1
O pecado de Xudá está escrito con cicel de ferro; está gravado coa punta do diamante sobre a táboa do seu corazón e nos cornos dos seus altares.
2
Como eles se lembran dos seus fillos, así se lembran dos seus altares e das súas estelas xunto ás árbores frondosas, nos outeiros altos,
3
sobre o monte e máis no campo. Hei entregar as túas riquezas e tódolos teus tesouros ao saqueo, por mor do pecado dos teus lugares altos en todo o teu territorio.
4
E por causa túa perderás a herdanza que Eu che dei; fareite servir aos teus inimigos nunha terra que non coñeces; porque prendestes un lume na miña ira que arderá para sempre.
5
Así di Iahveh: "Maldito o home que confía no home, e fai da carne a súa fortaleza, afastando o seu corazón de Iahveh.
6
Será coma xesta no deserto e non verá o ben cando veña; senón que habitará nos sequeiros no deserto, en terra salitrosa e despoboada.
7
Bendito o home que confía en Iahveh, e a súa confianza está en Iahveh.
8
Será coma unha árbore plantada á beira da auga, que estende as súas raíces á beira da corrente; non temerá cando veña a calor, e as súas follas serán frondosas; no ano de secura non se preocupará nin deixará de dar froito.
9
Máis enganoso que todo é o corazón, e incurable; quen o poderá comprender?
10
Eu, Iahveh, Eu abesouro o corazón e poño a proba os pensamentos, para dar a cada un segundo os seus camiños, segundo o froito das súas obras.
11
O que amontoa riquezas inxustas ven a ser coma unha perdiz que choca o que non puxo; na metade dos seus días abandonráas, e no seu ocaso será un necio.
12
Trono de gloria, exaltado dende o principio é o lugar do noso santuario.
13
Oi Iahveh, esperanza de Israel! Todos os que te abandonan serán avergoñados. Os que se afastan de ti serán escritos no pó, porque abandonaron a Iahveh, fonte de augas vivas.
14
Sándame, Iahveh, e serei sandado; sálvame e serei salvo, porque ti es a miña louvanza!
15
Velaquí, eles dinme: onde está a palabra de Iahveh? Que se cumpra dunha vez!
16
Pero eu non fixen máis que ser o teu pastor. Non desexei o día da angustia; ti sabes que o que saíu dos meus beizos na túa presenza está.
17
Non sexas para min causa de terror; ti es o meu refuxio no día do mal.
18
Que sexan avergoñados os que me perseguen, pero non sexa eu avergoñado; que eles sintan temor e non eu. Trae sobre eles o día da calamidade, e destrúeos con dobre destrución.
19
Así me di Iahveh: -Vai e ponte á porta dos fillos deste pobo, pola que entran e saen os reis de Xudá, e así mesmo en tódalas portas de Xerusalém,
20
e dilles: -Escoitade a palabra de Iahveh, reis de Xudá, toda Xudá e todos os habitantes de Xerusalém que entrades por estas portas:
21
Así di Iahveh: -Gardádevos moi ben de levar cargas no día de repouso, e de metelas polas portas de Xerusalém.
22
Tampouco saquedes cargas das vosas casas no día de repouso, nin fagades traballo algún, senón santificade o día de repouso, como mandei aos vosos pais.
23
Con todo, eles non escoitaron nin inclinaron os seus ouvidos, senón que endureceron a súa cerviz para non escoitar nin recibir corrección.
24
Pero acontecerá que se me escoitades con atención - di Iahveh - non metendo carga polas portas desta cidade no día de repouso, senón que santificades o día de repouso, sen facer nel ningún traballo,
25
entón entrarán polas portas desta cidade reis e príncipes que sentan sobre o trono de David; virán montados en carros e cabalos, eles e os seus príncipes, os homes de Xudá e os habitantes de Xerusalém; e esta cidade será habitada para sempre.
26
Virán das cidades de Xudá e dos arredores de Xerusalém, da terra de Benxamín, da terra baixa, da rexión montañosa e do Neguev, traendo holocaustos, sacrificios, ofrendas de gran e incenso, e traendo sacrificios de gratitude á casa de Iahveh.
27
Pero se non me escoitades no tocante ao de santificar o día de repouso, e traedes cargas e entrades polas portas de Xerusalém no día de repouso, entón Eu prenderei lume ás súas portas que consumirá os palacios de Xerusalém, e non se apagará.