1 Estas son as palabras do pacto que Iahveh mandou a Moisés que fixera cos fillos de Israel na terra de Moab, ademais do pacto que fixera con eles en Horeb. 2 Moisés convocou a todo Israel e díxolles: Vistes todo o que Iahveh fixo a Faraón na terra de Exipto diante dos vosos ollos, a todos os seus servos e a toda a súa terra, 3 as grandes probas que viron os vosos ollos, aqueles grandes sinais e marabillas. 4 Mais ata o de agora, Iahveh non vos deu un corazón para entender, nin ollos para ver nin ouvidos para ouvir. 5 Eu conducinvos corenta anos polo deserto, as vosas roupas non se gastaron enriba de vós e non se gastaron as sandalias nos vosos pés. 6 Non comestes pan nin bebistes viño nin sidra para que saibades que eu son Iahveh o voso Deus. 7 Cando chegastes a este sitio, Sehón, rei de Hesbón, e Og, rey de Basán, saíron ao voso paso para pelexar, mais vencémolos. 8 Logo collemos a súa terra e démoslla como herdanza aos rubenitas, aos gaditas e á media tribu de Manasés. 9 Gardade, pois, as palabras deste pacto e poñédeas en práctica, para que prosperedes no que fagades. 10 Hoxe estades todos vós na presenza de Iahveh o voso Deus: os vosos xefes, as vosas tribos, os vosos anciáns e os vosos oficiais, todos os homes de Israel, 11 os vosos nenos, as vosas mulleres e o forasteiro que está dentro dos teus campamentos, dende o leñador ata o que saca a auga. 12 para que entres no pacto con Iahveh o teu Deus, e no xuramento que Iahveh o teu Deus fai contigo hoxe, 13 co fin de instituírte hoxe como pobo e que El sexa o teu Deus, tal e como llo dixera e como llo xurara aos teus pais Abraham, Isaac e Xacob. 14 E non fago só con vós este pacto e e este xuramento, 15 senón que tamén cos que están hoxe aquí con nós na presenza de Iahevh o noso Deus, e cos que non están hoxe aquí con nós 16 (xa que vós sabedes como viviamos na terra de Exipto e como cruzamos polas nacións polas que pasastes). 17 Ademais, vistes as súas abominacións e os seus ídolos de madeira e de pedra, de prata e de ouro, que tiñan con eles, 18 non vaia ser que vaian entre vós home ou muller, familia ou tribo, dos que o seu corazón se alonxe de Iahveh o noso Deus para ir e servir os deuses daquelas nacións, non vaia ser que haxa entre vós una raíz que produza froito velenoso e absintio. 19 Cando esa persoa escoite as palabras desta maldición, felicitarase a si mesmo dicindo: terei paz aínda que ande na teima do meu corazón; destruíndo así o regado xunto co seco. 20 Iahveh non quererá perdoalo, senón que a ira de Iahveh e o seu celo hanse acender contra ese home e toda a maldición que está escrita neste libro caerá sobre el, e Iahveh borrará o seu nome de debaixo do ceo. 21 E Iahveh apartaráo para mal de entre todas as tribos de Israel, conforme a todas as maldicións do pacto escrito no libro desta lei. 22 E a xeración que virá, os vosos fillos que cheguen despois de vós e o estranxeiro que veña de terra lonxana, cando vexan as pragas e as enfermidades coas que Iahveh a aflixiu, dirán: 23 Toda a terra é xofre, sal e calcinación, sen sementar, non xermola nada e a herba non medra nela, coma na destrución de Sodoma e de Gomorra, de Adma e de Zeboim que Iahveh destruíu na súa ira e no seu furor. 24 E dirán as nacións: por que fixo así Iahveh nesta terra? Que é o ardor desta grande ira? 25 E háselles responder: porque abandonaron o pacto que Iahveh, o Deu dos seus pais, fixo con eles cando os sacou da terra de Exipto. 26 E eles foron e serviron a outros deuses e adoráronos, deuses que non coñecían e que El non lles dera. 27 Por iso, ardeu a ira de Iahveh contra aquela terra, para traer sobre dela toda a maldición que está escrita neste libro. 28 Iahveh arrincounos da súa terra con ira, con furor e con carraxe e botounos para outra terra, ata o día de hoxe. 29 As cousas secretas pertencen a Iahveh o noso Deus, mais as cousas reveladas perténcennos a nós e aos nosos fillos para sempre, para que gardemos todas as palabras desta lei.