1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
Ti, fillo de home, levanta lamentación sobre Tiro.
3
E dirás a Tiro, que está situada á beira do mar, a que negocia cos pobos de moitas costas: así di Iahveh o Señor: Tiro, ti dixeches: eu son perfecta en fermosura.
4
Os teus confíns están no corazón dos mares; os teus armadores completaron a túa beleza.
5
Con cipreses do monte Senir fabricáronche todo o teu casco; escolleron cedros do Libán para facerche o mastro.
6
Dos carballos de Basán fixeron os teus remos, a túa cuberta con madeira de buxo das costas de Quitim, con incrustes de marfil.
7
De liño fino bordado de Exipto era a túa vela para que te servise de estandarte; de azul e púrpura das costas de Elisa era o teu pavillón.
8
Os habitantes de Sidón e de Arvad foron os teus remeiros; os expertos, Tiro, estaban en ti; eles eran os teus patróns.
9
Os anciáns de Gebal e os seus obreiros máis hábiles taparon as túas xuntas. Tódolos navíos e os seus mariñeiros traficaban contigo.
10
Os persas, os de Lud e os de Fut servían no teu exército, como guerreiros teus; penduraron en ti escudos e cascos, eles déronche o teu esplendor.
11
Os fillos de Arvad e Ielec defendían os muros ao teu arredor, e os de Gamadim estaban nos teus baluartes, e penduraron os seus escudos arredor dos teus muros completando a túa fermosura.
12
Tarsis negociaba contigo pola abundancia de tódalas túas riquezas; con prata, ferro, estaño e chumbo traficaba nas túas feiras.
13
Iaván, Tubal e Mesec traficaban contigo, con escravos e con utensilios de bronce traficaban nas túas feiras.
14
Os da casa de Togarmá cambiaban as túas mercadorías por cabalos, corceis e mulas.
15
Os fillos de Dedan traficaban contigo, e moitas costas levaban mercadorías da túa man, e tributábanche cabeiros de marfil e madeiras de ébano.
16
Edom traficaba contigo porque tiñas productos dabondo; con perlas, púrpura, vestidos bordados, liño fino, corais e rubís viña ás túas feiras.
17
Tamén Xudá e a terra de Israel traficaban contigo; dábanche polas túas mercadorías o trigo de Minit e de Panag, e o mel, o aceite e a resina.
18
Damasco traficaba contigo pola abundancia dos teus produtos e pola abundancia de toda riqueza; negociaban contigo con viño de Helbón e a máis branca lá.
19
Dan e o errante Iaván viñan ás túas feiras para comerciar na túa praza con ferro labrado, mirra destilada e cana aromática.
20
Dedan comerciaba contigo coas mantas de montar.
21
Aínda Arabia e tódolos príncipes de Cedar traficaban contigo con años, carneiros e castróns; estes eran os teus comerciantes.
22
Os comerciantes de Sheba e de Raama eran tamén os teus comerciantes; viñan ás túas feiras co mellor bálsamo, e con toda clase de pedras preciosas, e ouro.
23
Harán, Cane, Edén e os comerciantes de Sheba, de Asiria e de Quilmad negociaban contigo.
24
Traficaban contigo con tecidos finos, mantos de azul e bordados, e caixas de roupas preciosas, enredadas con cordóns e ben aseguradas; en todo isto traficaban contigo.
25
As naves de Tarsis eran coma largas caravanas que levaban as túas mercadorías, e así chegaches a ser opulenta e te multiplicaches grandemente no corazón dos mares.
26
Os teus remeiros conducíante entre as moitas augas, ata que o vento do leste quebrantoute no medio dos mares,
27
coas túas riquezas, as túas mercadorías e os teus bens, cos teus remeiros, os teus capitáns, e os que tapan as túa xuntas, con todos os oficiais dos teus negocios, e todos os teus homes de guerra. E toda aquela xente que estaba contigo e que caeu no medio dos mares no día da túa destrución.
28
Ao berro estrondoso dos teus mariñeiros, as costas tremeron.
29
E todos os que empuñaban os remos, e os mariñeiros e os patróns do mar, todos saltaron das súas naves para quedar en terra.
30
Farei que se escoiten a súas voces chorando amargamente por ti, e espallarán po sobre as súas cabezas, e envorcaranse en cinza.
31
Por ti raparanse o cabelo da súa cabeza, cinguiranse de cilicio, e laiaranse por ti con amargos lamentos, con amargura da alma.
32
E levantarán sobre ti cantos fúnebres, e lamentarán por ti, dicindo: quen é coma Tiro, fortificada no medio do mar?
33
Cando as túas mercadorías saían dos barcos, saciabas a moitos pobos; enriqueciches aos reis da terra coa multitude das túas riquezas e do teu comercio.
34
Agora, quebrantada polo mar, na profundidade das augas, coas túas mercancías e toda a tripulación caída no medio de ti,
35
Todos os habitantes das costas quedarán abraiados pola túa causa, e os seus reis tremerán de terror; e os seus rostros quedarán abatidos.
36
Os comerciantes de entre os pobos asubiarán cheos de asombro, e virás ser un espanto, e para sempre deixarás de ser.