1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
Ti, fillo de home, así di Iahveh o Señor á terra de Israel: "Chega a fin! A fin vén sobre os catro extremos da terra.
3
Agora vén a fin sobre ti, e mandarei sobre ti a miña ira, e xulgareite segundo os teus camiños; e porei sobre ti todas as túas abominacións.
4
O meu ollo non terá misericordía de ti, nin te ha perdoar; senón que porei sobre ti os teus camiños, e no medio de ti estarán as túas abominacións; e saberedes que Eu son Iahveh.
5
Así di Iahveh o Señor: "vai vir unha desgraza tras outra”.
6
Chegou a fin, veu a fin! Espertou contra ti, velaí que vén.
7
A mañá chegou para ti, habitante da terra; o tempo chegou, está preto o día, día de rebumbio e non de ledicia sobre os montes.
8
Agora, axiña derramarei sobre ti a miña ira, e cumprirei en ti a miña ira; e xulgareite segundo os teus camiños, e has pagar as túas abominacións.
9
O meu ollo non perdoará, nin terei compaixón; conforme os teus camiños porei sobre ti, e as túas abominacións estarán no medio de ti; e saberedes que eu, Iahveh, son o que castiga.
10
Velaí o día: está a chegar! Saíu a mañá, a vara floreceu, a soberbia reverdeceu.
11
A violencia ergueuse en vara de maldade; non quedará nada deles nin da súa multitude, nin da súa facenda, nin haberá quen se laie por eles.
12
Chegou o tempo, achegouse o día! Non se alegre o que merca, e non chore o que venda, porque a ira está sobre toda a súa multitude.
13
Pois o vendedor non recobrará o que vendeu nin o compardor reterá o comprado; porque a ira está sobre toda a multitude e non se reverterá, e por mor da súa iniquidade ninguén poderá defender a súa vida.
14
Soarán a trompeta e todo estará listo, pero non haberá quen saia ao combate, porque a miña ira está sobre toda a multitude.
15
De fóra a espada, de dentro a peste e a fame! O que estea no campo morrerá a espada; e o que estea na cidade a fame e a peste consumirano.
16
E os que escapen fuxindo aos montes, estarán coma as pombas dos vales, xemendo todos, cada un pola súa iniquidade.
17
Tódolos brazos desfalecerán, todos os xeonllos han ser febles.
18
Cinguiranse de cilicio, e cubriranse de terror; toda faciana estará avergoñada, e tódalas cabezas serán rapadas.
19
Botarán a súa prata nas rúas, e tratarán o seu ouro coma lixo. A súa prata e o seu ouro non poderán rescatalos no día da ira de Iahveh, porque iso foi a súa pedra de tropezo e o seu pecado. Non lles quitarán a fame nin encherán o seu ventre.
20
Porque converteron a gloria das súas xoias en soberbia e fixeron con elas imaxes dos seus ídolos abominables, polo tanto Eu converterei todo iso en lixo,
21
e entregareino coma botín nas mans dos estranxeiros, e será presa dos impíos da terra, e a profanarán.
22
E afastarei deles o meu rostro, e o meu lugar secreto será profanado; e os invasores entrarán nel e profanarano.
23
Prepara uns grillóns, porque o país está cheo de delitos de sangue e a cidade reborda violencia.
24
Por tanto, Eu traerei os pobos máis feroces para que se fagan donos das súas casas; e porei fin ao orgullo dos poderosos, e os seus santuarios serán profanados.
25
Cando chegue o pánico buscarán a paz, pero non a haberá.
26
Virá destrución sobre destrución, e haberá alarma tras alarma; pedirán visión sao profeta, pero a lei afastarase do sacerdote e o consello dos anciáns.
27
O rei vestirase de desolación, e o príncipe de medo, e as mans do pobo do país tremerán. Heinos tratar conforme os seus camiños, e xulgareinos conforme á súa xustiza; e saberán que Eu son Iahveh.