1 Chegaron, pois os dous anxos a Sodoma ao solpor, e Lot estaba sentado á porta de Sodoma. E véndoos Lot, ergueuse para recibilos e inclinouse ata ao chan 2 e dixo: Agora, pois, meus señores, rógovos que veñades á casa do voso servo para hospedarvos e lavar os vosos pés e mañá podédesvos erguer cedo para seguirdes o voso camiño. E eles responderon: Non, mais ben ficaremos na praza esta noite. 3 Mais el insistiulles moito e foron con el, e entraron na súa casa, e preparoulles un banquete, e coceu pans sen lévedo e comeron. 4 E aínda non se deitaran, cando os homes da vila, os sodomitas, rodearon a casa; todos sen excepción do mais novo ata ao máis vello; 5 e chamaron a Lot e dixéronlle: U-los homes que chegaron canda ti esta noite? Sácaos, para termos relacións íntimas con eles! 6 Entón Lot saíulles á porta, pechándoa tras de si, 7 e contestoulles: 8 Rógovos, meus irmáns, que non fagades tal maldade! Mirade, eu teño dúas fillas aínda virxes, vounas sacer e podedes facer con elas como ben vos pareza mais a estes homes non lle fagades ren, pois son os meus hóspedes. 9 Mais eles replicaron: vaite de aí! E engadiron: Ti sendo de fóra vasnos dicir o que temos que facer? Pois agora vas levar a peor parte. E arremetendo con violencia contra Lot, querían botar a porta abaixo. 10 Pero aqueles homes estenderon as mans e meteron a Lot dentro da casa e pecharon a porta, 11 ao tempo que aos homes que estaban na entrada da casa, cegáronos, dende o primeiro ata o último, e non eran quen de atopar a porta. 12 E dixéronlle os homes a Lot: Tes aquí a alguén máis? Saca deste lugar os teus xenros, teus fillos e túas fillas, e quenquera que teñas na cidade. 13 Porque imos destruír este lugar, por canto os seus berros non pararon de aumentar diante de Iahveh, e Iahveh mandounos para destruíla. 14 Entón foi falar Lot con seus xenros que ían casar coas súas fillas, e díxolles: Levantádevos, porque Iahveh vai destruír esta cidade. Pero os seus xenros pensaban que lles tomaba o pelo. 15 E ao raiar o día os anxos apuraban a Lot, dicíndolle: Levántate, toma a túa muller e as túas dúas fillas que aquí están para que non sexades destruídos no castigo da cidade. 16 Pero como el dubidaba, os homes agarrárono pola man a el e a súa muller e as súas fillas, grazas á misericordia de Iahveh cara el, e sácarono e puxérono fóra da cidade. 17 E unha vez que xa saíran ao exterior, un deles mandoulle: Fuxe pola túa vida, sen mirar atrás nin te deteñas en ningunha parte do val, fuxe para o monte, non vaia ser que perezas. 18 Pero Lot díxolles: Por favor, non, meus señores! 19 Mira, xa que o teu servo atopou graza os teus ollos, e non tiveches máis que misericordia cara min salvándome a vida, non me fagas fuxir ao monte, pois alcanzarame o mal, e morrerei. 20 Mira, esa cidade que está preto para fuxir alá e amais é pequena. Pídoche que me deixes fuxir alá, non é pequeniña?, e conservarei a vida. 21 E respondeulle: Velaquí que che que concedo a túa petición e non destruirei a cidade da que falaches. 22 Bule, fuxe alí, porque nada poderei facer ata que chegues alí. Por isto púxoselle á cidade o nome de Zoar. 23 O sol saía sobre aquela terra ao chegar Lot a Zoar. 24 Entón fixo chover Iahveh xofre e lume sobre Sodoma e Gomorra, de parte de Iahveh dende os ceos; 25 e destruíu aquelas cidades con todos os seus habitantes e todo o val con todo o que medraba sobre el. 26 E a muller de Lot, que ía ás súas costas, volveu a vista atrás e tornouse en estatua de sal. 27 E ergueuse Abraham cedo e foi ata o lugar onde estivera diante de Iahveh. 28 E olhou cara Sodoma e Gomorra, e cara toda a terra do val e mirou, e velaquí, o fume subía da terra coma o fume dun forno. 29 Así foi que cando Deus destruíu as cidades do val, lembrouse Deus de a Abraham e fixo saír a Lot do medio da destrución, ao asolar as cidades onde Lot habitaba. 30 Porén subiu Lot de Zoare para morar nos montes coas súas dúas fillas porque tiña medo de ficar en Zoar. E refuxiouse nunha caverna xunto as súas dúas fillas. 31 Entón a maior delas díxolle á menor: Noso pai é vello e xa non queda ningún home na zona que nos rolde como se fai en todos lados. 32 Ven, deámoslle a beber viño a noso pai e deitémonos con el, para continuar a nosa liñaxe a través del. 33 E déronlle a beber viño a seu pai naquela noite e a maior entrou e deitouse co seu pai, e el non se enterou nin ao deitarse con ela nin ao erguerse. 34 O día seguinte díxolle a maior á menor: Mira, eu durmín a noite pasada con meu pai, deámoslle viño a beber outra vez esta noite e entra e déitate con el, para continuar a nosa liñaxe a través del. 35 E déronlle a beber viño a seu pai naquela noite e foi a menor e deitouse con el, e el non se enterou nin ao deitarse con ela nin ao erguerse. 38 E concibiron de seu pai as dúas fillas de Lot. 37 E deu a luz a maior un fillo e púxolle por nome Moab, o cal é o pai dos moabitas ata o día de hoxe. 36 A menor tamén deu a luz un fillo e púxolle por nome Ben-Ami, o cal é o pai dos amonitas ata o día de hoxe.