1 Moisés entón falou estas palabras a todo Israel, 2 e díxolles: hoxe teño xa cento vinte anos e non podo andar indo e vindo, e Iahveh díxome: ti non has pasar este Xordán. 3 Iahveh o teu Deus pasará diante de ti. El destruirá as nacións diante de ti, e desposuiralas. Será Xosué quen che pase por diante, tal e como dixo Iahveh. 4 E fará Iahveh con elas así como fixo con Sehón e Og, reis dos amorreos, e á terra deles, que ambos foron destruídos. 5 Así mesmo os ha entregar Iahveh diante de vós, para que fagades con eles o que vos impuxen. 6 Esforzádevos e cobrade ánimo, non temades nin vos aterroricedes por mor deles, porque é Iahveh o teu Deus o que vai contigo. Non te ha deixar nin te ha desamparar. 7 Entón chamou Moisés a Xosué e díxolle diante de todo Israel: Esfórzate e ten bo ánimo, porque serás ti quen entre xunto con este pobo á terra que xurei dar a teus pais, e ti daraslla en posesión. 8 Iahveh é o que vai diante de ti, non te ha deixar, nin te ha desamparar. Non temas nin desfalezas. 9 Escribiu Moisés esta lei e deullela aos sacerdotes, fillos de Leví que levaban a arca do pacto de Iahveh, e a todos os anciáns de Israel. 10 Entón mandoulles Moisés: ao cabo de sete anos, no tempo sinalado do ano da remisión das débedas, na Festa dos Tabernáculos, 11 ao vir todo Israel á presenza de Iahveh no lugar que El escolla, leeraslle esta lei a todo Israel, para que escoiten. 12 Congregarás o pobo, homes, mulleres, meniños, e ao estranxeiro co que convives, para que escoiten, aprendan a temer a Iahveh o teu Deus, e garden as palabras desta lei para cumprilas. 13 E para que os seus fillos, que non a coñecen, escoiten e aprendan a temer a Iahveh o voso Deus, tódolos días que vivades na terra a onde ides, ao pasar o Xordán, para posuíla. 14 Entón díxolle Iahveh a Moisés: o tempo do teu pasamento está preto; chama a Xosué e preséntate na tenda de reunión para que Eu lle dea as ordes. 15 E foron Moisés e Xosué e presentáronse na tenda de reunión. E apareceu Iahevh na columna de nube, e pousouse a nube sobre a tenda de reunión. 16 E díxolle Iahveh a Moisés: mira, ti vas durmir cos teus pais; e este pobo levantarase e fornicará tras dos deuses estranxeiros na terra que van a entrar, e hame deixar e romperá o pacto que fixen con el. 17 E a miña ira prenderá contra deles naquel día, abandonareinos e escondereilles a miña faciana. Será consumido, e viranlle moitos males e tribulacións, e daquela dirá: non será que todo isto chegoume por non estar Deus en medio de min? 18 Pero en verdade que apartarei a miña faciana naquel día por todo o mal que teña feito, pois terase volto cara outros deuses. 19 Polo tanto, agora, escribide este cántico para vós e ti, ensínallo aos israelitas; pono na súa boca, para que este cántico me sexa por testemuña contra os israelitas. 20 Porque cando Eu os meta na terra que mana leite e mel, a que lle xurei a seus pais, e comanata fartaren e prosperen, hanse volver a outros deuses e serviranos, e despreciaranme e romperán o meu pacto. 21 Sucederá entón que cando moitos males e tribulacións lles veñan enriba, este cántico declarará contra deles coma testemuña (pois os beizos dos seus descendentes non o han esquecer). Porque Eu ben sei o plan que están argallando agora no seu corazón antes de entraren na terra que lles xurei. 22 E escribiu Moisés este cántico ese mesmo día e aprendeullo aos israelitas. 23 Entón nomeou Iahveh a Xosué, fillo de Nun, e dixo: sé forte e valente, pois serás ti quen leve os iraelitas á terra que lles xurei, e Eu estarei contigo. 24 E ao rematar de escribir Moisés estas palabras desta lei nun libro, ata completalas, 25 mandoulles aos levitas que levaran a arca do pacto de Iahveh, dicindo: 26 collede este libro da lei e poñédeo xunto a arca do pacto de Iahveh o voso Deus, para que fique alí coma testemuña contra vós, 27 porque sei ben das túas rebelións e da túa obstinación. Velaquí que mesmo estando eu aínda vivo entre vós, fostes rebeldes a Iahveh, canto máis o seredes despois do meu pasamento? 28 Xuntádeme a todos os anciáns das vosas tribos a aos vosos procuradores, para que fale estas palabras aos seus ouvidos, e poña os ceos e maila terra por testemuñas contra deles. 29 Porque eu sei que despois do meu pasamento, corromperédesvos totalmente e afastarédesvos do camiño que eu vos mandei, a así sobrevirá o mal nos vindeiros días, porque teredes feito o malo diante dos ollos de Iahveh, provocándoo a ira coa obra das vosas mans. 30 Entón recitou Moisés a ouvidos de toda a congregación de Israel, de principio a fin, as palabras deste cántico: