Capítulo 33

1 Esta é a bendición coa que Moisés, home de Deus, bendiciu os fillos de Israel denantes da súa morte. 2 Dixo: Iahveh veu do Sinai e levantouselles dende Seir, brillou dende o monte Parán, e veu cunha miríade dos santos. Á súa destra, dende o fogo, deulles a lei. 3 É ben certo que el ama as nosas tribos; tódolos seus santos están na túa man e prostranse aos teus pés; todos reciben das túas palabras. 4 Moisés prescribiunos unha lei, unha herdanza para a asemblea de Xacob. 5 El era rei en Iesurún, cando se xuntaron os xefes do pobo canda as tribos de Israel. 6 Viva Rubén, e non morra, e non veñan ser poucos seu homes. 7 E dixo isto no tocante a Xudá: Escoita Iahveh, a voz de Xudá, e tráeo a seu pobo. Loitou coas súas mans por eles; sé ti a súa axuda en contra dos seus adversarios! 8 E dixo de Leví: Sexan o teu Tumim e o teu Urim para o teu santo a quen probaches en Masah, co que loitaches nas augas de Meriba; 9 o que dixo de seu pai e de súa nai: non os coñezo!; e non recoñeceu a seus irmáns, nin tivo en conta aos seus propios fillos, porque obedeceron a túa palabra, e mais gardaron o teu pacto. 10 Eles han ensinar as túas ordenanzas a Xacob e a túa lei a Israel. Poñerán incenso diante de ti, e holocaustos perfectos sobre o teu altar. 11 Bendí oh Iahveh, os seus esforzos, e acepta as obras das súas mans; parte os lombos dos que se erguen contra del e dos que o odian, para que endexamais non se levanten! 12 Dixo de Benxamín: Viva o amado de Iahveh confiado xunto a aquel que o protexe todo o día, e que fai que descanse nos seus brazos. 13 E dixo de Xosé: bendita de Iahveh sexa a súa terra, co mellor dos ceos, co orballo e co manancial que está por baixo; 14 co mellor dos froitos do sol e cos mellores froitos das tempadas; 15 co mellor dos montes antigos e co escolleito dos outeiros eternos; 16 co mellor da terra e canto contén e o favor de aquel que habitaba na silveira. Baixe a bendición sobre a testa de Xosé, e sobre o cocote do consagrado entre seus irmáns. 17 Sexa o seu esplendor coma o primoxénito dun touro, e os seus cornos os do búfalo para acornellar con eles as nacións. Todas a unha, ata os confíns da terra. Así son as miríades de Efraín! E así as miríades de Manaxés! 18 Dixo de Zabulón: alégrate Zabulón nas túas saídas marítimas, e ti Isacar, nas túas tendas! 19 Convocarán as tribos ás montañas, alí ofrecerán sacrificios de xustiza, porque disfrutarán da riqueza dos mares, e dos tesouros que agochan as areas. 20 De Gad dixo: Gad foi bendicido para se ensanchar; agóchase coma un león, arrinca o brazo e máis a cabeza. 21 Escolleu para si as primicias, pois alí foille gardada a porción de lexislador. Presentouse ás cabezas do pobo e deu cumprimento á xustiza de Iahveh, a aos seus decretos para con Israel. 22 De Dan, dixo: Dan é un cachorro de león que salta dende Basán. 23 E de Neftalí dixo: oh Neftalí! Saciado de favores, e cheo da bendición de Iahveh: posúe o mar e a súa bisbarra! 24 E de Aser, dixo: sexa bendito con fillos Aser! Sexa favorecido ante seus irmáns, e bañe o seu pé en aceite. 25 De ferro e bronce será o teu calzado, e tan longo coma teus días será o teu repouso. 26 No hai ninguén coma o Deus de Iexurúm, que cabalga sobre os ceos e vén a te auxiliar, e na súa maxestade sobre as nubes. 27 O Deus eterno é o teu refuxio, baixo o que están os brazos eternos. Bota o inimigo da túa presenza e di: Destrúe! 28 Acampa Israel en seguridade, vive apartada a fonte de Xacob, en terra de trigo e viño; baixo os seus ceos que destilan orballo. 29 Feliz ti, Israel! Quen coma ti? Pobo que está a ser salvado por Iahveh! O que te axuda ten o seu escudo sobre ti, a a súa espada será a túa gloria. Han te adular os teus inimigos, ao tempo que lles pasas por riba.