1
Iahveh amosoume dúas cestas de figos colocadas diante do templo de Iahveh, despois que Nabucodonosor, rei de Babilonia, desterrou a Ieconías, fillo de Ioacim, rei de Xudá, e aos oficiais de Xudá xunto cos artesáns e ferreiros de Xerusalém, e os levou a Babilonia.
2
Unha canastra tiña figos moi bos, coma os primeiros figos maduros; e a outra tiña figos moi malos, que de apodrentos non se podían comer.
3
Entón Iahveh díxome: -Que ves, Xeremías? E dixen: -Figos; os figos bos, son moi bos, e os malos, moi malos, que de apodrentos non se poden comer.
4
E veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
5
Así di Iahveh, Deus de Israel: "Como a estes figos bos, así considerarei como bos aos desterrados de Xudá que Eu mandei deste lugar á terra dos caldeos.
6
Porque porei os meus ollos sobre eles para ben, e traereinos de novo a esta terra; edificareinos e non os derrubarei, plantareinos e non os arrincarei.
7
E dareilles un corazón para que me coñezan, porque Eu son Iahveh; e eles serán o meu pobo e Eu serei o seu Deus, pois volverán a min de todo o seu corazón.
8
Pero como aos figos malos que de apodrentos non se poden comer -así di Iahveh- do mesmo xeito abandonarei a Sedequías, rei de Xudá, aos seus oficiais, ao remanente de Xerusalém que queda nesta terra, e aos que viven na terra de Exipto.
9
Farei deles motivo de espanto e de calamidade para todos os reinos da terra, de aldraxe e refrán, de burla e maldición en todos os lugares onde os dispersarei.
10
E mandarei sobre eles a espada, a fame e a pestilencia ata que sexan exterminados da terra que lles dei a eles e aos seus pais.