Capítulo 34

1 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 Fillo de home, profetiza contra os pastores de Israel; profetiza e dilles aos pastores: así di Iahveh o Señor: Ai dos pastores de Israel, que se coidan a si mesmos! Non deben coidar os pastores ás ovellas? 3 Comedes a graxa e vestídesvos de lá; matades a engordada, pero non apacentades o rabaño. 4 Non fortalecestes as febles, nin curastes as enfermas; non vendastes as que estaban esnaquizadas, non devolvestes ao redil a descarriada, nin buscastes a perdida, senón que as dominastes con dureza e violencia. 5 E elas andan errantes por falta de pastor, e son presa de tódalas feras do campo, e foron dispersadas. 6 As miñas ovellas andan perdidas por todos os montes e por todo outeiro alto. As miñas ovellas foron dispersadas sobre toda a face da terra, e non houbo quen as buscara nin quen preguntara por elas. 7 Polo tanto, pastores, escoitade a palabra de Iahveh: 8 Como Eu vivo, di Iahveh o Señor, que porque o meu rabaño converteuse en obxecto de roubo, e as miñas ovellas chegaron a ser pasto de tódalas feras do campo, por falta de pastor, pois os meus pastores non coidaron as miñas ovellas, senón que os pastores apacentáronse a si mesmos, e non apacentaron ás miñas ovellas, 9 por tanto, vós pastores, escoitade a palabra de Iahveh. 10 Así di Iahveh o Señor: "Velaí, Eu estou contra os pastores; e demandarei as miñas ovellas da súa man, e farei que deixen de apacentalas; e os pastores non se pastorearán máis a si mesmos; pois Eu rescatarei as miñas ovellas das súas bocas, e xa non serán de alimento para eles. 11 Porque así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu mesmo irei buscar as miñas ovellas e as recoñecerei. 12 Como o pastor coñece o seu rabaño no día en que está no medio das súas ovellas dispersas, así coñecerei as miñas ovellas, e librareinas de todos os lugares onde foron esparexidas en día de nubes e escuridade. 13 E sacareinas do medio dos pobos e reunireinas das nacións, e traereinas á súa propia terra, e pastoreareinas nos montes de Israel, polas beiras e en tódolos lugares habitados da terra. 14 E pastoreareinas en bos pastos, e nos altos montes de Israel estará o seu curral; alí durmirán en bos currais, e en suculentas pradarías serán apacentadas sobre os montes de Israel. 15 Eu mesmo pastorearei as miñas ovellas, e dareilles descanso, di Iahveh o Señor. 16 Buscarei a perdida e farei volver á descarriada; vendarei a que está esnaquizada e fortalecerei á feble; mais hei apartar a cebada e a forte; pastoreareinas con xustiza. 17 En canto a ti, rabaño meu, así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu xulgo entre ovella e ovella, entre carneiros e castróns. 18 É pouca cousa para vós tervos alimentado con bos pastos, para esmagar cos vosos pés o que queda dos vosos pastos? E tendo bebido as augas claras, enturbedes cos vosos pés o que queda? 19 Teñen que comer as miñas ovellas o esmagado e beber o enturbado cos vosos pés. 20 Polo tanto, así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu mesmo xulgarei entre a ovella gorda e a ovella fraca, 21 porque empurrastes co costado e co ombreiro, e turrastes cos vosos cornos a tódalas febles, ata que as botastes fóra. 22 Polo tanto Eu salvarei as miñas ovellas, e nunca máis serán unha presa; e xulgarei entre ovella e ovella. 23 E levantarei sobre elas un só pastor, e será el quen as apacente; o meu servo David, será o seu pastor e quen as apacente. 24 E Eu, Iahveh, serei o seu Deus, e o meu servo David, príncipe no medio delas. Eu, Iahveh, falei. 25 E Eu establecerei con eles un pacto de paz, e quitarei as feras malas da terra, e habitarán seguras no deserto, e durmirán nos bosques. 26 E farei que elas e os arredores do meu outeiro sexan unha bendición, e farei caer a chuvia ao seu tempo; e serán chuvias de bendición. 27 E a árbore do campo dará o seu froito, e a terra dará o seu froito, e estarán seguras na súa terra, e saberán que Eu son Iahveh cando quebre as ataduras do seu xugo, e as libre da man dos que se servían delas. 28 Xa non serán despoxadas polas nacións, nin as feras da terra as devorarán, senón que vivirán con seguridade, e non haberá quen as asuste. 29 E levantarei para elas unha plantación de renome, e xa non serán consumidas pola fame na terra, nin serán máis avergoñadas polas nacións. 30 E coñecerán que Eu, Iahveh, o seu Deus, estou con eles, e eles son o meu pobo, a casa de Israel, di Iahveh o Señor. 31 E vós, as miñas ovellas, ovellas do meu rabaño, sodes homes, e Eu son o voso Deus, di Iahveh Deus.