Capítulo 47

1 Entón fíxome volver á entrada da casa, e velaí, as augas saían de debaixo da entrada da casa cara o oriente, pois a fachada da casa estaba cara o oriente, e as augas baixaban dende abaixo cara o lado dereito da casa, ao sur do altar. 2 Despois sacoume fóra polo camiño da porta do norte, e fíxome dar a volta polo camiño de afora, cara o exterior, polo camiño que mira cara o oriente; e vin que as augas saían do lado dereito. 3 Cando o home saíu cara o oriente cun cordel na man, mediu mil cóbados, e fíxome pasar polas augas ata os nocellos. 4 Mediu outra vez mil cóbados, e fíxome pasar polas augas ata os xeonllos. Mediu outra vez mil, e fíxome pasar polas augas ata os lombos. 5 Mediu outros mil, e xa era un río polo que non podía pasar, porque as augas do río medraran de tal xeito que non se podía pasar senón a nado. 6 E díxome: -Víchelo, fillo de home? Despois levoume e fíxome volver pola beira do río. 7 Cando volvín de regreso, vin que había moitas árbores nunha e noutra beira do río. 8 E díxome: -Estas augas saen cara a rexión do oriente, e baixarán ao Arabá, e entrarán no mar; e cando entren no mar, as augas recibirán sanidade. 9 E todo ser vivo que nade por onde entren estes dous ríos, vivirá; e haberá peixes en abundancia porque estas augas entraron alí para que as cousas sexan sandadas; e todo o que entre neste río vivirá. 10 E os pescadores estarán xunto ao río, dende En-gadi ata En-eglaím, e halles ser un lugar para extender as súas redes; e os peixes serán de moitas clases, tan abundantes coma os peixes do mar grande. 11 Pero os seus pantanos e as súas lagoas non serán sandados; serán que quedarán para salinas. 12 E nas beiras do río, a unha e outra beira, medrará toda clase de árbores frutíferas; as súas follas non murcharán, nin faltará o seu froito. Brotarán froitos novos todos o meses, porque as augas que os regan saen do santuario; e o seu froito será para alimento, e a súas follas para medicación. 13 Así di Iahveh: "Estes son os lindes nos que repartiredes a terra en herdanza entre as doce tribos de Israel. Xosé terá dúas partes. 14 E habédeslla heredar tanto a un como o outro; porque xurei coa miña man alzada darlla aos vosos pais; así que esta será a terra da vosa herdanza. 15 Este será o límite da terra cara o lado do norte: dende o mar grande, camiño de Hetlón ata Zedad, 16 Hamat, Berota, Sibraim, que está entre o límite de Damasco e o límite de Hamat; e Hazar-haticón, que é o límite de Haurán. 17 De xeito que o límite será dende o mar ata Hazar-enán, no límite de Damasco ao norte, e ao límite de Hamat no lado do norte. 18 Do lado do oriente, entre Haurán e Damasco, con Galaad e a terra de Israel, xunto ao Xordán, ata o mar do oriente. Este será o lado oriental. 19 Do lado do sur, cara o sur, dende Tamar ata as augas de Meribá-Cades, ata o arroio e o mar grande. Este será o límite do sur. 20 E polo lado occidental o gran mar será o límite dende o lindeiro sur ata fronte a Hamat. Este será o lado occidental. 21 E repartiredes esta terra entre vós segundo as tribos de Israel. 22 E botaredes sortes sobre ela para herdanza entre vós, e entre os estranxeiros que residen entre vós e que enxendren fillos entre vós; e serán para vós coma naturais entre os fillos de Israel; eles botarán sortes con vós para teren herdanza entre as tribos de Israel. 23 Na tribo na que habite o estranxeiro, alí darédeslle a súa herdanza, di Iahveh o Señor.