1 Se escoitas atentamente a voz de Iahveh, o teu Deus, tendo coidado de cumprir todos os seus mandamentos que che mando hoxe; Iahveh, o teu Deus, poñerate sobre todas as nacións da terra. 2 Se escoitas a voz de Iahveh o teu Deus, todas estas bendicións virán sobre ti e alcanzarante. 3 Bendito serás na cidade e bendito serás no campo. 4 Bendito o froito do teu ventre, o froito da túa terra, o froito do teu gando, a cría das túas vacadas e os años dos teus rabaños. 5 Bendita será a túa cesta e a túa artesa. 6 Bendito será no teu entrar e bendito serás no teu saír. 7 Iahveh derrotará aos teus inimigos que se levanten contra ti na túa presenza, sairán cotra ti por un camiño e fuxirán por sete camiños. 8 Iahveh mandará que a bendición sexa contigo nos teus celeiros e en todo o que poñas as túas mans e bendicirate na terra que Iahveh, o teu Deus che dá. 9 Iahveh hate establecer como o seu pobo santo, tal como che xurou, ao gardares os mandamentos de Iahveh o teu Deus e andes nos seus camiños. 10 Entón todos os pobos da terra verán que o nome de Iahveh é invocado sobre ti e terán temor de ti. 11 Iahveh darache abundantes bens, o froito do teu ventre, o froito do teu gando e o produto da túa terra, na terra que xurou que lle daría aos teus pais. 12 Iahveh abrirá para ti o seu tesouro, os ceos para dar chuvia a túa terra no seu tempo e para bendicir toda a obra das túas mans, ti has prestar a moitas nacións, mais ti non pedirás prestado. 13 Se escoitas os mandamentos que Iahveh, o teu Deus, che ordeno hoxe, Iahveh porste por cabeza e non por cola, sempre estarás por riba e nunca por baixo; 14 non te desvíes de ningunha das palabras que che ordeno hoxe, nin á dereita nin á esquerda, para ir tras doutros deuses e servilos. 15 Mais de non obedecer a Iahveh, o teu Deus, gardando os mandamentos e estatutos que che ordeno hoxe, acontecerá que estas maldicións virán sobre ti e alcanzarante: 16 Maldito serás no campo e maldito serás na cidade. 17 Malditos serán a o teu cesto e a túa artesa. 18 Maldito o froito do teu ventre e o froito da túa terra, o crecemento do teu gando e as crías dos teus rabaños. 19 Maldito cando entres e cando saias. 20 Iahveh enviará sobre ti maldición, desconcerto e consternación, ata seres destruído e ata morreres axiña, por causa da maldade dos feitos polos que me abandones. 21 Iahveh fará que se che apegue a peste ata que desaparezas da terra na que entras para tomar posesión. 22 Iahveh hate ferir con tise, con febres, con inflamación e con ardor, con secura, con calamidade e con mildio, que te perseguirán ata que desaparezas. 23 E os ceos que están sobre a túa cabeza serán de bronce e a terra que está debaixo de ti será de ferro. 24 E Iahveh fará que a que a chuvia para a túa terra sexa pó e cinza; baixará do ceo sobre ti ata seres destruído. 25 Iahveh fará que sexas derrotado diante dos teus inimigos, sairás contra eles por un camiño e fuxirás diante deles por sete camiños e serás exemplo de terror para todos os reinos da terra. 26 O teu cadávere será alimento para as aves do ceo e para as feras da terra e non haberá quen as espante. 27 Iahveh hate ferir coas úlceras de Exipto e con tumores, coa sarna e coa tiña, das que non sandarás. 28 Iahveh hate ferir con loucura, con cegueira e con confusión de espírito. 29 Andarás as apalpadas ao mediodía coma o cego anda a tentas na escuridade, e non prosperarás nos teus camiños; mais ben serás maltratado e roubado sen que ninguén te salve. 30 Casarás cunha muller, mais outro home se deitará con ela, construirás unha casa, mais non vivirás nela, plantarás unha viña, mais non disfrutarás do froito. 31 O teu boi será degolado diante dos teus ollos, mais non comerás del, o teu asno serache roubado diante de ti e non se che devolverá, a túa ovella será dada aos teus inimigos e non terás quen te salve. 32 Os teus fillos e as túas fillas serán entregados a outro pobo, verano os teus ollos e desfalecerán por eles, mais non poderás facer nada. 33 Un pobo que ti non coñeces comerá o produto da terra e de todo o teu traballo e non serás máis que un pobo oprimido e roto para sempre. 34 E volveraste tolo polo que verán os teus ollos. 35 Iahveh hate ferir nos xeonllos e nas pernas con pústulas malignas das que non sandarás dende a planta do pé ata a coroa. 36 Iahveh fará que te leven xunto co rei ao que te someteches, a unha nación que nin ti nin os teus pais coñeceron, e alí servirás a outros deuses de madeira e de pedra. 37 E volveraste arrepío, refrán e burla entre todos os pobos onde Iahveh te leve. 38 Botarás moita semente ao campo, mais recollerás pouco, porque a lagosta comeráo todo. 39 Plantarás e cultivarás viñas, mais non beberás o viño nin recollerás as uvas, porque comeráas o verme. 40 Terás oliveiras por todo o teu territorio, mais non te unxirás con aceite, porque as túas oliveiras deixarán caer o froito. 41 Terás fillos e fillas, mais non serán teus, porque marcharán para o cativerio. 42 A lagosta consumirá todas as túas arbores e o froito da túa terra. 43 O estranxeiro que estea no medio de ti, subirá por riba de ti cada vez máis, mais ti irás cada vez máis para abaixo. 44 El hache prestar, mais ti non lle prestarás a el. El será a cabeza e ti serás a cola. 45 Todas estas maldicións virán sobre ti e seguirante e alcanzarante ata que sexas destruído, porque ti non escoitaches a voz de Iahveh, o teu Deus, non gardaches os seus mandamentos e estatutos que El che mandou. 46 E estes sinais e marabillas quedarán sobre ti e sobre a túa descendencia para sempre. 47 Xa que non serviches a Iahveh, o teu Deus, con alegría e con corazón gozoso, cando tiñas abundancia de todas as cousas, 48 servirás aos teus inimigos, que enviará Iahveh contra ti: no medio da fame, da sede, da nudez e da escaseza de todas as cousas. El porá sobre o teu pescozo un xugo de ferro ata que te destrúa. 49 Iahveh levantará contra ti unha nación de lonxe, dende o cabo da terra, que caerá en picado coma unha aguia contra ti, unha nacion da que non entederás a lingua, 50 unha nación de rostro duro que non respectará o ancián nin terá compaixón polo neno. 51 Comerá a cría do teu gando e o froito da túa terra, ata que sexas destruído. Tampouco che deixará grao, nin mosto, nin aceite, nin as crías do teu gando, nin as crías do teu rabaño, ata que te faga desaparecer. 52 Esa nación sitiará todas as túas cidades, ata que os muros altos e fortificados nos que ti confiabas caian por terra. Asediarate en todas as túas cidades, por toda a terra que Iahveh, o teu Deus che deu. 53 Entón comerás o froito do teu ventre, a carne dos teus fillos e das túas fillas que Iahveh che deu, no asedio e na angustia cos que te oprimirá o teu inimigo. 54 O home máis doce e máis delicado que hai no medio de ti, será malo co seu irmán, coa muller á que ama e co resto dos fillos que lle queden, 55 e non dará a ningún deles a carne dos seus fillos que comerá, porque senón non lle quedará para si, mesmo no asedio e na angustia cos que o teu inimigo te oprimirá en todas as portas das cidades. 56 A muller máis refinada e delicada que hai no medio de ti, que non ousaría por a planta do pé en terra por ser delicada e tenra, será mala co seu esposo que ama, tamén co seu fillo, coa súa filla, 57 coa placenta que saia do seu seo e cos fillos que dea a luz, porque os comerá en secreto por falta doutra cousa, no asedio e na angustia co que o teu inimigo te oprimirá nas portas das túas cidades. 58 Se non tes coidado de pór en práctica todas as palabras desta lei que están escritas neste libro, respectando este nome glorioso e temible, Iahveh, o teu Deus, 59 entón Iahveh fará máis horribles as pragas e as pragas dos teus descendentes, pragas grandes e duradeiras, e enfermidades malignas e persistentes. 60 Traerás sobre ti todas as enfermidades de Exipto das que tiñas temor e non te deixarán. 61 Tamén todas as enfermidades e toda praga que non están escritas no libro desta lei, ha traelas Iahveh sobre ti ata que sexas destruído. 62 E quedaredes uns poucos, aínda que fostes unha multitude como as estrelas do ceo, porque non obedeciches a Iahveh, o teu Deus. 63 Acontecerá que tal e como Iahveh se compracía en prosperarvos e multiplicarvos, así Iahveh deleitarase en vós para facervos morrer e destruírvos; e seredes arrincados da terra na que entrades para posuíla. 64 Ademais Iahveh hate dispersar entre todos os pobos dun extremo da terra ata o outro extremo da terra e alí servirás a outros deuses de madeira e de pedra que nin ti nin os teus pais coñeceron. 65 E entre esas nacións non terás descanso, e non haberá repouso para o teu pé, senón que alí Iahveh ha darche un corazón asustado, esmorecemento de ollos e desesperación de alma. 66 E terás a vida pendente dun fío; estarás aterrado pola noite e polo día, e non terás a túa vida segura. 67 De mañá dirás: oh, quen me dera que fose pola tarde! E pola tarde dirás: oh, quen me dera que fose de mañá! Por causa do terror do teu corazón con que temerás e polo que verán os teus ollos. 68 E Iahveh fará que volvas a Exipto en barcos, polo camiño do que eu che dixera: Nunca máis volverás a velo. E alí poñerédesvos en venta coma escravos e escravas aos vosos inimigos, mais non haberá quen vos compre.