Capítulo 21

1 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 2 -Fillo de home, pon a túa faciana contra Xerusalém, e derrama a túa palabra contra os santuarios, e profetiza contra a terra de Israel. 3 E di á terra de Israel: así di Iahveh: velaí, Eu estou contra ti; sacarei a miña espada da súa vaíña, e cortarei de ti a culpables e inocentes. 4 Por canto vou cortar de ti o xusto e ao impío, así a miña espada sairá da súa vaíña contra toda carne, dende o sur ata o norte. 5 E toda carne saberá que Eu, Iahveh, saquei a miña espada da súa vaíña; non a envaiñarei máis. 6 E ti, fillo de home, xeme con quebrantamento do teu lombo; xeme amargamaente díante deles. 7 E acontecerá que cando che digan: por que estás a xemer? Dirás: por unha nova, porque vén e fará que todo corazón desfaleza, e toda man farase feble, e todo espírito hase anguriar, e todo xeonllo desvaecerase coma a auga. Velaí que vén e ha ser feito, di Iahveh o Señor. 8 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 9 Fillo de home, profetiza, e di: así di Iahveh o Señor: di: a espada, a espada afiada e tamén brunida! 10 Pois foi afiada para matar, pulida para resplandecer. Temos que alegrarnos? El desprezou o cetro do meu fillo coma se fose un caxato. 11 E fíxoa brillar para tela na man; a espada está afiada e brillante para entregala na man do asasino. 12 Berra e láiate, fillo de home, porque esta será sobre o meu pobo, e será sobre todos os príncipes de Israel; eles caerán a espada xuntamente co meu pobo; fere, pois, o teu muslo! 13 Porque foi feita a proba, E que? Se aínda despreza o trono, non subsistirá, di Iahveh o Señor. 14 Ti, pois, fillo de home, profetiza, e bate as palmas; que se dobre e se triplique a ira da espada asasina! Espada da matanza que os traspasará! 15 Para que o corazón desmaie e as vítimas se multipliquen. En tódalas súas portas puxen o terror da espada. Ai! Disposta está para resplandecer e afiada para matar. 16 Corta á dereita, fere á esquerda, onde queira que te volvas! 17 E Eu tamén golpearei, baterei as miñas mans, e hei desfogar a miña ira. Eu, Iahveh, falei. 18 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 19 Ti, fillo de home, marca para ti dous camiños por onde veña a espada do rei de Babilonia. Ámbolos dous sairán dunha mesma terra; e pon un sinal no principio de cada camiño para indicar a cidade onde vai. 20 Sinala o camiño por onde vai vir a espada a Rabá dos fillos de Amón, e a Xudá contra Xerusalém, a cidade fortalecida. 21 Pois o rei de Babilonia detívose na encrucillada, no comenzo dos dous camiños, para usar a adiviñación: sacudiu as frechas, consultou os seus ídolos, observou o fígado; 22 A adiviña apuntou á súa man dereita sobre Xerusalém para dar a orde do atacante, para comezar a matanza, para o berro de guerra, para levantar barricadas e edificar torres de asalto! 23 Mais a eles pareceulles falsa a adiviñación, porque lles tiñan xurado ser os seus vasalos; mais el vai acusalos e serán atrapados. 24 Polo tanto, así di Iahveh o Señor: "Porque vos están a denunciar as vosas culpas, e se están a descubrir, e en todos os vosos feitos facedes patentes os vosos pecados, e así sodes acusados, seredes entregados nas súas mans. 25 E ti, príncipe profano e impío de Israel, o teu día chegou, a hora do castigo final! 26 Así di Iahveh o Señor: "Quita a tiara e bota fóra a coroa! Todo vai cambiar! Que se exalte o baixo, e se humille o alto! 27 A destrución, a destrución; todo queda reducido á destrución! E non existirá máis ata que veña aquel a quen corresponde o xuízo, e Eu entregareino. 28 E ti, fillo de home, profetiza, e di: así di Iahveh contra os fillos de Amón e contra os seus aldraxes. E diraslles: a espada, a espada está esenvaiñada para matar, pulida con resplandor para degolar! 29 Eles profetízanche visións falsas, adivíñanche mentira; hanse aplicar ao pescozo dos malos as sentenzas de morte, para que veña o seu día no tempo do castigo final! 30 Volvereina á súa vaíña? No lugar onde fuches forxada, na terra onde naciches heite xulgar. 31 Derramarei sobre ti a miña ira; soprarei sobre ti o lume da miña indignación, e entregareite nas mans de homes temerarios, artesáns da destrución. 32 Serás forraxe do lume, e a terra empaparase do teu sangue; e non haberá máis memoria de ti; porque Eu, Iahveh, falei.