Capítulo 44

1 E fíxome volver cara a porta exterior do santuario que mira cara o oriente, e estaba pechada. 2 E díxome Iahveh: -Esta porta permanecerá pechada; non se abrirá, nin entrará por ela ninguén, porque Iahveh, o Deus de Israel, entrou por ela; por iso estará pechada. 3 En canto ao príncipe, pois é o príncipe, sentará alí para comer pan diante de Iahveh; entrará polo pórtico da porta, e sairá polo mesmo camiño. 4 E levoume cara a porta do norte, diante da casa; e mirei, e velaí, a gloria de Iahveh encheu a casa de Iahveh; e caín sobre o meu rostro. 5 E díxome Iahveh: -Fillo de home, pon atención, mira cos teus ollos e escoita cos teus oídos todo o que che digo sobre todos os estatutos da casa de Iahveh e tódalas súas leis; e pon atención á entrada da casa e a cada saída do santuario. 6 E dirás aos rebeldes da casa de Israel: así di Iahveh o Señor: Xa abonda de todas as vosas abominacións! Casa de Israel! 7 As que cometestes traendo estranxeiros, incircuncisos de corazón e incircuncisos de carne, para estaren no meu santuario e para contaminar a miña casa, cando ofrecedes o meu pan, a graxa e o sangue, invalidando o meu pacto con todas as vosas abominacións! 8 Porque non gardastes as miñas ordenanzas en canto ás miñas cousas santas, senón que puxestes a estranxeiros como gardas das miñas ordenanzas no meu santuario. 9 Así di Iahveh o Señor: "Ningún fillo de estranxeiro, incircunciso de corazón e incircunciso de carne, entrará no meu santuario; ningún estranxeiro que more entre os fillos de Israel. 10 E os levitas que se afastaron de min cando Israel se afastou de min seguindo os seus ídolos, cargarán coa súa iniquidade, 11 mais servirán no meu santuario como porteiros das portas da casa servindo nela; eles sacrificarán os holocaustos e as vítimas para o pobo, e estarán diante del para servirlle. 12 Porque eles lles serviron diante dos seus ídolos e foron á casa de Israel, pedra de tropezo de maldade. Por iso xurei coa miña man en alto, di Iahveh o Señor, que cargarían coa súa iniquidade. 13 Non se achegarán a min para servirme como sacerdotes, nin se achegarán a ningunha das miñas cousas santas, ou santísimas, senón que cargarán coa súa vergoña e coas abominacións que fixeron. 14 E poreinos por gardas a cargo da custodia da casa para todo o seu servizo e para todo o que se ha facer nela. 15 Pero os sacerdotes levíticos, fillos de Sadoc, que gardaron a orde do santuario cando os fillos de Israel se afastaron de min, eles son os que se achegaran a min para servirme; e diante de min estarán para ofrecerme a graxa e o sangue, di Iahveh o Señor. 16 Eles entrarán no meu santuario, e achegaranse á miña mesa para me servir, e gardarán as miñas ordenanzas. 17 E cando entren polas portas do atrio interior, vestiranse de vestiduras de liño; non levarán sobre eles cousas de lá, cando sirvan nas portas do atrio interior e dentro da casa. 18 Terán turbantes de liño sobre as súas cabezas e calzóns de liño sobre os seus lombos. Non se cinguirán cousa algunha que os faga suar. 19 E acontecerá que cando saian ao atrio exterior, ao patio de fóra, onda o pobo, quitarán as roupas coas que serviron, e deixaranas nos compartimentos do santuario, e vestiranse con outros vestidos, para non santificar o pobo coas súas roupas. 20 Non raparán a súa cabeza nin deixarán medrar o cabelo, senón que só o recortarán. 21 Ningún dos sacerdotes beberá viño cando entre no atrio interior. 22 Nin casará cunha viúva nin cunha repudiada, senón que tomará por muller a unha virxe da descendencia da casa de Israel, ou a unha viúva que sexa viúva de sacerdote. 23 E ensinarán ao meu pobo a distinguir entre o santo e o impuro; e ensinaranlles a discernir entre o limpo e o inmundo. 24 E nos casos de litixio eles estarán para xulgar; segundo os meus mandatos xulgarán; e gardarán as miñas leis e os meus decretos en tódalas miñas festas solemnes e santificarán os meus días de repouso. 25 Non se achegarán a ningunha persoa morta para se contaminar, pero por pai ou nai, fillo ou filla, irmán ou irmá que non teña marido, poderanse contaminar. 26 E despois da súa purificación, contaran sete días. 27 E no día en que entre no santuario, no patio interior, para servir no santuario, ofrecerá a súa expiación, di Iahveh o Señor. 28 E terán herdanza; Eu serei a súa herdanza, pero non lles daredes posesión en Israel. Eu son a súa posesión. 29 Eles comerán a ofrenda vexetal e o sacrificio de expiación e a ofrenda pola culpa; e todo o consagrado en Israel será deles. 30 E tamén as primicias de tódolos primeiros froitos de todo, e toda ofrenda de todo o que se presente de tódalas vosas ofrendas, serán dos sacerdotes. Do mesmo xeito daredes ao sacerdote as primicias de tódalas vosas ofrendas alzadas, para que descanse a bendición nas vosas casas. 31 Os sacerdotes non comerán nada morto ou esnaquizado, tanto de aves como de animais.