1
Cando o sacerdote Pasur, fillo de Imer, que era o oficial principal na casa de Iahveh, escoitou a Xeremías profetizar estas cousas,
2
fixo azoutar ao profeta Xeremías e púxoo no cepo que estaba na porta superior de Benxamín, que levaba á casa de Iahveh.
3
Ao día seguinte, cando Pasur soltou a Xeremías do cepo, Xeremías díxolle: -Non é Pasur o nome polo que Iahveh te chama agora, senón Magor-misabib.
4
Porque así di Iahveh: "Velaí, voute converter en terror para ti mesmo e para todos os teus amigos; eles caerán pola espada dos teus inimigos, e os teus ollos verano. Entregarei a todo Xudá en mans do rei de Babilonia, e el levaraos coma desterrados a Babilonia e mataraos á espada.
5
Tamén entregarei toda a riqueza desta cidade, todos os seus produtos e os bens, e tódolos tesouros dos reis de Xudá, en mans dos seus inimigos, que os saquearán, e os levarán a Babilonia.
6
E ti, Pasur, e todos os moradores da túa casa, iredes ao cativerio e entrarás en Babilonia; alí morrerás e alí serás sepultado, ti e todos os teus amigos a quen profetizaches mentiras.
7
Seducíchesme, Oi Iahveh, e eu deixeime seducir; fuches máis forte ca min e prevaleciches. Cada día son obxecto de escarnio, todos se burlan de min.
8
Porque cada vez que falo, que berro ou proclamo: violencia e destrución! A palabra de Iahveh ven ser para min aldraxe e burla cada día.
9
Pero se digo: non me lembrarei del nin falarei máis no seu nome, sinto dentro de min un lume abrasador encerrado nos meus ósos, que fago esforzos para contelo, pero non son quen.
10
Porque sentín a moitos rumoreando: terror por todas partes! Denunciádeo, denunciémolo! Todos os meus amigos de confianza, agardan a miña caída; din: poida que sexa enganado; entón prevaleceremos contra el e tomaremos del a nosa vinganza.
11
Pero Iahveh está comigo coma xigante poderoso; por tanto, os meus perseguidores tropezarán e non prevalecerán contra min. Quedarán confundidos polo seu fracaso, a súa vergoña será eterna e endexamais será esquecida.
12
Oi Iahveh dos exércitos, que probas o xusto, e examinas os pensamentos e o corazón! Fai que vexa a túa vinganza sobre eles, pois a ti encomendei a miña causa.
13
Cantade a Iahveh, louvade a Iahveh, porque rescatou a alma do pobre das mans dos malvados.
14
Maldito o día no que nacín! O día no que miña nai me deu a luz, non sexa bendito!
15
Maldito o home que deu a nova ao meu pai, dicindo: -Naceuche un fillo! Facéndoo moi feliz.
16
Que sexa ese home coma as cidades que Iahveh destruíu sen piedade; E escoite berros de mañá e clamores de alarma ao mediodía,
17
porque non me fixo morrer no ventre para que a miña nai fose a miña sepultura, e o seu ventre embarazado para sempre.
18
Para que saín do ventre para ver dor e aflición, e que os meus días rematen en vergoña?