Capítulo 18

1 Palabra que veu a Xeremías de parte de Iahveh, dicindo: 2 -Érguete e baixa á casa do oleiro, e alí farei que escoites as miñas palabras. 3 Entón baixei á casa do oleiro, e velaquí, el estaba alí facendo unha obra no torno. 4 E o vaso de barro que estaba a facer botouse a perder na man do oleiro; así que volveu facer del outro vaso, segundo lle pareceu mellor ao oleiro facelo. 5 Entón veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 6 -Non podo Eu facer convosco, casa de Israel, o mesmo que fai este oleiro? -di Iahveh- velaí, como o barro nas mans do oleiro, así sodes vós na miña man, casa de Israel. 7 Se nun intre Eu podo falar contra unha nación ou contra un reino, para arrincarlo, derrubalo ou destruílo; 8 pero se esa nación contra a que Eu falei se volve da súa maldade, entón desistirei do mal que pensaba traer sobre ela. 9 E se noutrora falo a unha nación ou un reino, para edificalo e plantalo; 10 e fai o malo aos meus ollos, non obedecendo a miña voz, entón Eu desistirei do ben con que o prometera bendicir. 11 Agora pois, fala aos homes de Xudá e aos habitantes de Xerusalém, dicindo: -Así di Iahveh: velaí, estou preparando unha calamidade contra vós e maquinando un plan contra vós. Volvédevos, pois, cada un do seu mal camiño e endereitade os vosos camiños e as vosas obras. 12 Mais eles dirán: é en balde; porque seguiremos os nosos propios plans, e cada un de nós actuará conforme a dureza do seu malvado corazón. 13 Por tanto, así di Iahveh: "Preguntade agora entre as nacións: quen escoitou cousa semellante? Cousa terrible fixo a virxe de Israel. 14 Faltará a neve do Líbano dos cumes dos montes? Ou esgotaranse as augas frías que flúen das terras de lonxe? 15 Pois ben, o meu pobo esqueceume, queiman incenso a deuses vans, e fanos tropezar nos seus camiños, os vieiros antigos, para andaren por carreiros, non achanzados, 16 convertendo a súa terra nunha desolación e nunha burla perpetua. Todo o que pase por ela quedará atónito e abaneará a súa cabeza. 17 Dispersareinos diante do inimigo coma vento soán; amosareilles as costas e non a cara no día da súa calamidade. 18 Entón eles dixeron: -Vinde a preparar plans contra Xeremías! Certamente a lei non lle faltará ao sacerdote, nin o consello ao sabio, nin a palabra ao profeta. Vinde e ataquémolo con calumnias, e non fagamos caso a ningunha das súas palabras! 19 Aténdeme, Iahveh, e escoita o que din os que contenden contra min! 20 Págase mal por ben? Pois cavaron unha fosa para a miña alma. Lembra como me puxen diante de ti para falar ben en favor deles, para afastar deles a tua ira. 21 Agora entrega os seus fillos á fame, e abandónaos ao poder da espada; queden as súas mulleres viúvas e sen fillos, morran da peste os seus maridos, e os seus mozos feridos á espada. 22 Que se escoiten os berros dende as súas casas, cando de súpeto traias sobre eles aos saqueadores; porque cavaron unha fosa para me atrapar, e agocharon trapelas aos meus pés. 23 Pero ti, Iahveh, coñeces todos os seus plans de morte contra min! Non perdoes a súa iniquidade nin borres da túa vista o seu pecado, e sexan derrubados diante de ti. Trata con eles no tempo da túa ira.