Capítulo 20

1 E aconteceu que no sétimo ano, no quinto mes, no décimo día do mes, viñeron algúns dos anciáns de Israel para consultar a Iahveh, e sentaron diante de min. 2 Entón veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 3 Fillo de home, fala aos anciáns de Israel e dilles: -Isto di Iahveh o Señor: viñestes consultar comigo? Como Eu vivo que non vos responderei, di Iahveh o Señor. 4 Xúlgalos ti, fillo do home! Xúlgalos ti! Failles saber as abominacións dos seus pais, 5 e dilles: así di Iahveh o Señor: no día no que escollín a Israel e erguín a miña man á descendencia da casa de Xacob, cando me dei a coñecer a eles na terra de Exipto, e xurei coa man en alto dicindo: Eu son Iahveh o voso Deus, 6 naquel día xureilles coa miña man erguida sacalos da terra de Exipto a unha terra que Eu lles dera, que flúe leite e mel, a máis fermosa de tódalas terras. 7 Entón dixenlles: -Botade cada un as abominacións que vos levan os ollos, e non vos contaminedes cos ídolos de Exipto. Eu son Iahveh, o voso Deus. 8 Pero eles rebeláronse contra min e non quixeron escoitarme; non botaron cadansúas abominacións da súa presenza, nin abandonaron os ídolos de Exipto. Entón dixen que derramaría a miña ira sobre eles, para verter neles a miña indignación no medio da terra de Exipto. 9 Pero por causa do meu nome, para que non fose deshonrado a vista das nacións entre as que estaban, díante dos ollos dos que me dera a coñecer; Eu actuei para sacalos da terra de Exipto. 10 Saqueinos da terra de Exipto e leveinos ao deserto. 11 E deilles os meus estatutos, e fíxenlles coñecer os meus decretos, que dan vida ás persoas que os cumpren. 12 E deilles tamén os meus días de repouso para que fosen sinal entre Eu e eles, para que soubesen que Eu son Iahveh que os santifico. 13 Pero a casa de Israel rebelouse contra min no deserto; non andaron nos meus estatutos e rexeitaron os meus decretos, que dan vida a todo aquel que os cumpre; e profanaron en gran maneira os meus días de repouso. Entón dixen que derramaría a miña ira sobre eles no deserto para exterminalos. 14 Pero por causa do meu nome fixen isto, para que non fose deshonrado díante das nacións das que os sacara. 15 Xureilles tamén no deserto que non os levaría á terra que lles dera, que flúe leite e mel, a máis fermosa de tódalas terras; 16 porque rexeitaron os meus decretos e non andaron nos meus estatutos, e profanaron os meus días de repouso, pois o seu corazón ía detrás dos seus ídolos. 17 Con todo, o meu ollo tivo compaixón deles, de xeito que non os matei nin os exterminei no deserto. 18 Senón que lles dixen aos seus fillos no deserto: non andedes nos estatutos dos vosos pais, nin gardedes as súas costumes, nin vos contaminedes cos seus ídolos. 19 Eu son Iahveh o voso Deus; andade nos meus estatutos e gardade os meus mandamentos, e poñédeos en práctica; 20 Santificade os meus días de repouso, para que sexan un sinal entre Eu e vós e para que todos saiban que Eu son Iahveh o voso Deus. 21 Pero tamén os fillos rebeláronse contra min. Non andaron nos meus estatutos nin gardaron os meus decretos, para polos en práctica, os que dan vida a todo aquel que os cumpre; e profanaron os meus días de repouso. Entón dixen que derramaría a miña indignación sobre eles, para cumprir a miña ira neles no deserto. 22 Pero retirei a miña man por causa do meu nome, para que non fose deshonrado díante das nacións, díante dos que viron que os fixera saír. 23 Tamén xurei no deserto que os dispersararía entre os pobos, e que os esparexería polas terras; 24 porque non puxeron en práctica os meus decretos, senón que rexeitaron os meus estatutos e profanaron os meus días de repouso, pois os seus ollos fóronse atrás dos ídolos de seus pais. 25 Acaso lles dei estatutos que non eran bos, ou decretos polos que non podían vivir? 26 Contamineinos nas súas ofrendas cando facían pasar polo lume a todo primoxénito para que fosen desolados e así recoñeceran que Eu son Iahveh o Señor? 27 Por tanto, fillo de home, fala á casa de Israel, e dilles: así di Iahveh o Señor: Os vosos país deshonráronme traizoándome deste xeito: 28 Cando os trouxen á terra sobre a que xurei coa man erguida, e miraron a todo outeiro alto e a toda árbore frondosa, e alí sacrificaron as súas vítimas, e alí presentaron ofrendas que me anoxan; e alí queimaron tamén o seu incenso agradable e alí derramaron as súas libacións. 29 Pregunteilles: -Que hai nese outeiro onde ides? E chamárono “O Outeiro” ata hoxe. 30 Por tanto, di á casa de Israel: así di Iahveh o Señor: contaminádesvos vós mesmos coma os vosos pais, e seguides fornicando tras dos seus ídolos detestables. 31 E presentades as vosas ofrendas facendo pasar os vosos fillos polo lume, e ata hoxe seguides a vos contaminar con todos os vosos ídolos. E heivos responder Eu, casa de Israel? Vivo Eu, di Iahveh o Señor, que non vos hei responder! 32 E non será como pensades, cando dicides: sexamos coma as outras nacións, coma as demais familias da terra, servindo ao pau e á pedra. 33 Como Eu vivo - di Iahveh o Señor - que con man forte, brazo estendido e ira derramada, reinarei sobre vós. 34 E sacareivos do medio dos pobos, e reunireivos das terras onde fostes esparexidos, con man forte, brazo estendido, e derramando ira ; 35 e traereivos ao deserto dos pobos, e alí litigarei con vós cara a cara. 36 Como litiguei cos vosos pais no deserto da terra de Exipto, así litigarei con vós, di Iahveh o Señor. 37 Farei que pasedes debaixo do caxato, e fareivos entrar nos vínculos do pacto, un por un; 38 E separarei de entre vós os rebeldes e os que se rebelaron contra min; sacereinos da terra da súa peregrinación, pero non entrarán na terra de Israel; e saberedes que Eu son Iahveh. 39 E a vós, casa de Israel, así di Iahveh o Señor: "Se non me escoitades a min, ide cada un detrás dos seus ídolos e servídeos! Pero non profanedes máis o meu santo nome coas vosas ofrendas e cos vosos ídolos. 40 Pero no meu monte santo, no monte alto de Israel, di Iahveh o Señor, alí servirame toda a casa de Israel, todos a unha. Alí aceptareinos, e alí demandarei as vosas ofrendas e as primicias dos vosos dons con tódalas vosas cousas consagradas. 41 Como incenso agradable aceptareivos, cando vos saque de entre os pobos e vos recolla de entre as terras onde fostes dispersos; e a miña santidade será reflectida en vós á vista das nacións. 42 E coñeceredes que Eu son Iahveh cando vos leve á terra de Israel, á terra pola que xurei coa man erguida, darlla aos vosos pais. 43 Alí lembraredes os vosos camiños e tódolos vosos feitos cos que vos contaminastes; e odíarédesvos a vós mesmos por mor de tódolos vosos pecados que cometestes. 44 E saberedes que Eu son Iahveh, cando vos trate como esixe o meu nome, non segundo os vosos malos camiños nin segundo as vosas obras perversas, casa de Israel, di Iahveh o Señor. 45 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 46 -Fillo de home, pon a túa faciana cara o sur, derrama a túa palabra cara a parte occidental, e profetiza contra o bosque do Neguev. 47 E dirás ao bosque do Neguev: escoita a palabra de Iahveh! Así di Iahveh o Señor: Velaquí, Eu vou mandar sobre ti un lume que consumirá en ti toda árbore verde e toda árbore seca. A lapa do lume non se apagará, e con el serán queimadas tódalas facianas, dende o sur ata o norte. 48 E toda carne verá que Eu, Iahveh, acendina. Non se apagará. 49 Entón dixen: -Ai Señor Iahveh! eles din de min: este só fala parábolas!