Capítulo 2

1 Pois quero que saibades a loita tan grande que teño por vós e polos que están en Laodicea, e por todos os que non me viron persoalmente. 2 Eu traballo para que os seus corazóns sexan alentados e unidos en amor, e acaden tódalas riquezas que veñen dunha plena seguridade de entendemento, resultando nun verdadeiro coñecemento do misterio de Deus, é dicir, de Cristo; 3 en quen están todos os tesouros da sabedoría e do coñecemento. 4 Isto dígovolo para que ninguén vos engane con razoamentos persuasivos. 5 Porque mesmo que estou lonxe de vós no corpo, estou con vós en espírito, alegrándome de ver a vosa boa disciplina e a estabilidade da vosa fe en Cristo. 6 E así como recibistes ao Señor Xesús, o Mesías, camiñade como El; 7 firmemente enraizados e edificados nel e confirmados na vosa fe, tal e como fostes ensinados, revertendo de gratitude. 8 Mirade que ninguén vos cative con filosofías e especulacións baleiras, segundo as tradicións humanas, conforme aos principios fundamentais deste mundo e non segundo Cristo. 9 Porque nel reside corporalmente toda a plenitude da Deidade. 10 E vós estades completos nel, que é a cabeza sobre todo poder e autoridade; 11 nel tamén fostes circuncidados non cunha circuncisión feita por mans de homes, senón quitando o corpo da carne mediante a circuncisión de Cristo; 12 sepultados con El no bautismo, no que tamén resucitastes con El pola fe na acción do poder de Deus, que o resucitou de entre os mortos. 13 E cando estabades mortos nos vosos pecados e na incircuncisión da vosa carne, deuvos vida xuntamente con El, perdoándonos todos os pecados; 14 tendo anulado o documento con todos os decretos que había en contra de nós, 15 botándoo fóra e cravándoo na cruz. Despoxando os gobernos e autoridades, fixo deles un espectáculo público, triunfando sobre eles por medio del. 16 Así que ninguén vos xulgue polo que comedes ou bebedes, ou polo día de festa, ou pola lúa nova, ou polo día de repouso; 17 cousas que só son sombras do que vai vir, pero o corpo pertence a Cristo. 18 Que ninguén vos prive do premio na súa falsa humildade e na adoración dos anxos, baseándose en visións que tivo, envaidecido pola súa mente carnal, 19 mais non suxeitándose á cabeza, pola que todo o corpo, alimentado e unido polas xuntas e tendóns, medra cun crecemento que é de Deus. 20 Se morrestes aos principios do mundo con Cristo; por que, como se aínda vivírades no mundo, vos sometedes aos preceptos como: 21 non toques, non gustes, non apalpes? 22 (Todo isto refírese a cousas destinadas a desfacerse co uso), segundo os preceptos e ensinanzas de persoas. 23 Tales cousas teñen de verdade a aparencia de sabedoría nunha relixión humana, na humildade e no maltrato do corpo, mais non teñen valor algún contra os apetitos da carne.