1 Cando entredes na terra que Iahveh o teu Deus che dá por herdanza e tomes posesión dela e vivas alí, 2 collerás as primicias de todos os froitos que recollas da terra que Iahveh o teu Deus che dá, e poralas nunha cesta e irás ao lugar que Iahveh o teu Deus escolla para establecer alí o seu nome. 3 Irás onda o sacerdote que estea de servicio naqueles días e diraslle: declaro hoxe diante de Iahveh o meu Deus, que entrei na terra que Iahveh xurou aos nosos pais que daría. 4 O sacerdote collerá a cesta da túa man e colocaráa diante do altar de Iahveh, o teu Deus. 5 E contestarás e dirás diante de Iahveh, o teu Deus: o meu pai foi un arameo errante que baixou a Exipto con moi poucos homes e viviu alí, mais chegou a ser un pobo grande, forte e numeroso. 6 Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume. 7 Entón clamamos a Iahveh, o Deus dos nosos pais e Iahveh escoitou a nosa voz e viu a nosa aflición, o noso traballo e a nosa opresión. 8 E Iahveh sacounos de Exipto coa súa man forte e o seu brazo estendido, con grande terror, sinais e milagres 9 e tróuxonos a este lugar e deunos a terra, unha terra na que mana leite e mel. 10 Agora, velaí que trouxen a este lugar as primicias dos froitos da terra que ti, iahveh, me deches". Entón poralas diante de Iahveh, o teu Deus, e adorarás diante de Iahveh, o teu Deus. 11 E has alegrarte, ti e mais o levita e o estranxeiro que estea no meio de ti por todo o ben que Iahveh, o teu Deus, che deu a ti e a túa casa. 12 E cando remates de dar todo o décimo das túas colleitas no terceiro ano, ano do décimo, entón darás ao levita, ao forasteiro, ao orfo e á viuva para que poidan comer nas túas cidades ata que fartaren. 13 E dirás diante de Iahevh, o teu Deus: saquei da miña casa a parte consagrada e xa lla dei ao levita, ao estranxeiro, ao orfo e á viuva conforme aos mandamentos que ti me mandaches, non transgredín ningún dos teus mandamentos nin os esquecín. 14 Non comín dela cando estaba de loito, nin collín dela mentres era inmundo, nin lle ofrecín parte aos mortos. Escoitei a voz de Iahveh, o meu Deus, e fixen conforme a todo o que me mandaches. 15 Mira dende a túa morada santa, dende os ceos, e bendice ao teu pobo Israel e a terra que nos deches, unha terra na que mana leite e mel, como xuraches aos nosos pais. 16 Iahevh, o teu Deus, mándache hoxe que cumpras estes preceptos e decretos. Terás coidado de cumprilos con todo o teu corazón e con toda a túa alma. 17 Hoxe declaraches solemnemente que Iahveh é o teu Deus, que andarás nos seus camiños e que gardarás os seus preceptos, os seus mandamentos e os seus decretos, e que escoitarás a súa voz. 18 E Iahveh declarou hoxe que ti es o seu pobo, o seu tesouro especial, como El prometeu, e que debes de gardar todos os seus mandamentos, 19 El porate en alto sobre todas as nacións que creou para gabanza, renome e honra, e serás un pobo consagrado a Iahveh, o teu Deus, tal como prometeu.