Capítulo 8

1 No sexto ano, no sexto mes, no quinto día do mes, estaba eu sentado na miña casa e os anciáns de Xudá estaban sentados díante de min, e alí caeu sobre min a man de Iahveh. 2 E mirei, e velaí unha figura semellante a un home, que dende os seus lombos abaixo tiña aparencia de lume, e dende os seus lombos arriba o seu parecer era coma un resplandor, coma un bronce incandescente. 3 E estendeu a man e colleume polas guedellas da miña cabeza, e o espírito levantoume entre o ceo e a terra, e levoume en visións de Deus a Xerusalém, á entrada da porta interior que mira cara o norte, onde estaba o lugar da imaxe dos celos, a que provoca a celos. 4 E velaí que a gloria do Deus de Israel estaba alí, coma a visión que eu vira no campo. 5 E dixome: -Fillo de home, alza agora os ollos cara o lado do norte. E alcei os ollos cara o norte, e velaí, ao norte, xunto á entrada do altar, a imaxe dos celos na entrada. 6 E dixome: -Fillo de home, ves o que están a facer? Grandes son as abominacións que a casa de Israel fai aquí, para afastarme do meu santuario! Mais volve, e verás abominacións aínda maiores. 7 Entón levoume á entrada do atrio, e mirei, velaí, había unha fenda no muro. 8 E dixome: -Fillo de home, agranda a fenda no muro. E cando agrandei a fenda no muro había alí unha porta. 9 E dixome: -Entra e mira as perversas abominacións que estes fan aquí. 10 E entrei e mirei; e velaí, toda clase de réptiles e bestas abominables, e tódolos ídolos da casa de Israel estaban pintados no muro arredor de min. 11 E díante deles había setenta homes dos anciáns da casa de Israel, e Iazanías, fillo de Safán, no medio deles, cada un co seu incensario na man, e subía unha nube espesa de incenso. 12 E dixome: -Fillo de home, viches o que os anciáns da casa de Israel fan nas tebras, cada un nos seus cuartos cheos de imaxes? Porque din: Iahveh non nos ve! Iahveh abandonou a terra! 13 E dixome despois: -Volve e verás aínda abominacións maiores ca estas. 14 E levoume á entrada da porta da casa de Iahveh, que está ao norte; e velaí, mulleres estaban alí sentadas, lamentando a Tamuz. 15 E dixome: -Viches, fillo de home? Volve, e verás abominacións maiores ca estas! 16 E levoume ao patio interior da casa de Iahveh; e velaí, ao pé da entrada do templo de Iahveh, entre a entrada e o altar, había uns vinte e cinco homes, coas costas viradas ao templo de Iahveh e as súas facianas cara o oriente, e adoraban o sol, prostrándose cara o oriente. 17 E dixome: -Viches, fillo de home? É pouco para a casa de Xudá facer as abominacións que fan aquí? Despois de encher a terra con maldade, vólvense a min para irritarme aínda máis. E ata poñen a rama nos seus narices! 18 Pois Eu tamén actuarei con ardente ira. O meu ollo non terá compaixón, nin terei misericordía. E berrarán aos meus oídos con grande voz, e Eu non os escoitarei.