Capítulo 28

1 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 Fillo de home, di ao príncipe de Tiro: así di Iahveh o Señor: porque o teu corazón enorgulleceuse, e dixeches: Eu son deus, no trono de Deus estou sentado no corazón dos mares. Mais ti es un home e non Deus, aínda que puxeches o teu corazón coma o corazón de Deus, 3 velaí, ti es máis sabio que Daniel e non hai segredo que che sexa oculto! 4 Pola túa habilidade e a túa intelixencia acumulaches riquezas, e adquiriches ouro e prata para os teus tesouros. 5 Polo teu coñecemento multiplicaches as túas riquezas nas túas contratacións, e por mor da túa riqueza o teu corazón envaideceu. 6 Por tanto, así di Iahveh Deus: Porque puxeches o teu corazón coma o corazón de Deus, 7 Velaí, Eu traio sobre ti estranxeiros, os poderosos das nacións, que desvaiñarán as súas espadas contra a fermosura da túa intelixencia e mancharán o teu esplendor. 8 Farante baixar ao sepulcro, e morrerás coa morte dos que morren no corazón dos mares. 9 Has porfiar dicindo: Eu son Deus na presenza de quen te quita a vida? Ti es un home e non un deus, na man do teu asasino! 10 Morrerás da morte dos incircuncisos por man dos estranxeiros; porque Eu falei, di Iahveh o Señor. 11 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 12 Fillo de home, entoa lamentacións sobre o rei de Tiro, e dille: -Isto di Iahveh o Señor: Ti eras o selo da perfección, cheo de sabedoría e rematado en fermosura! 13 Estiveches en Edén, no xardin de Deus; de toda pedra preciosa era a túa roupa: de cornalina, topacio, augamariña, crisólito, berilo e ónix; de zafiro, rubí, esmeralda e ouro. Pandeiros e frautas de primeira foron preparados para ti no día en que fuches creado. 14 Ti, querubín unxido, Eu púxente no monte santo de Deus; alí estabas; andabas no medio das pedras de fogo. 15 Ti fuches perfecto en todos os teus camiños dende o día que fuches creado, ata que se atopou en ti a maldade. 16 Por mor da multitude dos teus negocios enchícheste de iniquiddade e pecaches; polo tanto, Eu degradeite do monte de Deus, e lanceite de entre as pedras de fogo, querubín gardián! 17 O teu corazón enalteceuse por mor da túa fermosura, e corrompiches a túa sabedoría por mor do teu esplendor. Eu votareite por terra e poreite díante de reis para que te vexan coma un espectáculo. 18 Pola multitude das túas maldades e pola iniquidade dos teus tratos profanaches o teu santuario; de maneira que Eu fago saír lume do medio de ti que te ha consumir e convertereite en cinza sobre a terra a vista de todos os que te miran. 19 Todos os que te coñeceron entre os pobos marabillaranse de ti; chegarás a ser o seu espanto, e para sempre deixarás de existir. 20 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 21 -Fillo de home, pon a túa faciana cara Sidón e profetiza contra ela; 22 e dirás: así di Iahveh o Señor: velaí, estou contra ti, Sidón, e serei glorificado no medio de ti; e coñecerán que Eu son Iahveh, cando faga xuízos sobre ela, e me santifique nela! 23 E mandarei sobre ela a peste e o sangue ás súas rúas, e as vítimas caerán mortas no medio dela, por mor da espada hostil que vén de todos os cantos, e saberán que Eu son Iahveh. 24 E a casa de Israel nunca máis terá unha silveira lacerante, nin espiño que a atormente, no medio de todos os que a rodean e a desprezan; e saberán que Eu son Iahveh. 25 Así di Iahveh o Señor: "Cando Eu teña recollida a casa de Israel de entre os pobos entre os que está dispersada, e me teña santificado neles á vista das nacións; entón habitarán na súa terra que dei ao meu servo Xacob. 26 E confiadamente habitarán nela, e edificarán casas e plantarán viñas, e vivirán con seguridade cando Eu xulgue a todos aqueles que os despoxaban arredor; e saberán que Eu, Iahveh, son o seu Deus.