1
Así me dixo Iahveh: -Vai e merca un cinto de liño e pono á cintura, pero non o poñas na auga.
2
Merquei, pois, o cinto conforme a palabra de Iahveh, e púxeno á cintura.
3
Entón veu a min a palabra de Iahveh por segunda vez, dicindo:
4
Toma o cinto que mercaches, que levas á cintura, e érguete, vai ao Éufrates e escóndeo alá nun burato da rocha.
5
Fun, pois, e escondino xunto ao Éufrates, como Iahveh me mandara.
6
Despois de moitos días Iahveh díxome: -Érguete, vai ao Éufrates e colle o cinto que che mandei que agocharas alá.
7
Fun, pois, ao Éufrates e cavei, collín o cinto do lugar onde o agochara, e velaí, o cinto estaba apodrentado; non servía para nada.
8
Entón veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
9
Así di Iahveh: "Do mesmo xeito farei que apodrente a soberbia de Xudá e a gran soberbia de Xerusalém.
10
Este pobo malvado, que rexeita escoitar as miñas palabras, que anda na dureza do seu corazón e foi tras doutros deuses para servirlos e a prostrarse diante deles, ha ser coma este cinto que non serve para nada.
11
Porque coma o cinto se xunta á cintura do home, así fixen que se apegara a min toda a casa de Israel e toda a casa de Xudá - di Iahveh - a fin de que fosen o meu pobo, o meu renome, a miña loanza e a miña gloria, pero non escoitaron.
12
Tamén lles dirás esta palabra: así di Iahveh, Deus de Israel: todo balde se ha encher de viño. E cando eles che digan: É que non sabemos ben que todo balde se ha encher de viño?
13
Entón diraslles: así di Iahveh: velaí que vou encher de embriaguez a todos os habitantes desta terra: aos reis sucesores de David que sentan sobre o seu trono, aos sacerdotes, aos profetas e a todos os habitantes de Xerusalém;
14
E farei que se esmaguen uns contra outros, os pais cos fillos por igual - di Iahveh - non perdoarei nin terei piedade, nin compaixón para deixar de destruílos.
15
Escoitade e prestade atención! Non sexades arrogantes, porque Iahveh falou.
16
Dade gloria a Iahveh o voso Deus, antes de que faga vir as tebras, e antes de que os vosos pés tropecen sobre os montes escuros, e esteades agardando a luz, e El a transforme en tebras profundas.
17
Pero se non escoitades isto, a miña alma chorará en segredo pola vosa soberbia; os meus ollos chorarán amargamente e afogarán en bágoas, porque foi feito prisioneiro o rabaño de Iahveh.
18
Di ao rei e á raíña nai: -Humilládevos! Sentade no chan! Porque caeu das vosas cabezas a coroa da vosa gloria.
19
As cidades do Neguev foron pechadas, e non hai quen as abra; todo Xudá foi levado ao desterro, levado ao cativerio sen faltar un.
20
"Levantade os vosos ollos e vede aos que veñen do norte! Onde está o rabaño que che foi confiado, as túas fermosas ovellas?
21
Que dirás cando El poña coma xefes sobre ti a antigos compañeiros aos que ti mesmo ensinaches? Non che virán dores como de parto?
22
E cando digas no teu corazón: por que me acontecen estas cousas? Pola grandeza da túa iniquidade foron descubertas as túas saias e violentados os teus calcaños.
23
Pode o etíope mudar a súa pel, ou o leopardo as súas manchas? Así vós, poderedes facer o ben estando afeitos a facer o mal?
24
Polo tanto, dispersareivos como a palla arrastrada polo vento do deserto.
25
Esta é a túa sorte, a porción que xa medín para ti - di Iahveh – porque te esqueciches de min, e confiaches na mentira.
26
Polo tanto Eu tamén te levantarei as saias sobre a túa faciana, para que se vexan as túas vergoñas,
27
os teus adulterios, os teus luxuriosos relinchos e a maldade da túa fornicación. Sobre os outeiros e no campo, vin todas as túas abominacións. Ai de ti, Xerusalém! Ata cando seguirás sen te purificar?