1 Os fillos de Israel volveron facer o malo aos ollos de Iahveh, e Iahveh entregounos no poder dos filisteos por corenta anos. 2 E había un home de Zora, da tribo de Dan, que se chamaba Manoa; e a súa muller era estéril, non tiña fillos. 3 Pero o anxo de Iahveh aparecéuselle a esta muller e díxolle: -Velaquí, ti es estéril e non tiveches fillo; pero concebirás e darás a luz un fillo. 4 Agora pois, non bebas viño nin licor, nin comas cousa inmunda. 5 Porque velaí que concebirás e darás a luz un fillo, e ningún coitelo pasará sobre a súa cabeza, porque o neno será nazareo de Deus dende o seo da nai; e el comezará a salvar a Israel da man dos filisteos. 6 E a muller foi e contoulle ao seu home, dicindo: -Veu a min un home de Deus, o seu parecer era moi terrible, coma o parecer dun anxo de Deus; e non lle preguntei de onde era, nin el me dixo o seu nome. 7 Só me dixo: -Velaí que concebirás e darás a luz un fillo; agora pois, non bebas viño nin licor, nin comas cousa inmunda, porque o neno será nazareo de Deus desde o ventre ata o día da súa morte. 8 Entón Manoa orou a Iahveh, dicindo: -Ai meu Señor, rógoche que o home de Deus que mandaches, veña outra vez a nós e nos ensine o que debemos facer co neno que ha nacer. 9 E Deus escoitou a voz de Manoa; e o anxo de Deus veu outra vez á muller mentres estaba ela no campo; pero o seu home Manoa non estaba con ela. 10 Entón a muller correu axiña e comunicoullo ao seu home, e díxolle: -Mira, o home que veu a min o outro día, aparecéuseme. 11 E levantouse Manoa e seguiu á súa muller, e chegou ao home e díxolle: -Es ti o home que falou á muller? E el dixo: -Eu son. 12 Entón Manoa dixo: -Cando se cumpran as túas palabras, cal será o xeito de vivir do rapaz, e que faremos con el? 13 Entón o anxo de Iahveh dixo a Manoa: -A muller ha gardarse de todas as cousas que lle dixen. 14 Non tomará nada que veña da vide; non beberá viño nin sidra, e non comerá cousa inmunda; gardará todo o que lle mandei. 15 Entón Manoa dixo ao anxo de Iahveh: -Rógoche que nos deixes reterte aquí e que che preparemos un cabrito. 16 Pero o anxo de Iahveh díxolle a Manoa: -Aínda que me deteñas, non comerei do teu pan; pero se queres ofrecer un holocausto, ofreceo a Iahveh. Pois Manoa non sabía que era o anxo de Iahveh. 17 Entón Manoa dixo ao anxo de Iahveh: -Cal é o teu nome, para que cando se cumpra a túa palabra, te honremos? 18 O anxo de Iahveh díxolle: -Por que preguntas o meu nome, que é admirable?*Por que preguntas o meu nome? É un nome misterioso* *Por que preguntas o meu nome se ves que é admirable?* 19 Entón Manoa colleu un cabrito e unha ofrenda, e ofreceunos a Iahveh sobre a rocha; e o anxo fixo un milagre a vista de Manoa e da súa muller. 20 E aconteceu que cando a chama subía do altar cara o ceo, o anxo de Iahveh subiu no fogo do altar a vista de Manoa e a súa muller, e eles prostráronse en terra 21 E o anxo de Iahveh non se apareceu máis a Manoa e á súa muller. Entón Manoa entendeu que era o anxo de Iahveh. 22 E Manoa dixo á súa muller: -Certamente morreremos porque vimos a Deus. 23 Pero a súa muller respondeulle: -Se Iahveh quixera matarnos, non aceptaría o holocausto e a ofrenda das nosas mans; nin nos amosaría todas estas cousas, nin agora nos faría saber isto. 24 Entón a muller deu a luz un fillo e chamouno Sansón. E o neno medrou, e Iahveh bendiciuno. 25 Entón o Espírito de Iahveh comezou a manifestarse nel no campamento de Dan, entre Zora e Estaol.