Capítulo 2

1 E dixome: -Fillo de home, ponte en pé, e falarei contigo. 2 E aconteceu que cando me falou, entrou o Espírito en min e púxome en pé, e escoitei a quen falaba comigo, 3 que me dicía: -Fillo de home, Eu mándote aos fillos de Israel, a unha nación rebelde que se rebelou contra min; eles e os seus pais rebeláronse contra min ata hoxe. 4 Polo tanto, Eu mándote a fillos de cara dura e de corazón obstinado, e diraslles: así di Iahveh o Señor: 5 E tanto se eles escoitan (pois son casa rebelde), coma se non escoitan, saberán que houbo un profeta entre eles. 6 Pero ti, fillo do home, non lles temas nin lles teñas medo a eles ou ás súas palabras, aínda que esteas entre espiños e cardos, e habites entre escorpións. Non temas as súas palabras nin teñas medo díante deles, pois son casa rebelde. 7 Ti, pois, falaraslles as miñas palabras, ben escoiten ou non, porque son moi rebeldes. 8 Pero ti, fillo de home, escoita o que Eu che digo; non sexas rebelde como a casa rebelde; abre a túa boca e come o que Eu che dou! 9 E mirei, e velaí unha man estendida cara min, e nela había un pergamiño escrito. 10 Estendeuno díante de min, e estaba escrito por dentro e por fóra; e nel estaban escritos elexías, prantos e lamentacións.