Capítulo 25

1 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 -Fillo de home, pon a túa faciana cara os fillos de Amón, e profetiza contra eles. 3 E dirás aos fillos de Amón: escoitade a palabra de Iahveh. Así di Iahveh: porque dixeches, “que ben!” cando o meu santuario foi profanado, e a terra de Israel foi arrasada, e a casa de Xudá foi levada en cativeiro, 4 velaí, Eu entrégote en posesión aos fillos do oriente, os que asentarán en ti os seus campamentos e plantarán as súas tendas no medio de ti e comerán as túas sementeiras e beberán o teu leite. 5 E farei de Rabá un pasteiro de camelos, e aos fillos de Amón poreinos por curral de ovellas; e saberedes que Eu son Iahveh. 6 Porque así di Iahveh o Señor: "Porque bateches as mans e bailaches cos teus pés, e te alegraches na túa alma desprezando á terra de Israel, 7 Eu estenderei a miña man contra ti, e entregareite ás nacións para que sexas saqueado; cortareite de entre os pobos e destruireite de entre as nacións; exterminareite da terra, e saberás que Eu son Iahveh. 8 Así di Iahveh o Señor: "Porque Moab e Seir dixeron: velaí, a casa de Xudá é coma tódalas demais nacións! 9 Polo tanto, Eu abro o lado de Moab dende as cidades, dende as súas cidades fronteirizas ata a terra desexable de Bet-Xesimot, Baal-Meón e Quiriataim, 10 E xunto os fillos de Amón dareilla en posesión aos fillos de oriente, para que non haxa máis memoria dos fillos de Amón entre as nacións. 11 E hei xulgar a Moab, e coñecerán que Eu son Iahveh. 12 Así di Iahveh o Señor: "Porque Edom fixo isto, vingándose cruelmente da casa de Xudá e ofendéndoos en gran maneira, 13 por iso, así di Iahveh o Señor: Eu tamén estenderei a miña man sobre Edom, e cortarei del homes e animais, e destruireino; dende Temán ata Dedan caerán a espada. 14 E descargarei a miña vinganza sobre Edom por medio do meu pobo Israel, e farán en Edom conforme a miña ira e conforme á miña indignación; e eles coñecerán a miña vinganza, di Iahveh o Señor. 15 Así di Iahveh o Señor: "Porque os filisteos actuaron con vinganza, e aniquilaron con saña a causa da hostilidade que vén de vello, 16 por tanto, así di Iahveh: "Velaquí, Eu estenderei a miña man sobre os filisteos, e cortarei os zereteos, e destruirei o resto que quede na beira do mar. 17 E executarei neles unha grande vinganza con reprensións de ira; e coñecerán que Eu son Iahveh, cando a miña vinganza caia sobre eles.