Capítulo 31

1 E aconteceu que no ano undécimo, no terceiro mes, no primeiro día do mes, veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 Fillo de home, di a Faraón, rei de Exipto, e a todo o seu pobo: -Con quen te comparas na túa grandeza? 3 Velaí o cedro do Líbano, de fermosas ramas, de frondosa ramaxe e de grande altura, a súa copa destacábase entre as nubes. 4 As augas fixérono medrar, e o grande abismo enalteceuno enviando correntes arredor del, e fixo pasar as súas correntes a tódalas árbores do campo. 5 Por iso a súa altura medrou máis que tódalas árbores do campo, e multiplicáronse as súas ramas; e por mor das moitas augas estendéronse as súas ramas. 6 E nas súas pólas aniñaban tódalas aves do ceo, e debaixo da súa ramallada apareábanse tódalas bestas do campo, e moitas nacións vivían á súa sombra. 7 Así que chegou a ser fermoso na súa grandeza e na expansión das súas ramas, porque a súa raíz estaba xunto a moitas augas. 8 Os cedros da horta de Deus non o cubrían, nin os cipreses podían competir coas súas pólas, nin os carballos igualaban a súa copa, e ningunha árbore na horta de Deus se asemellaba a súa fermosura. 9 Fíxeno fermoso coa multitude das súas ramas; e tódalas árbores de Edén, que estaban na horta de Deus, tiñan envexa del. 10 Polo tanto, así di Iahveh o Señor: "Porque sendo engrandecido en altura, e levantando o seu cumio ata as nubes, e terse gabado na súa altura o seu corazón, 11 Eu entregareino na man do príncipe das nacións, que certamente o tratará segundo a súa maldade. Eu rexeiteino. 12 E os estranxeiros, os máis crueles das nacións, esnaquizarano e tirarano; e as súas ramas caerán sobre os montes e por tódolos vales; e por tódolos barrancos da terra a súas ramas serán quebradas. E tódolos pobos da terra hanse retirar da súa sombra e botarano fora. 13 Sobre o seu tronco caído hanse pousar tódalas aves do ceo, e sobre as súas ramas durmen tódalas bestas do campo; 14 para que ningunha árbore que medre xunto ás augas se enxalce na súa altura, nin levante a súa copa entre as nubes, nin confíen na súa altura todos os que son regados polas augas; porque todos están destinados a morrer nas profundidades da terra, cos fillos dos homes, cos que baixan á foxa. 15 Así di Iahveh o Señor: "O día que baixou ao Seol, vestín de loito o abismo, detiven os seus ríos, e as súas grandes augas. Por el cubrín de loito o Líbano, e tódalas árbores do campo desmaiaron a causa del. 16 Ao estrondo da súa caída fixen tremer as nacións cando as fixen baixar ao Seol con todos os que baixan á sepultura. E tódalas árbores escollidas do Edén, e as mellores do Líbano, todas as que beben augas, foron consoladas nas profundidades da terra. 17 Tamén descenderon con el ao Seol, cos mortos a espada, os que eran o seu apoio, os que vivían á súa sombra no medio das nacións. 18 A quen te comparaches en gloria e en grandeza entre as árbores do Edén? Pois serás derrubado xunto coas árbores do Edén, ás profundidades da terra; entre os incircuncisos deitaraste, cos mortos pola espada. Este é Faraón e todo o seu pobo, di Iahveh o Señor.