1 E os fillos de Israel fixeron o malo aos ollos de Iahveh; e Iahveh entregounos nas mans de Madián por sete anos. 2 E a man de Madián prevaleceu contra Israel. E os fillos de Israel, por mor dos madianitas, fixeron para si covas nos montes e covas e lugares fortificados. 3 Porque sucedía que cando Israel sementaba, subían os madianitas, os amalecitas e os fillos do oriente contra eles, e subían e atacábanos. 4 E acampaban na frente deles, e destruían os froitos da terra ata Gaza; e non deixaban alimento a Israel, nin ovellas, nin bois, nin asnos. 5 Porque eles subían cos seus animais e coas súas tendas en multitude coma lagostas; e eles e os seus camelos eran innumerables, e viñan á terra para destruíla. 6 E Israel quedou moi pobre por culpa de Madián; e os fillos de Israel clamaron a Iahveh. 7 E aconteceu que cando os fillos de Israel clamaron a Iahveh por mor dos madianitas, 8 Iahveh mandou un profeta aos fillos de Israel, e díxolles: -Así di Iahveh, Deus de Israel: Eu fíxenvos subir de Exipto, e saqueivos da casa da escravitude. 9 E rescateivos da man dos exipcios e da man de todos os que vos oprimían; e boteinos de diante de vós, e deivos a súa terra; 10 e díxenvos: Eu son Iahveh o voso Deus; non temades os deuses dos amorreos, da terra da que vivides. Pero vós non obedecestes a miña voz. 11 E o anxo de Iahveh veu e sentou debaixo da aciñeira que está en Ofra, que pertencía a Ioas abiezerita. E o seu fillo Xedeón estaba a debullar trigo no lagar para agochalo dos madianitas. 12 E o anxo de Iahveh aparecéuselle e díxolle: - Iahveh está contigo, home forte e valente. 13 E Xedeón díxolle: -Ai meu señor, se Iahveh está con nós, por que nos veu todo isto sobre nós? E onde están tódalas súas obras marabillosas que os nosos pais nos contaron, dicindo: non nos sacou Iahveh de Exipto? Mais agora Iahveh deixounos desamparados e entregounos nas mans dos madianitas. 14 Entón Iahveh mirouno, e díxolle: -coa forza que tes, vai, e salvarás a Israel da man de Madián. Non te estou a enviar eu? 15 E el respondeulle: -Ai meu señor, con que librarei a Israel? Velaquí, a miña familia é a máis pobre de Manasés, e eu son o máis pequeno na casa do meu pai. 16 Pero Iahveh díxolle: -Certamente Eu estarei contigo, e derrotarás a Madián coma se fose un só home. 17 E el respondeu: -Rógoche que se atopei graza diante dos teus ollos, me deas un sinal de que ti falas comigo. 18 Non te vaias de aquí ata que eu volva a ti, saque a miña ofrenda e a poña diante de ti. E El dixo:-Agardarei ata que volvas. 19 Entón Xedeón entrou e preparou un cabrito e tortas sen lévedo dun efa de fariña; e puxo a carne nunha canastra e o caldo nunha pota; e sacouno e presentouno debaixo da aciñeira. 20 E o anxo de Deus díxolle: -Toma a carne e os pans sen lévedo, e ponos sobre esta rocha, e verte o caldo. E así o fixo. 21 E o anxo de Iahveh estendeu o caxato que tiña na man, e tocou coa punta a carne e os pans sen lévedo; e subiu lume da rocha e consumiu a carne e os pans sen lévedo. E o anxo de Iahveh desapareceu da presenza del. 22 Vendo Xedeón que era o anxo de Iahveh, dixo: -Ai Señor Deus, que vin o anxo de Iahveh cara a cara! 23 Pero Iahveh díxolle: -A paz sexa contigo; non temas, non morrerás. 24 E Xedeón edificou alí un altar a Iahveh e chamouno Iahveh-Shalom; ese lugar está ata hoxe en Ofra dos abiezeritas. 25 E sucedeu que esa mesma noite Iahveh díxolle: -Toma un boi do fato do teu pai, o segundo boi de sete anos, e derrubarás o altar de Baal que ten o teu pai, e cortarás tamén a imaxe de Ashera que está xunto a el; 26 E edifica un altar a Iahveh o teu Deus no cumio desta rocha, no lugar axeitado; e toma o segundo boi e ofréceo en holocausto coa madeira da Ashera que terás cortado. 27 Entón Xedeón colleu dez homes dos seus servos e fixo tal como Iahveh lle dixera; pero porque tiña medo de facelo de día, por mor da familia do seu pai e dos homes da cidade, fíxoo de noite. 28 Cando os homes da cidade se ergueron pola mañá, velaí que o altar de Baal estaba derrubado e que a Asera que estaba xunto a el fora cortada, e que o segundo boi fora ofrecido en holocausto sobre o altar edificado. 29 E dixéronse un ao outro: -Quen fixo isto? E cando investigaron e preguntaron, dixeron: -Xedeón, fillo de Ioas, fixo isto. Entón os homes da cidade dixeron a Ioas*Ioás*: 30 Saca o teu fillo para que morra, porque derrubou o altar de Baal e cortou a Asera que estaba xunto a el. 31 Pero Ioas dixo a todos os que estaban ao seu derredor: -Vós defenderedes a Baal? Defenderedes a súa causa? O que o defenda, que morra esta mañá. Se é un deus, que loite por si mesmo co que derrubou o seu altar! 32 Ese día chamaron a Xedeón, Ierubaal, isto é: loita contra Baal, porque derrubara o seu altar. 33 E reuníronse todos os madianitas, amalecitas e os fillos do oriente como un só, e cruzaron e acamparon no val de Izerel. 34 Entón o Espírito de Iahveh veu sobre Xedeón; e ao tocar el o corno, os abiezeritas reuníronse con el. 35 E mandou mensaxeiros por todo Manasés, e eles tamén se reuniron con el; e mandou mensaxeiros a Aser, a Zabulón e a Neftalí, e eles saíron ao seu encontro. 36 Entón Xedeón dixo a Deus: -Se vas salvar a Israel pola miña man, como dixeches, 37 velaí que eu vou poñer un vélaro de lá na eira; e se o orballo queda só no vélaro, e toda a terra queda seca, entón saberei que salvarás a Israel pola miña man, como dixeches. 38 E sucedeu así: ergueuse moi cedo, e espremeu o vélaro, e sacou dela o orballo, unha cunca chea de auga. 39 Entón Xedeón dixo a Deus: -Non se encha a túa ira contra min, e falarei aínda esta vez; só vou probar outra vez co vélaro. Rógoche que só quede seco o vélaro e que haxa orballo sobre o chan. 40 E así o fixo Deus esa noite; só o vélaro ficou seca, e sobre toda a terra había orballo.