Capítulo 45

1 E cando repartades por sortes a terra por herdanza, apartaredes unha porción para Iahveh que consagraredes da terra, de lonxitude vinte e cinco mil canas e dez mil de ancho; será sagrado dentro de todo o seu territorio arredor. 2 Dela, para o santuario, cincocentas canas de lonxitude e cincocentas de ancho, en cadrado arredor, e cincuenta cóbados arredor para os seus eixidos. 3 Desta medida medirás en lonxitude vinte e cinco mil canas e en ancho dez mil, no que estará o santuario e o lugar santísimo. 4 A parte consagrada da terra será para os sacerdotes, ministros do santuario, os que se achegan a servir a Iahveh; e servirá de lugar para as súas casas e de recinto santo para o santuario. 5 Tamén haberá vinte e cinco mil canas de lonxitude e dez mil de ancho, que será para os levitas, servidores da casa, como posesión para si, con vinte apousentos. 6 E para propiedade da cidade sinalaredes cinco mil de ancho e vinte e cinco mil de lonxitude, diante da ofrenda para o santuario; e será para toda a casa de Israel. 7 E a parte do príncipe estará a cada lado do apartado para o santuario, e xunto á posesión da cidade, ao longo do apartado para o santuario e en fronte da posesión da cidade, dende o extremo occidente ata o extremo oriente; a lonxitude será dende o límite occidental ata o límite oriente. 8 Esta terra será para eles en posesión en Israel, e os meus príncipes non oprimirán máis o meu pobo. E darán a terra á casa de Israel segundo as súas tribos. 9 Así di Iahveh o Señor: -Xa abonda con vós, príncipes de Israel! Deixade a violencia e a rapina, practicade o xuízo e a xustiza; quitade as vosas imposicións de enriba do meu pobo, di Iahveh o Señor. 10 Teredes balanzas xustas, efa xusto e bat xusto. 11 O efa e o bat serán dunha mesma medida; o bat terá a décima parte do homer, e o efa a décima parte do homer; a medida deles será segundo o homer. 12 O siclo será de vinte xeras. Vinte siclos e vinte e cinco siclos e quince siclos serán para vós unha mina. 13 Esta será a ofrenda que ofreceredes: a sexta parte dun efa por cada homer de trigo, e a sexta parte dun efa por cada homer de cebada. 14 A norma para o aceite será a seguinte: ofreceredes un bat de aceite, é dicir, a décima parte dun coro; dez bats farán un homer, porque dez bats son un homer. 15 E unha ovella do rabaño de douscentas das engordadas de Israel, para o sacrificio, para o holocausto e para as ofrendas de paz, para facer expiación por eles, di Iahveh o Señor. 16 Todo o pobo da terra estará obrigado a dar esta ofrenda ao príncipe de Israel. 17 Pero o príncipe terá a responsabilidade de prover para o holocausto e o sacrificio e a libación nas festas solemnes, nas lúas novas, nos días de repouso e en tódalas festas da casa de Israel. El ha dispor a expiación, a ofrenda, o holocausto e as ofrendas de paz, para facer expiación pola casa de Israel. 18 Así di Iahveh o Señor: No primeiro mes, no primeiro día do mes, tomarás un becerro sen defecto da vacada, e purificarás o santuario. 19 E o sacerdote tomará do sangue do sacrificio de expiación e porá sobre os postes da casa, e sobre os catro extremos do altar, e sobre os postes das portas do patio interior. 20 Así farás no sétimo día do mes por aqueles que pecaron por erro ou con engano, e farás expiación pola casa. 21 No primeiro mes, no día catorce do mes, teredes a Pascua, festa de sete días; comerase pan sen lévedo. 22 Naquel día o príncipe sacrificará por si mesmo e por todo o pobo da terra, un becerro polo pecado. 23 E durante os sete días da festa solemne, ofrecerá holocausto a Iahveh, sete becerros e sete años sen defecto, cada día dos sete días, e polo pecado un chibo cada día. 24 E ofrecerá ofrenda dun efa con cada becerro, e con cada carneiro un efa, e por cada efa un hin de aceite. 25 No sétimo mes, o día quince do mes, na festa, fará como nestes sete días en canto á expiación; e no tocante ao holocausto, no tocante ao presente e no tocante ao aceite.