Capítulo 42

1 Entón levoume ao atrio exterior cara o norte, e fíxome entrar no apousento que estaba diante do espazo aberto que estaba en fronte do edificio, cara o norte. 2 Por diante da porta do norte a súa lonxitude era de cen cóbados e a súa anchura de cincuenta cóbados. 3 En fronte dos vinte cóbados que había no atrio interior, e en fronte do lousado que había no atrio exterior, había unha galería que daba fronte a outra nos tres pisos. 4 E diante das cámaras había un corredor de dez cóbados de ancho cara o interior, e as súas portas miraban cara o norte. 5 Os apousentos superiores eran máis estreitos, porque as galerías quitábanlles máis espazo que as de abaixo e as do medio do edificio. 6 Porque tiñan tres pisos, pero non tiñan columnas como as columnas dos atrios; por iso eran máis estreitas que as de abaixo e as do medio. 7 O muro que estaba fóra en fronte dos apousentos cara o atrio exterior, tiña cincuenta cóbados de lonxitude. 8 Porque a lonxitude dos apousentos do patio exterior era de cincuenta cóbados, mentres que os que daban á fachada do santuario eran de cen cóbados. 9 Por debaixo deses apousentos estaba a entrada ao lado oriental, para entrar nel dende o atrio exterior. 10 Contra o muro do atrio, cara o oriente, en fronte do atrio e diante do edificio, había tamén apousentos. 11 E o corredor que había diante delas era semellante ao dos apousentos que estaban cara o norte; a súa lonxitude e a súa anchura eran as mesmas, e tódalas súas saídas conforme ás súas portas e conforme ás súas entradas. 12 Así mesmo eran as portas dos apousentos que estaban cara o sur; e había unha porta no remate do corredor que estaba en fronte do muro no lado oriental, para quen entraba nos apousentos. 13 E díxome: -Os apousentos do norte e os do sur que están diante do atrio, son os apousentos santos, donde os sacerdotes que se aproximan a Iahveh comen as ofrendas santas. Alí porán as cousas máis santas: a ofrenda vexetal, o sacrificio polo pecado e o sacrificio pola culpa, porque o lugar é santo. 14 E acontecerá que cando entren os sacerdotes, non sairán do lugar santo ao patio exterior, senón que deixarán alí as súas vestiduras para servir, porque son santas; e vestiranse con outras roupas para se achegaren ao pobo. 15 E cando rematou de medir o interior da casa, levoume polo camiño da porta que miraba cara o oriente, e mediu todo arredor. 16 Mediu o costado oriental coa cana de medir, cincocentas medidas da cana de medir arredor. 17 Mediu o lado do norte, cincocentas medidas da cana de medir arredor. 18 Mediu o lado do sur, cincocentas medidas da cana de medir. 19 Mediu tamén o lado occidental, e mediu cincocentas medidas da cana de medir. 20 Mediuno nos catro lados, e o muro que o rodeaba era de cincocentas canas de lonxitude por cincocentas canas de ancho, separando o lugar santo do profano.