Capítulo 9

1 Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, foi ao sumo sacerdote, 2 e pediulle cartas para as sinagogas de Damasco, para que se atopaba algúns que pertencesen ao Camiño, tanto homes coma mulleres, puidese levalos atados a Xerusalém. 3 E aconteceu que mentres viaxaba, ao achegarse a Damasco, de súpeto resplandeceu no seu derredor unha luz do ceo; 4 e ao caer no chan, escoitou unha voz que lle dicía: -Saulo, Saulo, por que me persegues? 5 E el dixo: -Quen es, Señor? E El respondeu: -Eu son Xesús a quen estás a perseguir; 6 érguete, entra na cidade, e diráseche o que debes facer. 7 Os homes que ían con el detivéronse atónitos, oíndo a voz, pero sen ver a ninguén. 8 Entón Saulo ergueuse do chan, e aínda que os seus ollos estaban abertos, non vía nada; e colléndoo da man, levárono a Damasco. 9 E estivo tres días sen ver, e non comeu nin bebeu. 10 Había en Damasco certo discípulo chamado Ananías; e o Señor díxolle nunha visión: -Ananías. E el dixo: -Aquí me tes, Señor. 11 E o Señor díxolle: -Érguete e vai á rúa que se chama Dereita, e pregunta na casa de Xudas por un home de Tarso chamado Saulo, porque, velaquí, está a orar, 12 e viu nunha visión a un home chamado Ananías, que entra e pon as mans sobre el para que recupere a vista. 13 Pero Ananías respondeu: -Señor, eu oín de moitos sobre este home, canto mal fixo aos teus santos en Xerusalém, 14 e por se fora pouco ten a autoridade dos principais sacerdotes para prender a todos os que invocan o teu nome. 15 Pero o Señor díxolle: -Vai, porque el é o meu instrumento escollido, para levar o meu nome diante dos xentís e de reis, e dos fillos de Israel; 16 porque Eu amosareille canto debe padecer polo meu nome. 17 Entón Ananías foi e entrou na casa, e logo de poñer as mans sobre el, dixo: -Irmán Saulo, o Señor Xesús, que se che apareceu no camiño por onde viñas, envioume para que recobres a vista e sexas cheo do Espírito Santo. 18 Nese intre caeron dos seus ollos como unhas escamas, e recuperou a vista; e levantouse e foi bautizado, 19 e comendo recobrou as forzas. E estivo por varios días cos discípulos que estaban en Damasco. 20 De contado púxose a predicar a Xesús nas sinagogas, dicindo: El é o Fillo de Deus. 21 E todos os que o escoitaban estaban abraiados e dicían: non é este o que en Xerusalém destruía aos que invocaban este nome, e o que viñera aquí con este propósito: para levalos atados ante os principais sacerdotes? 22 Pero Saulo seguía fortalecéndose e confundindo aos xudeus que vivían en Damasco, demostrando que este Xesús é o Mesías. 23 Despois de moitos días, os xudeus tramaron desfacerse del, 24 pero a súa conxura chegou ao coñecemento de Saulo. E aínda vixiaban as portas día e noite coa intención de matalo; 25 pero os seus discípulos collérono de noite e sacárono por un burato na muralla, baixándoo nunha canastra. 26 Cando chegou a Xerusalém, trataba de xuntarse cos discípulos; e todos tiñan medo del, non crendo que era discípulo. 27 Pero Bernabé colleuno e presentouno aos apóstolos, e contoulles como Saulo vira ao Señor no camiño, e que El lle falara, e como en Damasco predicara con valor no nome de Xesús. 28 E estaba con eles movéndose libremente en Xerusalém, falando con valor no nome do Señor. 29 Tamén falaba e discutía cos xudeus helenistas; mais estes tentaban matalo. 30 Pero cando o souberon os irmáns, levárono a Cesarea, e de alí mandárono a Tarso. 31 Daquela a igrexa vivía en paz por toda a Xudea, Galilea e maila Samaria, ía sendo edificada e camiñaba no temor do Señor; e medraba na fortaleza do Espírito Santo. 32 E mentres Pedro viaxaba por todas aquelas rexións, veu tamén aos santos que vivían en Lida. 33 Alí atopou a un home chamado Eneas, que estivera prostrado na cama por oito anos, porque estaba paralítico. 34 E Pedro díxolle: -Eneas, Xesucristo sándache; érguete e fai a túa cama. E ao instante ergueuse. 35 Todos os que vivían en Lida e en Sarón vírono, e convertéronse ao Señor. 36 Había entón en Iope unha discípula chamada Tabita (que traducido ao grego é Dorcas); esta muller era rica en obras boas e de caridade que facía continuamente. 37 E sucedeu que naqueles días enfermou e morreu; e lavado o seu corpo, puxérono nun apousento alto. 38 Como Lida estaba preto de Iope, os discípulos, ao oír que Pedro estaba alí, enviáronlle dous homes, rogándolle: non tardes en vir a nós. 39 Entón Pedro levantouse e foi con eles; e cando chegou, levárono ao apousento alto, e tódalas viúvas rodeárono chorando, amosando todas as túnicas e roupas que Dorcas adoitaba facer cando estaba con elas. 40 Entón Pedro, facendo saír a todos, axeonllouse e orou, e volvéndose ao corpo, dixo:-Tabita, érguete. E ela abriu os ollos, e ao ver a Pedro, incorporouse. 41 E el deulle a man e levantouna; e chamando aos santos e ás viúvas, presentouna viva. 42 E isto sóubose en todo Iope, e moitos creron no Señor. 43 E Pedro quedou en Iope moitos días cun tal Simón, curtidor.