1 Despois aparecéuselle Iahveh no aciñeiral de Mamre, mentres estaba sentado el á porta da súa tenda, cando máis quentaba o día. 2 E alzou a vista e mirou, e velaí tres varóns estaban en pé a carón del, e ao velos, saíu e correu dende a porta da súa tenda a recibilos, e prostrouse en terra. 3 E dixo: meu Señor, se agora atopei graza aos teus ollos, prégoche que non pases por onda o teu servo sen te deter. 4 Deixade que traia agora un pouco de auga e lavade os vosos pés, e recostádevos debaixo da árbore, 5 ao tempo que traio un bocado de pan para que sustentedes o voso corazón, e despois seguiredes adiante, pois por iso pasastes preto do voso servo. E eles dixeron: Fai tal como dixeches. 6 Entón Abraham buliu cara á tenda de Sara e díxolle: Apresa, trae corenta litros de fariña fina, amásaa e fai pan. 7 E correu Abraham onda as vacas e tomou unha vitela tenra e boa, e deulla ao mozo, e este apurou a preparala. 8 E colleu manteiga e leite, e a vitela que preparara, e púxoa diante deles, e el quedou con eles debaixo da árbore mentres comían. 9 E dixeronlle: U-la Sara a túa esposa? E el respondeu: Aí, na tenda. 10 Dixo entón: Eu certamente voltarei a ti; por primaveira, e velaquí que Sara a túa muller terá un fillo. E Sara estaba á espreita á porta da tenda, que estaba detrás del. 11 E eran Abraham e Sara vellos, de idade avanzada, e a Sara xa se lle pasara o tempo de ter fillos. 12 E riu, Sara, para os seus adentros, dicindo: Terei pracer despois de ter avellentado e sendo o meu señor xa vello? 13 Entón Iahveh preguntou a Abraham: Porque riu Sara dicindo: Será certo que darei a luz sendo xa vella? 14 Hai para Iahveh algunha cousa díficil? Ao tempo sinalado volverei a ti e chegando a primavera Sara terá un fillo. 15 Entón Sara atemorizada negonouno: Non rin. E el sentenciou: Non é así, senón que riches. 16 E os homes erguéronse para marchar e miraron cara Sodoma. Abraham acampoñounos para despedilos. 17 Pero Iahveh preguntouse: Farei ben en agocharlle a Abraham o que estou a piques de facer? 18 De certo, Abraham chegará ser unha nación grande e poderosa e a través del serán benditas todas as nacións da terra. 19 Porque escollino para que ensine aos seus fillos e a liñaxe que lle preceda a gardar o camiño de Iahveh, para que fagan o que é bo e xusto, e así Iahveh cumpra todo o que lle prometeu a Abraham. 20 Dixo entón Iahveh: Posto que o clamor contra Sodoma e Gomorra é grande e o seu pecado tan grave, 21 vou baixar a ver se este clamor que chega onda min concorda cos seus feitos; e se non, sabereino. 22 Os homes partiron dende alí cara Sodoma, pero Abraham quedou de pé diante de Iahveh. 23 Arrimouse Abraham e díxolle: vas destruír os xustos xunto cos malvados? 24 Poida que haxa na cidade cincuenta xustos. Has arrasar e non perdoar ese lugar por mor dos cincuenta xustos que estean alí? 25 Lonxe de ti estea facer tal cousa, matar os xustos cos malvados tratando aos dous do mesmo xeito. Lonxe de ti! Non fará xustiza o xuíz de toda a terra? 26 Iahveh respondeu: se atopo cincuenta xustos en Sodoma, perdoarei a toda a cidade por mor deles. 27 Abraham respondeu: xa que me atrevín a dirixirme así ao Señor, eu que apenas son po e cinza; 28 e se faltan cinco xustos para completar os cincuenta, destruirás a cidade enteira a falta deses cinco? E dixo: se atopo alí corenta e cinco, non a destruirei. 29 Outra vez falou Abraham, e dixo: supoñamos que sexan só corenta. E dixo: polo ben dos corenta, non o farei. 30 Abraham insistiu de novo: Non te enfades, meu Señor, pero permíteme que siga falando. Supoñamos que sexan só trinta. E dixo: non o farei se atopo alí trinta. 31 Abraham seguiu insistindo: sei que fun moi ousado ao falarlle así ao meu Señor, pero supoñamos que sexan só vinte. E dixo: polo ben dos vinte non a destruirei. 32 Abraham volveu dicir: non te enfades, meu Señor, pero permíteme falar unha vez máis. Supoñamos que sexan só dez. E dixo: polo ben dos dez non a destruirei. 33 Retirouse Iahveh ao rematar de falar con Abraham, e Abraham volveu ao seu lugar.