1 Partiu de alí Abraham á terra de Neguev e estableceuse en Cades e Shur, e residiu por un tempo en Guerar. 2 E Abraham contou que Sara, a súa muller, era a súa irmá. Entón Abimelec, rei de Guerar, mandou traer a Sara para facela a súa esposa. 3 Mais Deus faloulle en soños a Abimelec pola noite e díxolle: Has de morrer por tomar por muller a quen non debías, pois está casada. 4 Pero Abimilec que aínda non a tocara, dixo: matarás tamén a quen nada fixo? 5 Non foi el quen me dixo que ela era a súa irmá e ela confirmou mesmo que era o seu irmán? Coa conciencia tranquila de non me manchar as mans, actuei. 6 E díxolle Deus en soños: Ben sei que actuaches coa túa conciencia limpa, e Eu tamén me encarguei de que non pecases contra min, por iso non deixei que a tocases. 7 Agora, pois, devolve a muller ao seu marido; porque é profeta e orará por ti, e vivirás. Mais se non a devolveses, ten por certo que ti e todos os teus morreredes. 8 Entón Abimelec ergueuse cedo e chamou a todos os seus servos e relatoulles todo o soñado para que o escoitasen e os homes temeron en gran maneira. 9 Despois convocou a Abraham e recriminoulle: Que nos fixeches? En que che faltei para que trouxeras sobre min e sobre meu reino tan grande pecado? O que non se debe facer, iso fixeches conmigo! 10 E engadiu Abimilec a Abraham: Que foi o que viches que che levou a facer isto? 11 E Abraham respondulle: Dixen para min: Non hai temor de Deus neste lugar, e hanme matar pola miña muller. 12 De certo que ela é a miña irmá, se ben non é filla de miña nai, si que o é de meu pai, e tomeina por muller. 13 E aconteceu que cando Deus me mandou saír sen rumbo da casa de meu pai, pedinlle: Faime o favor de que a calquera sitio que vaiamos presentarasme como o teu irmán. 14 Entón Abimilec colleu ovellas e vacas; servos e servas e entregoullos a Abraham a maiores de devolverlle a Sara, a súa muller. 15 E exclamou Abimelec: Velaquí a miña terra esténdese diante de ti, asenta onde ben che pareza. 16 E a Sara díxolle: Velaquí, doulle a teu irmán mil moedas de prata. Mira, isto protexerate diante dos que están contigo. Así quedas xustificada diante de todos. 17 Entón Abraham orou a Deus e Deus sandou a Abimilec e maila súa muller e as súas servas, as que volveron a ter fillos, 18 pois Iahveh pechara por completo toda matriz da casa de Abimelec pola historia de Sara, a muller de Abraham.