1
Entón a palabra de Iahveh veu a min, dicindo:
2
Non tomes para ti muller nin teñas fillos nin fillas neste lugar.
3
Porque así di Iahveh sobre os fillos e fillas que nacen neste lugar, e sobre as nais que os deron a luz, e dos pais que os enxendraron nesta terra:
4
De mortes crueis morrerán; non serán chorados nin sepultados; serán coma esterco sobre o campo. Serán consumidos pola espada e a fame, e os seus cadáveres servirán de comida para as aves do ceo e para as bestas da terra.
5
Porque así di Iahveh: "Non entres na casa de loito, nin te lamentes por eles, nin os consoles; pois retirei a miña paz deste pobo, a misericordia e a compaixón, di Iahveh.
6
Morrerán grandes e pequenos nesta terra; non serán sepultados, nin chorados, e ninguén se ferirá nin se rapará por eles;
7
nin partirán o pan para consolar ao que está de loito, nin lles darán a beber a copa da consolación polo seu pai ou pola súa nai.
8
Tampouco entres na casa de banquete para sentar con eles a comer e beber.
9
Porque así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: "Velaí, vou facer que desapareza deste lugar, diante dos vosos ollos e nos vosos días, a voz do gozo e a voz da ledicia, a voz do noivo e a voz da noiva.
10
E acontecerá que cando anuncies a este pobo todas estas palabras, eles diranche: Por que Iahveh pronunciou toda esta gran calamidade na nosa contra? Cal é a iniquidade e cal é o pecado que cometemos contra Iahveh o noso Deus?
11
Entón diraslles: é porque os vosos pais me abandonaron - di Iahveh - e foron tras outros deuses e servíronos e prostráronse diante deles, pero a min abandonáronme e non gardaron a miña lei.
12
E vós fixestes peor que os vosos pais, porque velaquí, cada un de vós anda tras a dureza do seu malvado corazón, sen me escoitar.
13
Por tanto, Eu botareivos desta terra a unha terra que non coñecestes, nin vós nin os vosos pais; e alí serviredes a outros deuses día e noite, pois non vos amosarei clemencia.
14
Pero, velaí que veñen días - di Iahveh - cando xa non se dirá: vive Iahveh, que sacou os fillos de Israel da terra de Exipto,
15
senón: "Vive Iahveh, que fixo subir aos fillos de Israel da terra do norte e de tódolos países onde os desterrara! Porque fareinos volver á súa terra, a que dei aos seus pais."
16
Velaí, mandarei a moitos pescadores que os pescarán di Iahveh; e despois mandarei a moitos cazadores, que os cazarán por todo monte e por todo outeiro e polas fendas das rochas.
17
Porque os meus ollos están postos sobre todos os seus camiños, que non se me agochan, nin a súa iniquidade está encuberta aos meus ollos.
18
Pero primeiro, Eu pagarei ao dobre a súa iniquidade e o seu pecado, porque eles contaminaron a miña terra cos despoxos dos seus ídolos abominables e coas súas abominacións encheron a miña herdanza.
19
Oi Iahveh, a miña forza e a miña fortaleza! O meu refuxio no día da angustia! A ti virán as nacións dende os extremos da terra e dirán: os nosos pais herdaron só mentira, vaidade e cousas sen proveito.
20
Pode a persoa facer deuses para si? Pois eses non son deuses!
21
Por tanto, velaí, voulles mostrar, fareilles coñecer o meu poder e a miña forteza, e saberán que o meu nome é Iahveh.