1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
Fillo de home, profetiza e di: así di Iahveh o Señor: Laiádevos! Ai daquel día!
3
Porque está preto o día, está preto o día de Iahveh; día de negras nubes, día de castigo para as nacións.
4
E virá a espada sobre Exipto, e haberá angustia en Etiopía cando caian acoitelados en Exipto; e leven as súas riquezas e os seus alicerces sexan destruídos.
5
Etiopía, Fut, Lud e toda Arabia, Libia e os fillos das terras aliadas caerán con eles a espada.
6
Así di Iahveh: "Caerán os que sosteñen a Exipto, e caerá a soberbia do seu poder; dende Migdal ata Sevene caerán ao fío da espada," di Iahveh o Señor.
7
E serán asolados entre as terras arrasadas, e as súas cidades estarán entre as cidades que quedaron desertas.
8
E coñecerán que Eu son Iahveh cando prenda lume en Exipto e sexan destruídos todos os seus axudantes.
9
Naquel tempo sairán diante de min mensaxeiros en naves para espantar á confiada Etiopía, e a anguria virá sobre eles coma no día de Exipto, porque velaí que vén.
10
Así di Iahveh o Señor: "Destruirei as riquezas de Exipto pola man de Nabucodonosor, rei de Babilonia."
11
El e con el o seu pobo, os máis poderosos das nacións, serán traídos para destruír a terra; desenvaiñarán as súas espadas contra Exipto, e encherán a terra cos mortos.
12
E farei que os ríos sequen, e entregarei a terra nas mans de malvados, e destruirei a terra e todo o que hai nela pola man de estranxeiros; Eu, Iahveh, falei.
13
Así di Iahveh o Señor: "Destruirei tamén os ídolos e destruirei as imaxes de Menfis; e non haberá máis príncipe da terra de Exipto; e porei temor na terra de Exipto.
14
Desolarei a Patros, prenderei lume en Zoán, e farei xuízos en Tebas.
15
E derramarei a miña ira sobre Sin, fortaleza de Exipto, e exterminarei a multitude de Tebas.
16
Hei prender lume en Exipto; e Sin terá grande dor, e Tebas será arrasada, e Menfis terá unha anguria constante.
17
Os mozos de Aven e de Pibeset morrerán a espada, e as mulleres serán levadas cativas.
18
E en Tafnes haberá escuridade no día en que Eu quebrante alí o poder de Exipto, e remate nela a soberbia do seu poder, as tebras cubrirana, e os habitantes das súas aldeas irán en cativeiro.
19
Así executarei os xuízos en Exipto, e coñecerán que Eu son Iahveh.
20
E aconteceu que no ano undécimo, no primeiro mes, no sétimo día do mes, veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
21
Fillo de home, quebrei o brazo de Faraón, rei de Exipto; e velaí, non o vendaron aplicando remedios, nin foi atado con vendaxe nin inmobilizado con táboas para que solde a fractura e poida soster a espada.
22
Por tanto, así di Iahveh o Señor: "Velaí, eu estou contra Faraón, rei de Exipto, quebrarei os seus brazos, tanto o forte coma o fracturado, e farei caer a espada da súa man.
23
E esparexerei os exipcios entre as nacións, e dispersareinos polas terras.
24
E fortalecerei os brazos do rei de Babilonia, e porei a miña espada na súa man; pero quebrarei os brazos de Faraón, e el xemerá diante del con xemidos de ferido de morte.
25
Si, hei fortalecer os brazos do rei de Babilonia, e os brazos de Faraón caerán; e coñecerán que Eu son Iahveh cando poña a miña espada na man do rei de Babilonia, e el a estenda contra a terra de Exipto.
26
E esparexerei os exipcios entre as nacións e dispersareinos polas terras; e saberán que Eu son Iahveh.