Capítulo 23

1 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 -Fillo de home, había dúas mulleres, fillas dunha mesma nai, 3 e prostituíronse en Exipto; fornicaron na súa mocidade; alí deixáronse apertar os seus seos, alí acariciaron os seus peitos virxinais. 4 O nome da maior era Ahola, e o nome da súa irmá, Aholibá. Despois chegaron a ser miñas e deron a luz fillos e fillas. E os seus nomes foron: Samaria é Ahola; e Xerusalém, Aholibá. 5 E Ahola, sendo miña, prostituíuse namorándose dos seus amantes, os asirios: 6 guerreiros vestidos de púrpura, gobernadores e comandantes, mozos cobizosos todos eles, xinetes que montaban cabalos. 7 E ela prostituíuse con eles, con todos os máis escollidos dos fillos dos asirios, e contaminouse con todos os ídolos de todos aqueles dos que namorou. 8 E non deixou de fornicar cos exipcios, que na súa mocidade deitaran con ela acariñando os seus peitos virxinais e vertendo nela a súa luxuria. 9 Por iso entregueina na man dos seus amantes, na man dos fillos dos asirios, aqueles polos que ela ansiaba. 10 Eles descubriron a súa nudez, arrebatáronlle os seus fillos e as súas fillas, e matárona a espada; e chegou a ser famosa entre as mulleres, por como a escarneceron. 11 E a súa irmá Aholibá viuno, toleou de luxuria aínda máis ca ela, e as súas fornicacións foron maiores que as fornicacións da súa irmá. 12 Namorouse dos fillos dos asirios, os seus veciños, gobernadores e comandantes, vestidos con roupas excelentes, xinetes que ían a cabalo, todos eles mozos codiciables. 13 E vin que se contaminaba: as dúas ían polo mesmo mesmo camiño. 14 E ela aumentou as súas fornicacións; pois cando viu a homes pintados no muro, imaxes de caldeos pintados de moitas cores, 15 cinguidos polos seus lombos con talabartes, e turbantes de moitas cores sobre as súas cabezas, tendo todos eles a aparencia de capitáns, coma os homes de Babilonia, nados en Caldea. 16 E namorouse deles tan pronto como os viu, e mandoulles mensaxeiros á terra dos caldeos. 17 Así que os homes de Babilonia achegáronse a ela no seu leito de amor e contaminárona coas súas fornicacións, pero tan pronto como foi deshonrada, a súa alma deixou de amalos. 18 Así deixou ver as súas fornicacións e ela descubriu a súa nudez; polo que eu tamén me cansei dela, xa como a miña alma se tivera cansado da súa irmá. 19 Pero ela aínda multiplicou as súas fornicacións, lembrando os días da súa mocidade, nos que fornicara na terra de Exipto. 20 Ardeu en desexo polos seus amantes, que teñen falo de burros e exaculan coma cabalos. 21 Deste modo repetiches unha vez máis a luxuria da túa mocidade, cando os exipcios acariñaban os teus seos, e apalpaban os tus peitos mozos. 22 Por tanto, Aholib, así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu espertarei contra ti os teus amantes, dos que a túa alma se afastou, e fareinos vir contra ti de todas as partes; 23 os de Babilonia e todos os caldeos, os de Pecod, Soa e Coa, e todos os asirios con eles: mozos desexables, gobernadores e comandantes, notables e homes de renome, todos a cabalo. 24 Virán contra ti con exércitos e carros, e con multitude de pobos; poranse contra ti en formación con escudos, paveses e cascos, e Eu encargareilles que te xulguen de acordo os seus costumes. 25 E porei o meu celo contra ti, e actuarán contigo con ira; quitaranche o teu nariz e as túas orellas, e o que quede de ti morrerá a espada. Arrebatarán os teus fillos e as túas fillas, e o teu remanente será consumido polo lume. 26 Despoxarante das túas roupas e quitaranche todos os adornos da túa fermosura. 27 Deste xeito farei que remate a túa luxuria e as túas prostitucións que trouxeches de Exipto, de xeito que non mires máis para eles nin te lembres máis de Exipto. 28 Porque así di Iahveh o Señor: "Velaquí, Eu entrégote na man daqueles que aborreces, na man daqueles de quen a túa alma se desgustou. 29 Eles han te tratar cheos de odio, e quitaranche todo o froito do que traballaches, e deixarante núa e sen nada, e quedará descuberta a inmundicia das túas fornicacións, da túa luxuria e da túa prostitución. 30 Faránche estas cousas porque fornicaches tras dos pobos, e te contaminaches cos seus ídolos. 31 Porque andaches no camiño da túa irmá. Polo tanto, Eu porei a súa copa na túa man. 32 Así di Iahveh o Señor: "Beberás da copa profunda e ancha da túa irmá. As nacións hanse burlar de ti e escarnecerante. 33 Chegarás a estar bébeda de dor. Copa de soidade e desolación é a copa da tua irmá Samaria. 34 Si, ti beberala ata esgotala, e lamberás as borras e rasgarás os teus peitos; porque Eu falei, di Iahveh o Señor. 35 Por tanto, así di Iahveh o Señor: Xa que te esqueciches de min e me botaches detrás das túas costas, carga ti mesma a túa luxuria e as túas fornicacións! 36 E dixome Iahveh: -Fillo de home, non xulgarás ti a Ahola e a Aholibá? Entón decláralles as súas abominacións! 37 Porque cometeron adulterio e hai sangue nas súas mans, e fornicaron cos seus ídolos; e aínda os seus fillos que me deron a luz, queimáronos, facéndoos pasar polo lume. 38 E aínda engadiron algo máis: contaminaron o meu santuario nese mesmo día e profanaron os meus días de repouso. 39 Pois despois de teren sacrificado os seus fillos aos seus ídolos, naquel mesmo día entraron no meu santuario para contaminalo; iso foi o que fixeron na miña casa! 40 Tamén mandaches por homes que viñeran de lonxe, mandábaslles mensaxeiro, e axiña viñan. Por amor a eles lavácheste, pintaches os teus ollos e ataviácheste cos teus enfeites, 41 repousaches nun leito ben pomposo, diante del foi preparada unha mesa; e sobre ela puxeches o meu incenso e o meu aceite. 42 E sentíase alí o balbordo da multitude que se entretía con ela; eran moitos homes, bébedos, traídos do deserto, que lles poñían brazaletes nos brazos e fermosas coroas sobre ámbalas dúas cabezas. 43 E dixen da que era consumida en adulterios: - Agora ela segue entregándose ás súas prostitucións. 44 Porque viñérona buscar como quen anda atrás dunha prostituta. Así viñeron a buscar a estas mulleres depravadas, Ahola e a Aholibá. 45 Mais os xustos xulgaranas segundo a lei das adúlteras e pola lei das que derraman sangue; porque son adúlteras e hai sangue nas súas mans. 46 Por iso, así di Iahveh o Señor: Érganse multitudes contra delas, e sexan entregadas ao espanto e o saqueo! 47 E as turbas acantazaranas con pedras, e traspasaranas coas súas espadas. Matarán os seus fillos e as súas fillas, e consumirán as súas casas con lume. 48 E farei cesar tan detestable lascivia na terra, e tódalas mulleres escarmentarán, polo que xamais farán conforme a vosa detestable lascivia. 49 E porán sobre vós as vosas execrables lascivias, e cargaredes cos pecados das vosas idolatrías; e saberedes que Eu son Iahveh o Señor.