Capítulo 30

1 E cando todas estas cousas veñan sobre ti, a bendición e a maldición que eu poño diante de ti, recordaralas entre todas as nacións nas que te desterrei, 2 e volvas a Iahveh, o teu Deus, ti e os teus fillos e lle obedezas con todo o teu corazón e con toda a túa alma a todo o que eu che ordeno hoxe, 3 entón Iahveh, o teu Deus, farate volver da túa catividade, e terá compaixón de ti e hate recoller de novo de entre todos os pobos onde Iahveh, o teu Deus, te teña dispersado. 4 Se os teus desterrados están nos confins, de alí te traerá Iahveh, o teu Deus e de alí farate volver. 5 E Iahveh, o teu Deus, levarate á terra que os teus pais posuíron e ti hala posuír; El prosperarate e multiplicarate máis que aos teus pais. 6 Ademais, Iahveh, o teu Deus, circuncidará o teu corazón e o corazón dos teus descendentes, para que ames a Iahveh, o teu Deus, con todo o teu corazón e toda a túa alma, a fin de que vivas. 7 Iahveh, o teu Deus, porá todas estas maldicións sobre os inimigos e sobre os que te queren mal xa que te perseguiron. 8 E ti volverás a escoitar a voz de Iahveh e gardarás todos os seus mandamentos que che ordeno hoxe. 9 Entón, Iahveh, o teu Deus, farate prosperar abundantemente en todas as obras das túas mans, no froito do teu ventre, no froito do teu gando e no produto da túa terra, pois Iahveh alegrarase en ti de novo para ben, tal e como se alegrou cos teus pais, 10 porque obedecerás á voz de Iahveh, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus estatutos que están escritos neste libro da lei e escoitarás a voz de Iahveh, o teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma 11 Este mandamento que t¡che mando hoxe non é moi difícil para ti, nin está fora do teu alcance. 12 Non está no ceo como para dicires: quen subirá por nós ao ceo para traérnolo e facérnolo ouvir para que o obedezamos? 13 Nin está alén do mar para dicires: quen cruzará o mar por nós para traérnolo e para facérnolo escoitar, a fin de que o cumpramos? 14 Pois a palabra está preto de ti, na túa boca e no teu corazón, para que a gardes. 15 Mira que hoxe puxen diante de ti a vida e o ben, a morte e o mal, 16 porque hoxe mándoche que ames a Iahveh o teu Deus andando polos seus camiños e gardando os seus mandamentos, os seus estatutos e os seus decretos para que vivas e te multipliques, para que Iahveh, o teu Deus, te bendiga na terra na que vas entrar para posuíla. 17 Mais se o teu corazón se desvía e non escoitas, senón que te deixas arrastrar e adoras outros deuses e os servides, 18 eu declaro hoxe que certamente morreredes. Non aumentaredes os vosos días na terra para onde vas, cruzando o Xordán para entrar nela e posuíla. 19 Poño por testemuñas contra de vós ao ceo e a terra xa que puxen diante de ti a vida e a morte, a bendición e a maldición. Escolle, entón a vida para que vivas, ti e mais a túa descendencia, 20 amando a Iahveh, o teu Deus, escoitando a súa voz e achegándote a El, porque iso é a túa vida e a prolonga dos teus días, para que vivas na terra que Iahveh xurou dar aos teus pais Abraham, Isaac e Xacob.