Capítulo 3

1 E dixome: -Fillo de home, come o que tes aí; come este pergamiño, e vai e fala á casa de Israel. 2 Entón abrín a miña boca e El fíxome comer ese pergamiño. 3 E dixome: -Fillo de home, alimenta o teu ventre e enche as túas tripas con este pergamiño que Eu che dou. E comin, e na miña boca foi doce coma o mel. 4 E dixome: -Fillo de home, vai e entra na casa de Israel, e fálalles coas miñas palabras. 5 Porque ti non es mandado a un pobo de lingua profunda nin de lingua difícil, senón á casa de Israel. 6 Non a moitos pobos de lingua profunda, ou de lingua difícil, que non entendas as súas palabras. Se te mandase a eles, eles escoitaríante. 7 Pero a casa de Israel non vai querer escoitarte, porque non quere escoitarme a min; porque toda a casa de Israel é de faciana dura e de corazón testán. 8 Velaí, Eu farei a túa faciana forte contra as súas caras, e a túa fronte forte contra as súas frontes. 9 Fixen a túa faciana coma un díamante, máis forte que o pedernal. Non lles teñas medo nin te acobardes díante deles, pois son unha casa rebelde. 10 E dixome: -Fillo de home, recibe no teu corazón tódalas miñas palabras que che direi, e escoita cos teus oídos. 11 Vai preto dos exiliados, os fillos do teu pobo, e fálalles dicindo: así di Iahveh o Señor; escoiten ou non queiran escoitar. 12 E de súpeto levoume o Espírito, e escoitei tras de min o son dun grande estrondo, cando a gloria de Iahveh se levantou dese lugar. 13 Escoitei tamén o son das ás dos seres viventes que rozándose unha coa outra, xunto ao ruxir das rodas díante deles, e un son de grande estrondo. 14 Entón o Espírito ergueume e levoume; e fun con amargura, indignado no meu espírito; pero a man de Iahveh era forte sobre min. 15 E cheguei aos exiliados en Tel-Abib, que vivían xunto ao río Quebar, e sentei onde eles estaban sentados, e quedei alí asombrado no medio deles por sete días. 16 E aconteceu que ao cabo de sete días, a palabra de Iahveh veu a min, dicindo: 17 Fillo de home, Eu púxente por sentinela á casa de Israel; e ti escoitarás a palabra da miña boca e advertiralos da miña parte. 18 Cando Eu diga ao impío: de certo morrerás, e ti non o advirtas nin lle fales, para que o impío se volva do seu mal camiño, e así viva, o impío morrerá pola súa maldade, pero eu demandarei o seu sangue da túa man. 19 Pero se ti advirtes ao impío, e el non se volve da súa maldade e do seu mal camiño, el morrerá pola súa maldade, pero ti librarás a túa alma. 20 Se o xusto se afasta da súa xustiza e fai maldade, e Eu poño tropezo díante del, morrerá, porque ti non o advertiches. No seu pecado morrerá, e as súas xustizas que fixo non se lembrarán, pero eu demandarei o seu sangue da túa man. 21 Pero se advirtes ao xusto para que non peque e non peca, de certo vivirá, porque foi advertido; e ti salvarás a túa alma. 22 Alí veu a man de Iahveh sobre min, e dixome: -Érguete, sae ao campo, e alí falarei contigo. 23 E erguinme e saín ao campo; e velaí que a gloria de Iahveh estaba alí, como a gloria que vira xunto ao río Quebar; e caín sobre a miña faciana. 24 Entón entrou o Espírito en min e púxome en pé, e faloume e dixome: -Entra e fecha a túa casa. 25 E velaquí que a ti, fillo de home, poranche cordas, e atarante con elas, e non sairás de entre eles. 26 E farei que a túa lingua se pegue ao teu padal, e quedarás mudo, e non serás quen de reprenderlles, porque son casa rebelde. 27 Pero cando Eu che fale, entón abrirei a túa boca, e diraslles: -Isto di o Señor Iahveh: aquel que queira, que escoite; e o que non queira escoitar, que non escoite, porque son casa rebelde.