1
No décimo ano, no décimo mes, no doce día do mes, veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
-Fillo de home, pon a túa faciana contra Faraón, o rei de Exipto, e profetiza contra el e contra todo Exipto.
3
Fala, e di: así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu estou contra ti, Faraón, rei de Exipto, o gran dragón que está botado no medio dos seus ríos, que di: o Nilo é meu, pois eu o fixen para min.
4
E Eu porei ganchos nas túas queixadas, e apegarei os peixes dos teus ríos ás túas escamas, e sacareite do medio dos teus ríos; e todos os peixes dos teus ríos sairán apegados ás túas escamas.
5
E heite lanzar ao deserto a ti e a tódolos peixes dos teus ríos. Caerás sobre o campo aberto; non serás recollido nin enterrado, e serás dado coma alimento ás feras da terra, e coma presa ás aves dos ceos.
6
E todos os habitantes de Exipto coñecerán que Eu son Iahveh, porque ti fuches un báculo de cana para a casa de Israel.
7
Cando te colleron na man, quebrácheste e furaches a súa man; e cando se apoiaron en ti, quebrácheste e fixéchelos abanear.
8
Por tanto, así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu traerei sobre ti a espada, e cortarei de ti a persoas e animais.
9
E a terra de Exipto será arrasada e deserta; e coñecerán que Eu son Iahveh, por canto dixo: o Nilo é meu, e eu fíxeno!
10
Por iso, velaí, Eu estou contra ti e contra os teus ríos; e converterei a terra de Exipto en ruínas, nun deserto desolado dende Migdol ata Sevene, ata o límite de Etiopía.
11
Non pasará por ela pé de home nin pé de besta, nin será habitada por corenta anos.
12
E farei da terra de Exipto unha desolación no medio de terras desoladas, e as súas cidades entre as cidades arrasadas estarán desoladas por corenta anos; e esparexerei a Exipto entre as nacións, e dispersareino polas terras.
13
Porque así di Iahveh o Señor: Ao cabo de corenta anos recollerei a Exipto de entre os pobos entre os que foron dispersados.
14
E volverei traer os prisioneiros de Exipto, e levareinos á terra de Patros, á terra da súa orixe, e alí serán un reino desprezable.
15
Será humilde en comparación cos demais reinos; nunca máis se levantará sobre as nacións; porque os diminuirei tanto, que nunca máis terán dominio sobre as nacións.
16
E a casa de Israel non será quen de confiar máis neles, nin recaerá o pecado de ter ido tras deles, e saberán que Eu son Iahveh o Señor.
17
E aconteceu no ano vinte e sete, no primeiro mes, no primeiro día do mes, veu a palabra de Iahveh a min, dicindo:
18
Fillo de home, Nabucodonosar, rei da Babilonia, fixo que o seu exército prestara un duro servizo contra Tiro; toda cabeza quedou calva, e tódalas costas descabezadas; e nin a el nin ao seu exército foille dada paga en Tiro polo servizo que prestou contra ela.
19
Por tanto, así di Iahveh o Señor: "Velaí, Eu dou a Nabucodonosor, rei de Babilonia, a terra de Exipto; e el levará as súas riquezas, e recollerá os seus despoxos e saqueará o seu botín, e iso será a paga para o seu exército.
20
Por mor do traballo que fixo contra ela, deille a terra de Exipto, porque eles traballaron para min, di Iahveh o Señor.
21
Naquel tempo farei volver o poder á casa de Israel; e abrirei a túa boca no medio deles, e saberán que Eu son Iahveh.