensilios da casa de Iahveh serán devoltos axiña de Babilonia! Porque eles profetízanvos mentira.
17
Non os escoitedes; servide o rei de Babilonia e viviredes, e esta cidade non ha quedar desolada. Mais se eles son profetas, e se a palabra de Iahveh está con eles, que intercedan agora a Iahveh dos exércitos para que os utensilios que quedan na casa de Iahveh, na casa do rei de Xudá e en Xerusalém, non sexan levados a Babilonia.
19
Porque así di Iahveh dos exércitos sobre as columnas, o mar, os pedestais e os demais utensilios que quedan nesta cidade,
20
os que non colleu Nabucodonosor, rei de Babilonia, cando levou ao deserto a Ieconías, fillo de Ioacim, rei de Xudá, de Xerusalém á Babilonia con tódolos nobres de Xudá e de Xerusalém.
21
Si, así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel, sobre os utensilios que quedan na casa de Iahveh, na casa do rei de Xudá e en Xerusalém:
22
- Serán levados a Babilonia, e alí quedarán ata o día no que Eu me lembre deles -di Iahveh- entón traereinos e devolvereinos a este lugar.