Capítulo 22

1 Así di Iahveh: Baixa á casa do rei de Xudá e fala alí esta palabra, 2 e di: "Escoita a palabra de Iahveh, rei de Xudá, que sentas no trono de David, ti, os teus servos e o teu pobo, os que entran por estas portas. 3 Así di Iahveh: "Practicade o que é recto e a xustiza, liberade o despoxado das mans do seu opresor. Non maltratedes nin fagades violencia ao estranxeiro, ao orfo nin á viúva, nin derramedes sangue inocente neste lugar. 4 Porque se en verdade observades este mandamento, entón entrarán reis polas portas desta casa, e sentarán no lugar de David, no seu trono; entrarán montados en carros e cabalos, eles, os seus servos e o seu pobo. 5 Pero se non obedecedes estas palabras, xuro por min mesmo, di Iahveh, que esta casa virá ser unha desolación. 6 Porque así di Iahveh sobre a casa do rei de Xudá: Ti es para min coma o bosque de Galaad, coma o cumio do Líbano; pero certamente convertereite en deserto, coma unha cidade deshabitada. 7 Designarei contra ti destrutores, cada un coas súas armas, e cortarán os teus cedros máis selectos e botaranos no lume. 8 Pasarán moitas nacións xunto a esta cidade, e dirán cada un ao seu próximo: por que fixo así Iahveh a esta gran cidade? 9 Entón responderán: porque abandonaron o pacto de Iahveh o seu Deus, e prostráronse diante doutros deuses e servíronos. 10 Non choredes polo morto nin vos lamentedes por el, chorade amargamente polo que se vai, porque xamais volverá nin endexamais verá a súa terra natal. 11 Porque así di Iahveh sobre Salum, fillo de Iosías, rei de Xudá, que reinou en lugar do seu pai Iosías, e que saíu deste lugar: nunca máis volverá aquí; 12 senón que no lugar onde o levaron prisioneiro, alí morrerá, e non verá máis esta terra. 13 Ai do que edifica a súa casa con inxustiza e os seus apousentos altos sen dereito, que fai traballar o seu próximo de balde e non lle dá o seu soldo. 14 O que di: "edificarei unha casa espaciosa con amplos salóns; abrireille fiestras, poreille o recuberto de cedro e heina pintar de vermello." 15 Pensas que ti es rei porque compites en obras de cedro? Se o teu pai comeu e bebeu e lle foi ben, é porque practicou o dereito e a xustiza. 16 Defendeu a causa do pobre e do necesitado; por iso foille ben. Non é isto coñecerme a min? di Iahveh. 17 Pero os teus ollos e o teu corazón só están para a túa propia ganancia, para verter sangue inocente, e para practicar a opresión e a violencia. 18 Por tanto, así di Iahveh sobre Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá: "Non chorarán por el dicindo: ai, meu irmán!, ai irmá! Non lamentarán por el: ai, señor! Ai, maxestade! 19 Enterrarano coma a un asno: arrastrado e botado fóra das portas de Xerusalém. 20 Sube ao Líbano e clama, e dá voces en Basán; clama tamén dende Abarim, porque foron destruídos todos os teus amantes. 21 Faleiche na túa prosperidade, pero dixeches: non escoitarei. Este foi o teu costume dende a túa mocidade: nunca escoitaches a miña voz. 22 O vento arrasará a todos os teus pastores, e os teus amantes irán ao cativerio; entón certamente serás avergoñada e humillada por mor de todas as túas maldades. 23 Ti que moras no Líbano, que fas o teu niño nos cedros, como xemerás cando che veñan as angurias, as dores coma de muller de parto! 24 Vivo Eu! Di Iahveh, aínda que Conías, fillo de Ioacim, rei de Xudá, fose un anel na miña man dereita, aínda de alí o arrincaría. 25 Entregareite nas mans dos que buscan a túa vida, nas mans dos que ti temes: nas mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e nas mans dos caldeos. 26 Botareite a ti e á nai que te deu a luz a un país estraño, onde non nacestes, e alí morreredes. 27 Pero non volverán á terra á que con toda a alma desexan volver. 28 Ese Conías, é un vaso roto, desprezable? É un cachifallo inútil? Por que foron expulsados el e os seus descendentes e botados a unha terra descoñecida? 29 Terra, terra, terra! Escoita a palabra de Iahveh. 30 Así di Iahveh: Inscribe a este home como sen fillos, home que non prosperará nos seus días; porque ningún dos seus descendentes conseguirá sentar sobre o trono de David nin gobernar en Xudá.