1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
-Fillo de home, pon a túa faciana cara o monte Seir, e profetiza contra el,
3
e dille: "Así di Iahveh o Señor: velaí, Eu estou contra ti, monte de Seir; e estenderei a miña man contra ti, e convertereite nun deserto desolado.
4
Converterei as túas cidades en escombros, e quedarás desolado; e saberás que Eu son Iahveh.
5
Porque movido por un vello rencor entregaches os fillos de Israel ao poder da espada no tempo da súa aflición, no tempo extremadamente malo.
6
Polo tanto, como Eu vivo, di Iahveh o Señor, voute destinar para o sangue, e o sangue hate perseguir; porque non aborreceches o sangue, o sangue estará sempre contigo.
7
Converterei o monte Seir nun desolado deserto, e cortarei del a aquel que vaia e ao que veña.
8
E encherei os seus montes cos seus mortos; nos teus outeiros, nos teus vales e en tódolos teus arroios caerán mortos á espada.
9
Farei de ti unha desolación perpetua, e as túas cidades non serán restauradas; e saberedes que Eu son Iahveh.
10
Por canto dixeches: Esas dúas nacións e estas dúas terras serán miñas, e tomarei posesión delas, mentres Iahveh estea alí.
11
Polo tanto, como Eu vivo, di Iahveh o Señor, farei contigo conforme á túa ira e conforme á tua envexa, por mor da túa inimizade e odio contra deles; e dareime a coñecer a eles cando te xulgue.
12
E saberás que Eu, Iahveh, escoitei tódalas túas blasfemias que pronunciaches contra os montes de Israel, dicindo: están destruídos! Entregáronolos a nós para que os devoremos!
13
Vós medrástesvos contra min coa vosa boca, e multiplicastes as vosas palabras contra min; Eu escoiteivos.
14
Así di Iahveh o Señor: "Mentres toda a terra fai festa, Eu farei de ti unha desolación.
15
Como te alegraches sobre a casa de Israel, porque foi arrasada, así farei Eu contigo. Ti serás desolado, monte Seir, xunto con todo o territorio de Idumea, e saberán que Eu son Iahveh.