1 Señores, dade aos vosos servos o xusto e equitativo, sabendo que tamén tendes un Señor no ceo. 2 Perseverade na oración, velando nela con acción de grazas; 3 orando ao mesmo tempo por nós, para que Deus nos abra unha porta para a palabra, a fin de falar o misterio do Mesías, polo que eu estou tamén encadeado, 4 para dalo a coñecer como debo facelo. 5 Conducídevos con sabedoría para cos de fóra, aproveitando o tempo. 6 A vosa palabra sexa sempre con graza, sazonada con sal, para que saibades como responder a cada persoa. 7 De tódalas miñas cousas, informaravos Tíquico, irmán amado e fiel ministro e compañeiro de servizo no Señor. 8 Para isto mesmo volo mandei, para que saibades da nosa situación e que console os vosos corazóns; 9 e canda el a Onésimo, fiel e amado irmán, que é un de vós. Eles daranvos conta do que está a pasar aquí. 10 Saúdavos Aristarco, meu compañeiro de prisións, tamén Marcos, o curmán de Bernabé (sobre o que recibistes ordes, se vai a vós, acollédeo), 11 e Xesús, o que se chama Xusto; estes son da circuncisión, e os únicos colaboradores no reino de Deus que me foron de consolo. 12 Saúdavos Epafras (que é un de vós), servo de Cristo, quen se esforza sempre por vós nas oracións, para que esteades firmes, perfectos, e totalmente decididos a cumprir toda a vontade de Deus. 13 Porque dou testemuña del, que está moi aflixido por vós e polos que están en Laodicea e Hierápolis. 14 Lucas, o médico amado, mándavos saúdos, e Demas. 15 Saudade os irmáns que están en Laodicea, tamén a Ninfas e á igrexa que está na súa casa. 16 Cando leades esta carta entre vós, facédea ler tamén na igrexa dos laodicenses; e vós, pola vosa parte, lede a carta de Laodicea. 17 E dicídelle a Arquipo: mira polo ministerio que recibiches do Señor, para que o cumpras. 18 O saúdo vai da miña propia man, de Paulo. Lembrádevos das miñas prisións. A graza sexa convosco.