Capítulo 48

1 Estes son os nomes das tribos: dende o extremo norte, polo camiño de Hetlón ata Hamat, Hazar-enán, nos confíns de Damasco, cara o norte, cara Hamat; Dan terá unha parte, dende o lado do oriente ata o occidente. 2 Preto do límite de Dan, dende o lado do oriente ata o lado do mar, terá Aser unha parte. 3 Preto do límite de Aser, dende o lado do oriente ata o lado do mar, Neftalí, outra. 4 A beira de Neftalí, dende o lado do oriente ata o lado do mar, Manasés, outra; 5 Xunto ao do límite de Manasés, dende o lado do oriente ata o mar, Efraín outra; 6 A beira de Efraín, dende o lado do oriente ata o lado do mar: Rubén, outra; 7 A beira de Rubén, dende o lado do oriente ata o mar, Xudá, outra. 8 A beira de Xudá, dende o lado do oriente ata o mar, será a porción que reservaredes de vinte e cinco mil canas de ancho e de lonxitude como calquera das outras partes, é dicir, dende o lado do oriente ata o mar; e o santuario estará no medio dela. 9 A porción que reservaredes para Iahveh terá unha lonxitude de vinte e cinco mil canas e dez mil de ancho. 10 A porción santa que pertencerá aos sacerdotes será de vinte e cinco mil canas ao norte, e de dez mil de ancho ao occidente, e de dez mil de ancho ao oriente, e de vinte e cinco mil de lonxitude ao sur; e o santuario de Iahveh estará no medio dela. 11 Os sacerdotes santificados dos fillos de Sadoc, que me gardaron fidelidade, e non se extraviaron cando se extraviaron os fillos de Israel, como se extraviaron os levitas, 12 Eles terán como parte santísima a porción de terra reservada, xunto o límite da parte dos levitas. 13 E a dos levitas, a beira da dos sacerdotes, será de vinte e cinco mil canas de lonxitude e de dez mil de ancho; a súa lonxitude total será de vinte e cinco mil e o se ancho de dez mil. 14 E non venderán nada del, nin o cambiarán, nin traspasarán as primicias da terra, porque é consagrado a Iahveh. 15 E as cinco mil canas de ancho que quedan das vinte e cinco mil, serán profanas para a cidade, para morada e para eixido; e a cidade estará no medio dela. 16 Estas serán as súas medidas: ao lado do norte catro mil cincocentas canas, ao lado do sur catro mil cincocentas, ao lado do oriente catro mil cincocentas, e ao lado do occidente catro mil cincocentas. 17 E o territorio da cidade será de duascentas cincuenta canas ao norte, de duascentas cincuenta ao sur, de duascentas cincuenta ao oriente e de duascentas cincuenta ao occidente. 18 E o que quede de lonxitude en fronte da porción santa, dez mil canas ao oriente e dez mil ao occidente, será o que quede da porción santa; será para que sementen os que sirven á cidade. 19 E os que sirvan á cidade serán de tódalas tribos de Israel. 20 Toda a porción reservada de vinte e cinco mil canas por vinte e cinco mil cadrados, reservaredes como porción para o santuario e para a posesión da cidade. 21 E ao príncipe pertencerá o que sobre dun lado e outro da porción santa e da posesión da cidade, é dicir, diante das vinte e cinco mil canas da porción ata o límite do oriente, e diante das vinte e cinco mil ata o límite occidental; diante das partes ditas será do príncipe; a porción santa estará no medio dela, e o santuario da casa estará nela. 22 De xeito que a parte do príncipe estará comprendida dende a porción dos levitas e a porción da cidade, entre o límite de Xudá e o límite de Benxamín. 23 En canto ao resto das tribos, dende o lado do oriente ata o lado do mar terá Benxamín unha porción. 24 A beira de Benxamín, dende o lado oriental ata o mar, Simeón outra; 25 A beira de Simeón, dende o lado oriental ata o lado do mar, Isacar; outra. 26 A beira de Isacar, dende o lado oriental ata o lado do mar, Zabulón outra; 27 A beira de Zabulón, dende o lado oriental ata o lado do mar, Gad outra; 28 A beira de Gad, ao lado sur, o límite será dende Tamar ata as augas das ribeiras, e dende Cades e o arroio ata o mar grande. 29 Esta é a terra que repartiredes por sortes en herdanza ás tribos de Israel, e estas son as súas porcións, di Iahveh o Señor. 30 Estas son as saídas da cidade: ao lado do norte, catro mil cincocentas canas de medida. 31 E as portas da cidade serán segundo os nomes das tribos de Israel: tres portas cara o norte: unha, a porta de Rubén, outra a porta de Xudá e outra a porta de Leví. 32 Ao lado do oriente catro mil cincocentas canas, e tres portas: unha, a porta de Xosé, outra a porta de Benxamín, e outra a porta de Dan. 33 Ao lado do sur, catro mil cincocentas canas de medida, e tres portas: unha, a porta de Simeón, outra a porta de Isacar, e outra a porta de Zabulón. 34 E polo lado occidental catro mil cincocentas canas, e as súas tres portas: unha, a porta de Gad, outra a porta de Aser, e outra, a porta de Neftalí. 35 Arredor terá dezaoito mil canas. E dende aquel día, o nome da cidade será Iahveh- Sama.