1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
-Fillo de home, fala aos fillos do teu pobo, e di: cando Eu traia a espada sobre a terra, e o pobo da terra escolla un home do seu territorio e o poña por sentinela,
3
e se el ve a espada que vén sobre a terra, e toca a trompeta e alerta o pobo,
4
o que escoite o son da trompeta e non se coide, e veña a espada e o traspase, o seu sangue será sobre a súa cabeza.
5
Escoitou o son da trompeta e non quixo apercibirse; o seu sangue será sobre el; pero o que se garde, salvará a súa vida.
6
Pero se o sentinela ve vir a espada e non toca a trompeta, e o pobo non está alerta, e vén a espada e fere a algún, ese será tomado por causa do seu pecado, pero Eu demandarei o seu sangue da man do sentinela.
7
En canto a ti, fillo de home, Eu púxente por vixiante á casa de Israel; e escoitarás a palabra da miña boca e os has advertir da miña parte.
8
Cando Eu diga ao impío: impío, de certo morrerás! Se ti non o advirtes para que o impío se afaste do seu camiño, o impío morrerá polo seu pecado, pero Eu demandarei o seu sangue de ti.
9
Pero se ti advirtes ao impío para que se afaste do seu camiño, e el non se desvía do seu camiño, el morrerá polo seu pecado, pero ti salvarás a túa vida.
10
Polo tanto, fillo de home, di á casa de Israel: vós falades deste xeito: as nosas transgresións e os nosos pecados están sobre nós, e por eles somos consumidos; como, pois, poderemos vivir?
11
Dilles: -Como Eu vivo, di Iahveh o Señor, que non quero a morte do impío, senón que o impío se volva do seu camiño, e viva. Volvede, volvédevos dos vosos malos camiños! Por que queredes morrer, casa de Israel?
12
E ti, fillo de home, di aos fillos do teu pobo: a xustiza do xusto non o librará no día que se rebele; e a maldade do impío non o estorbará no día que se volva da súa maldade; do mesmo xeito, o xusto non poderá vivir pola súa xustiza no día que peque.
13
Cando Eu diga ao xusto: de certo vivirás, e el confiando na súa xustiza chega a facer iniquidade, non serán lembradas ningunha das súas xustizas, senón que morrerá pola súa iniquidade que fixo.
14
E cando diga ao impío: certamente morrerás, e el se volve do seu pecado e fai conforme ao dereito e a xustiza,
15
se o impío restitúe a prenda, devolve o que roubou, e camiña nos estatutos da vida, sen facer iniquidade, certamente vivirá, e non morrerá.
16
Non se lle lembrará ningún dos seus pecados que cometeu; actuou segundo o dereito e fixo xustiza; de certo vivirá.
17
Entón dirán os fillos do teu pobo: o que fai o Señor non é recto! Pero o que non é recto é o camino deles.
18
Se o xusto se aparta da súa xustiza e fai iniquidade, morrerá por iso.
19
E se o impío se afasta da súa impiedade segundo o dereito e a xustiza, vivirá por iso.
20
E vós dixestes: o camiño do Señor non é xusto. Eu xulgareivos a cada un segundo os vosos camiños, casa de Israel!
21
E aconteceu que no ano doce do noso cativerio, no mes décimo, no quinto día do mes, veu onda min un que fuxiu de Xerusalém, dicindo: -A cidade foi conquistada!
22
E á tardiña, antes de que chegara o fuxitivo, a man de Iahveh estaba sobre min, e abriu a miña boca denantes que el chegara á mañá seguinte, e cando abriu a miña boca, xa non estiven máis calado.
23
Entón veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
24
Fillo de home, os que viven nas ruínas da terra de Israel, din: Abraham era un só, e foi quen de posuír a terra; e nós somos moitos, a terra tamén seremos quen de posuíla!
25
Por tanto dilles: así di Iahveh o Señor: comedes co sangue, tedes unha conducta abominable, cada un de vós déitase coa muller do seu veciño; e credes que ides posuír a terra?
26
Confiades na vosa espada, fixestes abominacións, contaminastes cada un á muller do seu próximo, e credes que ides posuír a terra?
27
Falaraslles deste modo: así di Iahveh o Señor: como Eu vivo, certamente os que están nos lugares desolados morrerán á espada; e o que está en campo aberto entregareino ás feras para que o devoren; e os que están nas fortalezas e nas covas, morrerán da peste.
28
Converterei a terra nun deserto cheo de desolación, e cesará a soberbia do seu poder; e os montes de Israel serán desolados, ata que non haxa quen poida pasar.
29
Entón saberán que Eu son Iahveh cando converta a terra en desolación e deserto, por mor de tódalas abominacións que cometeron.
30
E ti, fillo de home, os fillos do teu pobo burlábanse de ti xunto os muros e as portas das casas, e dinse uns aos outros, cada un co seu irmán: vinde agora e escoitade a palabra que vén de Iahveh!
31
E achéganse a ti atropelándose, e séntanse diante de ti coma se fosen o meu pobo escoitando as túas palabras, pero non as cumplen, porque coas súas bocas din cousas boas, pero os seus corazóns camiñan atrás da súa avaricia.
32
Velaí que ti es para eles coma un cantor de amores, de voz fermosa e que toca ben; senten as túas palabras, pero non as poñen en práctica.
33
Pero cando iso aconteza (e xa está chegando!), saberán que houbo un profeta entre eles.