1 Prestade atención, oh ceos, e falarei; que a terra escoite as palabras da miña boca. 2 Que pingue coma choiva a miña ensinanza, e que destile a miña palabra coma orballo, coma chuvisca sobre a herba e coma chuvascos sobre os prados. 3 Porque hei proclamar o nome de Iahveh. Atribuídelle grandeza ao noso Deus! 4 El é a rocha, a súa obra é perfecta, xustos todos os seus camiños, Deus de fidelidade, sen inxustiza, El é xusto e recto. 5 A corrupción non está nel, senón que a mancha é dos seus fillos, xeración perversa e torta! 6 Así é como lle pagades a Iahveh, pobo insensato e necio? Non é El teu pai que te comprou? Non foi El quen te fixo e te estableceu? 7 Fai memoria dos tempos pasados; considera os anos, xeración por xeración, pregúntalle a teu pai e el explicarache, aos teus maiores e eles dirancho: 8 cando Deus, o Altísimo, daba por herdade as nacións, cando separaba os fillos do home, púxolles fronteiras ás nacións, segundo o número dos fillos de Israel. 9 Porque a porción de Iahveh é o seu pobo, Xacob é a ligadura da súa herdanza. 10 Atopouno nunha terra deserta, e no ermo da soidade; rodeouno, acariñouno e coidou del coma a meniña dos seus ollos. 11 Coma alenta a aguia a súa niñada, sobrevoando sobre os seus aguiachos, estende as súas ás, recólleo, e lévao nas súas plumas. 12 Iahveh só o guiou e non houbo deus estranxeiro con el. 13 Fíxoo cabalgar sobre as montañas, alimentouno cos froitos dos seus campos, deulle a chuchar mel da rocha, e aceite do pedernal, 14 Manteiga de vaca e leite de ovella, con graxa de años e carneiros da raza de Basán, co mellor do trigo, e bebeu o sangue fermentado da uva. 15 Pero Iesurún comeu e foi saciado, e coceou; engordado, cebado e de bo ano, 16 abandonou a Deus, que o fixo, e rexeitou a rocha da súa salvación. 17 Provocárono a celos con deuses estraños, provocárono a ira coa súa idolatría. Fixeron sacrificios aos demos, e non a Deus, a deuses que non coñeceran, deuses novos, recén chegados, dos que vosos pais non tiveron temor. 18 Desprezaches á rocha que te xerou, e esqueciches ao Deus que te deu a luz! 19 Ao ver isto Iahveh, acendeuse na súa ira por mor do menosprezo dos seus fillos e das súas fillas, e dixo: 20 agocharei o meu rostro deles, deixarei ver cal será o seu fin; porque son unha xeración perversa, fillos infieis. 21 Eles provocárnome a celos con un que non é Deus, provocáronme a ira coa vaidade dos seus ídolos. Daquela, Eu provocarei os seus celos cun que non é pobo. Provocareinos a ira con xente insensata. 22 Inflamouse o lume da miña ira, e brasará ata as profundidades do Sheol, consumirá a terra cos seus froitos, e queimará os alicerces das montañas. 23 Amorearei males sobre eles, e esgotarei as miñas frechas contra deles. 24 Esbrancuxados pola fame, consumidos pola febre e convulsións malignas; heilles mandar os dentes das feras sobre eles, e o veleno das que reptan polo po. 25 Por fóra, a espada deixará sen fillos, e por dentro, o terror; ao mozo e á moza, o pequeno máis o cheo de canas. 26 Dixen que había esparexelos e que borraría a memoria deles entre os homes. 27 De non ter temido a provocación do inimigo, e a equivocación do adversario, que han dicir: foi a nosa man a quen triunfou e non foi Iahveh quen fixo isto. 28 Porque son nacións privadas de consello, e non hai entendemento nelas. 29 Oh se fosen sabios para discernir tal cousa, daquela comprenderían o seu propio destino. 30 Como é que pode un perseguir a mil, e dous facer fuxir a dez mil, se a súa Rocha non os tivera vendido, se Iahveh non os tivera entregado? 31 Porque os deuses deles non son coma o noso Deus; mesmo pensan así os nosos inimigos. 32 Porque a vide deles é cepa de Sodoma, collida dos campos de Gomorra; as súas uvas son uvas velenosas, os seus acios, amargos. 33 O seu viño é pezoña de serpes, e veleno mortal de áspides. 34 Non foi isto recollido e selado entre os meus tesouros? 35 Miña é a vinganza e a retribución, para o intre que faga esbarar o seu pé, porque o día da súa perdición achégase, e apresúrase a súa morte. 36 Porque Iahveh vingará a seu pobo e terá compaixón dos seus servos, cando vexa que lle marcharon as forzas, que non queda nin escravo nin libre. 37 Daquela El dirá: e os deuses onde eles se refuxiaban, u-los? 38 Non comían da graxa do seus sacrificios e bebían o viño das súas libacións? Que se ergan e veñan na vosa axuda e que sexan o voso refuxio! 39 Vede agora que Eu son, e non hai deuses fóra de min: Eu tiro a vida e Eu son que fai vivir, firo e tamén sano, e non hai quen poida librar da miña man. 40 Levanto, entón, a miña man cara os ceos e digo: Eu vivo eternamente! 41 Cando afíe a miña espada alustrada, e a miña man empuñe a xustiza, vingareime dos meus adversarios e darei o pago aos que me aborrecen. 42 Embebedarei de sangue as miñas frechas, e a miña espada fartará de carne, de sangue de mortos e prisioneiros, das longas cabeleiras dos xefes inimigos. 43 Alegrádevos nacións xunto co seu pobo, porque El vingará o sangue dos seus servos; traerá vinganza sobre os seus adversarios; o Señor fará expiación polo sangue do seu pobo. 44 Entón chegou Moisés e falou todas as palabras deste cántico aos ouvidos do pobo, el mais Xosué, fillo de Nun. 45 E cando rematou de dicir todas estas cousas a todo Israel, 46 díxolles: poñede o voso corazón en todas estas palabras que eu hoxe testifiquei na vosa contra, e mandade os vosos fillos que poñan por obra todas as palabras desta lei. 47 Porque non é palabra baleira para vós, en verdade é a vosa vida, e por ela prolongaredes os vosos días na terra a onde ides, cruzando o Xordán para posuíla. 48 E díxolle Iahveh naquel mismo día a Moisés: 49 sube a esta montaña de Abarim, ao monte Nebo, que está na terra de Moab frente a Iericó, e mira cara a terra de Canaán, a que eu lle dou a Israel en posesión. 50 E morre alí nese monte ao que sobes, e sé reunido ao teu pobo, así como morreu teu irmán Aarón no monte Hor, e foi reunido ao seu pobo. 51 Por canto pecastes contra min no medio dos fillos de Israel nas augas de Meriba, en Cades, no deserto de Zin, ao non santificarme entre os fillos de Israel. 52 É por iso que verás a terra de lonxe pero non has entrar nela.