1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
-Fillo de home, pon a túa faciana cara os montes de Israel, e profetiza contra eles dicindo:
3
Montes de Israel, escoitade a palabra do Señor Iahveh! Así di o Señor Iahveh aos montes e aos outeiros, aos arroios e aos vales: velaí, Eu traerei sobre vós a espada para destruír os vosos lugares altos.
4
Os vosos altares serán desolados e as vosas imaxes do sol serán quebradas, e farei que os vosos mortos caian díante dos vosos ídolos.
5
E tirarei os cadáveres dos fillos de Israel díante dos seus ídolos, e dispersarei os vosos ósos arredor dos vosos altares.
6
Onde queira que vivades, as cidades serán desoladas e os lugares altos serán arrasados, ata que queden desolados e arrasados os vosos altares; e os vosos ídolos quebrados e destruídos, e as vosas imaxes do sol arrincadas e as vosas obras extirpadas.
7
E os cadáveres xacerán no medio de vós, e saberedes que Eu son Iahveh.
8
Pero deixarei un remanente, para que teñades algúns que fuxan da espada entre as nacións, cando sexades dispersos polas súas terras.
9
E os que de vós fuxan, lembraranse de min entre as nacións onde serán exiliados, cando Eu quebrante o seu infiel corazón que se afastou de min, e humille os seus ollos que fornicaron seguindo aos seus ídolos. Eles avergoñaranse de si mesmos por mor das maldades que fixeron e por tódalas súas abominacións.
10
E coñecerán que Eu son Iahveh; non dixen en balde que lles faría este mal.
11
Así di o Señor Iahveh: "Aplaude e dá golpes co teu pé, e di: ai, por todas as grandes abominacións da casa de Israel! Porque coa espada, coa fame e coa peste morrerán.
12
O que estea lonxe morrerá da peste, e o que estea preto morrerá pola espada; e o que quede e estea sitiado morrerá de fame; así cumprirei neles a miña ira.
13
E saberedes que Eu son Iahveh, cando os seus mortos queden tendidos díante dos seus ídolos, arredor dos seus altares, e sobre todo outeiro alto, e en tódolos cumios dos montes, e debaixo de toda árbore frondosa e debaixo de toda aciñeira espesa, lugares onde ofreceron incenso a tódolos seus ídolos.
14
E estenderei a miña man contra eles, e farei a terra máis deserta e desolada que o deserto ata Diblat, onde sexa que vivan; e coñecerán que Eu son Iahveh.