1
Así dixo Iahveh: -Vai e compra un vaso de barro do oleiro, e toma contigo a algúns dos anciáns do pobo e dos anciáns dos sacerdotes;
2
e sae ao val de Ben-hinom, que está na entrada da porta do oleiro, e proclama alí as palabras que Eu che direi.
3
Dirás: escoitade a palabra de Iahveh, reis de Xudá e habitantes de Xerusalém! Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: velaí, traerei tal calamidade sobre este lugar, que a todo o que escoite dela se lle meterá nos ouvidos.
4
Porque me abandonaron, fixeron estraño este lugar e ofreceron sacrificios nel a outros deuses, que nin eles, nin os seus pais, nin os reis de Xudá coñeceran, e encheron este lugar de sangue de inocentes,
5
e edificaron os lugares altos de Baal para queimaren os seus fillos no lume como holocaustos a Baal, cousa que Eu nunca ordenei nin dixen, nin se me pasou pola mente.
6
Polo tanto, velaí, veñen días - di Iahveh - cando este lugar non se chamará máis Tofet nin val de Ben-Hinom, senón val da Matanza.
7
E farei nulo o consello de Xudá e de Xerusalém neste lugar, e fareinos caer á espada diante dos seus inimigos e nas mans dos que buscan a súa vida, e entregarei os seus cadáveres por comida ás aves do ceo e ás bestas da terra.
8
Tamén converterei esta cidade en motivo de desolación e burla; todo o que pase por ela quedará atónito e silbará por mor de toda a súa destrución.
9
E fareilles comer a carne dos seus propios fillos e a carne das súas propias fillas, e comerán cada un a carne do seu próximo durante o asedio e a aflición coa que os seus inimigos e os que buscan a súa vida os aflixirán.
10
Entón has escachizar o vaso á vista dos homes que te acompañan,
11
e diraslles: así di Iahveh dos exércitos: de igual maneira quebrarei Eu a este pobo e a esta cidade, como quen quebra un vaso de oleiro, que non se pode reparar máis; e enterraranos en Tofet ata que no haxa máis lugar onde enterrar.
12
Así farei con este lugar e cos seus habitantes - di Iahveh – ata que esta cidade sexa coma Tofet.
13
E as casas de Xerusalém e as casas dos reis de Xudá serán coma o lugar de Tofet, contaminadas por mor de tódalas casas nas que nas súas terrazas ofreceron sacrificios a todo o exército do ceo e derramaron libacións a outros deuses.
14
E volveu Xeremías de Tofet, onde Iahveh o mandara profetizar, e poñéndose en pé no atrio da casa de Iahveh, dixo a todo o pobo:
15
Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: "Velaí, vou traer sobre esta cidade e sobre tódalas súas aldeas todos os males que anunciei contra ela, porque endureceron a súa cerviz para non escoitar as miñas palabras."