Capítulo 32

1 E aconteceu que no ano doce, no mes doce, no primeiro día do mes, veu a min palabra de Iahveh, dicindo: 2 Fillo de home, levanta unha lamentación sobre Faraón, rei de Exipto, e dille: ti semellabas un león entre as nacións, pero es coma o cocodrilo do Nilo; chapoteas nas correntes, e enturbas as augas cos teus pés, e enches de barro as correntes dos ríos. 3 "Así di Iahveh o Señor: "Estenderei sobre ti a miña rede na compaña de moitos pobos, e eles sacarante coa miña rede. 4 Hei de te arroxar sobre a terra, e botareite sobre a superficie do campo; e farei pousar sobre ti tódalas aves do ceo, e saciarei contigo as feras de toda a terra. 5 E porei a túa carne sobre os montes, e encherei os vals cos teus cadáveres. 6 E regarei co teu sangue a terra onde nades, e ata os montes e os arroiros encheranse de ti. 7 E acontecerá que cando sexas estinguido, cubriréi os ceos, e farei escurecer as súas estrelas; cubriré o sol con nubes, e a lúa deixará de alumear coa súa luz. 8 Farei escurecer por causa de ti tódalas estrelas resplandecentes do ceo, e porei tebras sobre a túa terra, di Iahveh o Señor. 9 E farei entristecer os corazóns de moitos pobos, cando leve os teus despoxos entre as nacións, e todo o mundo o saiba, en terras que non coñeciches. 10 Sí, cando eles usen a miña espada farei que moitos pobos estean atónitos pola tua causa, e os seus reis estean cheos de terror por ti, e termerán sobresaltados pola sua propia vida no día do seu abatemento. 11 Porque así di Iahveh o Señor: A espada do rei de Babilonia vén sobre ti! 12 Farei que a multitude caia polas espadas dos poderosos, das máis terribles nacións, e destruirán a soberbia de Exipto, e a súa multitude será arrasada. 13 E destruirei tamén todas as súas bestas sobre as moitas augas; e xa non os enturbará o pé do home nin pezuño de besta. 14 Entón farei acougar as súas, e farei fluír os seus ríos coma o aceite, di Iahveh o Señor. 15 Cando a terra de Exipto sexa arrasada, e o país quede despoxado de todo o que hai nel, cando mate a todos os que viven nel, saberán que Eu son Iahveh. 16 Esta é a lamentación coa que han cantar. As fillas das nacións lamentarán por Exipto e por toda a multitude ha laiarse, di Iahveh o Señor. 17 E aconteceu que no ano doce, no quince día do mes, a palabra de Iahveh chegou a min, dicindo: 18 Fillo de home, láiate sobre a multitude de Exipto, e derrámao sobre as fillas das nacións poderosas, ás profundidades da terra, cos que baixan ao sepulcro. 19 A quen superas agora en fermosura? Baixa e déitate cos incircuncisos! 20 Caerán no medio dos pasados á espada! Á espada é entregado! Sacádeo fóra, a el e a todas as súas multitudes! 21 Do medio do Seol falarán del os máis fortes dos poderosos, cos seus aliados: Xa baixaron e xacen cos incircuncisos mortos á espada! 22 Alí está Asiria con toda a súa multitude; arredor del están nos seus sepulcros; todos eles caeron mortos á espada. 23 Os seus sepulcros foron postos no máis profundo da foxa, e o seu pobo está arredor do seu sepulcro; todos eles caídos, mortos á espada; aqueles que sementaran o terror na terra dos vivos. 24 Alí está Elam e toda a súa multitude arredor do seu sepulcro; todos eles caeron mortos á espada, os que baixaron incircuncisos ao máis profundo da terra, porque sementaron o seu terror na terra dos vivos, pero agora levaron a súa vergoña cos que baixan ao sepulcro. 25 Deitárono con toda a súa xente no medio dos degolados, e arredor del están os seus sepulcros; todos eles de incircuncisos, mortos pola espada, porque o seu terror foi posto na terra dos vivos, pero agora levan a súa confusión cos que baixan ao sepulcro; el foi posto no medio dos mortos. 26 Alí está Mesec e Tubal e toda a súa multitude; cos seus sepulcros arredor deles; todos eles incircuncisos, mortos pola espada, porque sementaran o seu terror na terra dos vivos. 27 E os que son inferiores aos incircuncisos non xacerán cos poderosos que baixaron ao Seol coas súas armas de guerra, coas espadas colocadas debaixo das súas cabezas, e as súas maldades están sobre os seus ósos, porque o terror dos poderosos reinaba na terra dos vivos. 28 Ti, pois, serás quebrantado no medio dos incircuncisos, e xacerás cos mortos á espada. 29 Alí está Edom, e os seus reis e tódolos seus príncipes, os que pola súa forza foron postos cos mortos a espada; eles xacerán cos incircuncisos e cos que baixan ao sepulcro. 30 Alí están os príncipes do norte, todos eles, e todos os sidonios, que co seu terror baixaron cos degolados, avergoñados de todo o terror que causaron polo seu poder, e xacen incircuncisos, cos degolados á espada, e teñen que soportar a súa vergoña cos que baixan ao sepulcro. 31 Faraón veráos e será consolado da perda das súas tropas. Faraón e todos os do seu exército, mortos á espada, di Iahveh o Señor. 32 Aínda que Eu permitira o seu terror na terra dos vivos, Faraón xacerá no medio dos incircuncisos, con todos os mortos pola espada, di Iahveh o Señor.