1 Así que se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de arriba onde Cristo está sentado á dereita de Deus. 2 Centrádevos nas cousas de arriba, e non nas da terra. 3 Vós morrestes, e a vosa vida está oculta con Cristo en Deus. 4 Cando Cristo, a vosa vida, se manifeste, entón vós tamén seredes presentados xunto con El en gloria. 5 Sendo isto así, tede en conta os vosos corpos e facede morrer neles toda a inmoralidade sexual, a impureza, as paixóns, os malos desexos, e a avaricia, que é idolatría. 6 Por estas cousas é que vén a ira de Deus sobre os fillos de desobediencia. 7 Nestas cousas andastes vós antes cando viviades nelas. 8 Mais agora tendes que desfacervos de todas estas cousas: ira, xenreira, malas intencións, insultos, e palabras obscenas das vosas bocas. 9 Non mintades uns aos outros , xa que vos desfixestes da vosa vella natureza cos seus malos costumes, 10 e vos vestistes da nova natureza que vos vai renovando cara un verdadeiro coñecemento, de acordo á imaxe de Aquel que a creou, 11 onde non hai grego nin xudeu, circuncisión nin incircuncisión, bárbaro, escita, escravo ou libre, senón que Cristo é todo e está en todos. 12 Entón, como escollidos de Deus, santos e amados, vestídevos de compaixón e misericordia, de bondade, humildade, sede mansos e pacientes, 13 soportándovos e perdoándovos uns aos outros, se algún ten algunha queixa en contra doutro; perdoade como Cristo vos perdoou. 14 E por riba de todo isto, vestídevos de amor, que é o que vos une. 15 E que a paz de Cristo goberne nos vosos corazóns, esa paz pola que fostes chamados nun só corpo, e sede agradecidos. 16 Deixade que a palabra de Cristo viva en vós en abundacia, ensinádevos e amoestádevos con toda sabedoría uns aos outros con salmos, himnos e cantigas espirituais, cantando a Deus con acción de grazas nos vosos corazóns. 17 E calquera cousa que fagades, por palabras ou por feitos, facédeo todo no nome do Señor Xesús, dando grazas a Deus o Pai por medio del. 18 Mulleres, estade suxeitas aos vosos maridos, como convén no Señor. 19 Maridos, amade as vosas mulleres e non as amarguedes. 20 Fillos, obedecede os vosos pais en todo, porque isto é o que lle agrada ao Señor. 21 Pais, non fagades que os vosos fillos se anoxen sen ter motivo para que non se desanimen. 22 Servos, obecedede en todo os vosos señores na terra, non para serdes vistos, como os que queren compracer os demais, senón con sinceridade de corazón, temendo ao Señor. 23 E todo o que fagades, facédeo de corazón, como para o Señor e non para as persoas, 24 sabendo que recibiredes a recompensa da herdanza. Vós servides a Cristo Xesús. 25 Porque todo o que fai inxustiza, sufrirá as consecuencias desa inxustiza, sen acepción de persoas.